Desde Sermos Galiza:
“Nova Nursia (Xerais, 2018), a novela de Héctor Cajaraville sobre Frei Rosendo Salvado, gañou a 34ª edición do premio Antón Losada Diéguez na categoría de creación literaria. En ensaio, o galardón foi para As orixes da fotografía en Galicia (Alvarellos / Consorcio de Santiago de Compostela, 2019), de Carlos Castelao.
A obra de Cajaraville válese dunha combinación de perspectivas -narración en terceira persoa e cartas en primeira- para achegar a figura do relixioso que, de Tui a Australia, está considerado ademais o introdutor do eucalipto en Galiza. Beneditino, protagoniza esta “áxil novela histórica”, en palabras do xurado.
As orixes da fotografía en Galicia é un traballo pioneiro, de gran profundidade documental, sobre “a chegada e asentamento da fotografía na sociedade compostelá”. É ademais unha coidada edición con ducias de imaxes que contribúen a “rescatar a memoria visual da época”.
Ao certame, organizado polos concellos do Carballiño e Boborás, concorreron 38 obras, 16 na modalidade de ensaio e 22 na de literatura. Está dotado con 6.000 euros por categoría e entregarase nun acto no pazo da familia Losada Diéguez en Moldes (Boborás) o vindeiro 15 de xuño.
O xurado estivo presidido polo concelleiro de Cultura do Carballiño Diego Fernández. Participaron como vocais: pola Real Academia Galega, Afonso-Vázquez Monxardín; polo Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas; do Museo do Pobo Galego, Francisco Fariña; por Boborás, Patricia Torres; da Universidade de Santiago, María do Mar Lorenzo; da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro; e da Deputación Luís González Tosar.”
Arquivos da etiqueta: Concello do Carballiño
O Carballiño: presentación de Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández
Bases do XXXII Premio Losada Diéguez
A Esgueva, Madarnás, O Carballiño: Auga, árbore e poesía na Insua dos Poetas
Esgueva, O Carballiño: VI Festa da Palabra, adicada a Eduardo Blanco-Amor
Ramón Nicolás e Begoña Caamaño gañan o Premio Losada Diéguez
Desde
Sermos Galiza:
“Morgana en Esmelle (Galaxia), a segunda novela de Begoña Caamaño resultou gañadora do premio Antón Losada Diéguez na súa XXVIII edición canda Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais), de Ramón Nicolás na categoría de ensaio. Os premios convocados polos concellos de Boborás e O Carballiño, patrocinado pola Deputación de Ourense, valoran a mellor obra publicada entre as edicións co cal, por terceira vez a obra de Caamaño recoñécese como a mellor publicada en narrativa no pasado ano.
Un xurado composto por Euloxio Rodríguez Ruibal, Dolores Vilavedra, Francisco Luis Fariña Busto, Avelino García, Xosé Henrique Costas e Goretti Sanmartín decidiu premiar a novela de Begoña Caamaño pola “súa orixinalidade no tratamento dun tema de longa tradición, non só na literatura galega senón nas literaturas universais”. Segundo o xurado, a novela consigue “renovar a temática artúrica fuxindo de estereotipos e creando poderosas personaxes femininas. Por outra parte a obra combina un persoal estilo literario cun magnífico traballo lingüístico”. (…)”.