Compostela: Xornada O ensino da literatura a debate, o xoves 2 de xullo

Literatura a debate 1Literatura a debate 2Literatura a debate 3Literatura a debate 4A solicitude de inscrición pode efectuarse aquí.

Gravacións das II Xornadas de Literatura e Ensino: Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá (III)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), celebrou os días 9 de 10 de novembro de 2012 a segunda edición das Xornadas de Literatura e Ensino que, co lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá abordou os seguintes obxectivos:
– A posta en valor do Club de Lectura como formato plenamente vixente para o fomento da lectura e da escritura creativa, así como para a normalización lingüística e o achegamento á lingua e literatura portuguesa.
– A revisión dos parámetros metodolóxicos actuais para a didáctica de contidos de xéneros tradicionais, con especial incidencia no poético e mais na literatura infanto-xuvenil, explorando o seu potencial normalizador coa axuda das novas tecnoloxías aplicadas á creación e á difusión.
– Temas de especial interese para o profesorado -os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura, as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil, tamén no sentido da estimulación da escrita creativa- tamén terá espazo nas xornadas.
Reproducimos nesta Axenda os vídeos onde se recollen as participacións nas Xornadas. Pódense consultar todos aquí.

Presentación da mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?

Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti? Intervención de Concha Costas

Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti? Intervención de Maria José Díaz Pinheiro

Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti? Intervención de Joseph Ghanime Lopes

Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti? Intervención de Miguel Ríos

Santiago: II Xornadas de Literatura e Ensino, Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá, o 9 e 10 de novembro

O venres 9 e sábado 10 de novembro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), (Rúa San Lázaro, 107) de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos, organiza as II Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá.

O programa, que pode ser descargado aquí, é o seguinte:

Venres, 9 de novembro
16:30 h. Conferencia: Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição, por Rui Torres.
17:30 h. Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?, con Joseph Ghanime Lopes, Concha Costas, Miguel Ríos e María José Díaz Pinheiro.
19:00 h. Espectáculo poético: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao.

Sábado 10 de novembro
10:00 h. Conferencia: Literatura infanto-xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora?, por Agustín Fernández Paz.
11:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro no seu centenario: voz dun tempo e dunha terra, por Ramón Nicolás.
12:15 h. Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?, con Francisco Castro, Fina Casalderrey e María Reimóndez.
16:30 h. Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía, con Ledicia Costas, Ángel Núñez Ramos e Dores Tembrás.
18:00 h. Espectáculo poético: A hostia en verso, con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane.

A entrada é de balde.

Gondomar: abre a “Casa da Lectura”

casa-da-lectura-1O sábado 16 de maio pola mañá a asociación Espazo Lectura abriu na parroquia de Donas, en Gondomar, a Casa da Lectura, nun acto durante o que tamén foi presentado o libro Os ollos do Contomar ante o público e os medios de comunicación. A Casa da Lectura, unha iniciativa pioneira creada desde o asociacionismo civil, foi resaltado como un proxecto pioneiro en Galicia que ten a singularidade de estar ubicado no ámbito rural e dirixirse a unha comunidade rural para facilitarlle o diálogo cos libros e a lectura. No acto participaron a presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas; a directora do CEIP Souto-Donas, Carmen Mora; o alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo; o fotógrafo Manuel G. Vicente; a contacontos e actriz Paula Carballeira e o escritor Gonzalo Navaza. O mal tempo non desluciu un acto non exento da emoción de ver cumprido un soño, en palabras da directora do CEIP, Carmen Mora, “o mellor dos soños posibles ver a transformación máxica dun espazo escolar”.

casa-da-lectura-2A presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas, resaltou a importancia da Casa da Lectura como un proxecto de recuperación para devolverlle a vida a espazos en desuso e habilitalos para o libro e a cultura, e declarou que a programación de fomento da lectura que todos os mércores pola tarde se vai levar a cabo nela supón dobrar a oferta de actividade arredor do libro e a lectura que xa se viña facendo por parte da asociación en Gondomar. Contacontos, obradoiros de ilustración, recitais poéticos ou merendas con contos son algunhas das actividades que se convertirán en citas habituais da Casa da Lectura. Nese sentido, Concha Costas resaltou a importancia de traballar desde a base para que o fomento da lectura funcione e dea resultados positivos, ofrecendo unha programación regular co capacidade de crear hábito, máis alá das actuacións puntuais.

O alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo, gabou o proxecto de Espazo Lectura que, dixo, se pode poñer en valor a través dun libro como Os ollos do Contomar e da Casa da Lectura e resaltou que este traballo de Espazo Lectura “vai dar moito que falar e moito que ler”. As intervencións da escritora Paula Carballeira e Gonzalo Navaza foron as máis emotivas, apoiando co seu entusiasmo o o traballo que se está a realizar. A actriz Paula Carballeira resaltou que o máis fantástico do libro é poder ver as caras dos nenos, coa emoción compartida de quen está a gozar da fantasía e da imaxinación, e o escritor Gonzalo Navaza resalto o papel sociabilizador e enriquecedor da lectura nunha sociedade individualizada e impermeabilizada polo consumismo.