O
Consello da Cultura Galega e o Instituto Camões asinaron en Compostela un pioneiro protocolo-marco de colaboración para fomentar a realización de actividades conxuntas e o intercambio de experiencias culturais. Os titulares das dúas institucións, Ramón Villares e Ana Paula Laborinho, respectivamente, subliñaron a importancia dunha iniciativa “que abre camiño para outros obxectivos” (Laborinho) e “que nos ofrece unha antena para a difusión da cultura galega” (Villares). Previo á sinatura tivo lugar un coloquio coa Presidenta do Instituto Camões e representantes do mundo cultural, educativo e universitario de Galicia, no que tamén estivo presente o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Consello da Cultura Galega e Instituto Camões consideran que “para se promover o coñecemento e difusión da cultura galega no exterior e da cultura de expresión portuguesa en Galicia é de fundamental importancia que se establezan relacións de intercambio entre ambas as entidades”. Con esa finalidade trátase de “realizar actividades e proxectos de forma conxunta en todas as áreas que resulten de interese mútuo, especialmente o intercambio de publicacións, a organización de conferencias, seminarios e cursos, a realización de exposicións ou de outros programas que poidan interesar a ambas as partes ou a cadansúa institución”. Ramón Villares e Ana Paula Laborinho expresaron a súa satisfacción pola sinatura deste protocolo-marco e a vontade de facer camiño, logo deste primeiro paso imprescindible para acometer outras iniciativas conxuntas nos vindeiros anos. O Presidente do CCG salientou mais unha vez a especial dimensión que para Galicia supón a presenza activa na comunidade de países de lingua portuguesa. A Presidenta do Instituto Camões falou, pola súa parte, da importancia de contar con Galicia e con España como parceiros privilexiados no espazo europeo e iberoamericano.
Antes da sinatura do protocolo, a Biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu un coloquio de Ana Paula Laborinho con 35 representantes do mundo cultural, educativo, universitario e da empresa de Galicia. No curso do encontro a Presidenta do Instituto Camões falou sobre Presenza da lingua portuguesa no ensino en Galicia e presenza da cultura galega na rede de centros do Instituto Camões. Na sesión interviu tamén Felipe Domínguez Presa, profesor da Universidade de Vigo, co relatorio Situación actual do ensino da lingua portuguesa na educación secundaria en Galicia. No debate, moderado polo profesor Henrique Monteagudo, tiveron ocasión de participar os profesores Dante Luchesi (Brasil), Fernando Venâncio (Portugal), Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Rodríguez, Enrique Sáez, Ângelo Cristovão Angueira (secretario da Academia Galega da Lingua Portuguesa), Camilo Nogueira e Luís González Tosar. Uns e outros puxeron de manifesto a necesidade do coñecemento e o recoñecemento, do diálogo e a cooperación Galicia-Portugal para actuar máis eficazmente no horizonte da diversidade.
Vía Consello da Cultura Galega.
Arquivos da etiqueta: Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega: A cultura na época das vacas fracas (II)
“Unha
maior presenza da iniciativa privada e a innovación preséntanse como chaves na consolidación das industrias culturais. E cómpre actuar con rapidez para aproveitar as posibilidades das novas tecnoloxías e reaccionar contra os perigos da globalización. Cando menos, esas son algunhas das principais conclusións que se poden atopar no documento para o debate da Reflexión Estratéxica sobre a Cultura Galega que promoveu o Consello da Cultura. Francisco Campos, coordinador do relatorio sobre Cultura e Mercado, explícanos esta parte do debate”. Esta é a segunda dunha serie de reportaxes nas que se abordará as principais áreas dese proceso. Máis información sobre este proceso aberto á participación en Cultura Galega, e neste enlace ao documento completo da Reflexión estratéxica sobre a cultura galega.
Consello da Cultura Galega: A cultura na época das vacas fracas (I)
“As
épocas de fartura tamén reverteron no ámbito cultural. Consolidáronse os ornamentos relativos a cultura, creáronse unha nutrida rede de infraestruturas que dan acubillo a un número crecente de actividades…. Pero a crise obriga a repensar esa forma de traballar, planificar e concibir a cultura. Ese novo punto de vista sobre as políticas culturais abordouse no marco dunha reflexión estratéxica que propuxo o Consello da Cultura Galega e que agora abre ao conxunto dos cidadáns”. Esta é a primeira dunha serie de reportaxes nas que se abordará as principais áreas dese proceso. Máis información sobre este proceso aberto á participación en Cultura Galega, e neste enlace ao documento completo da Reflexión estratéxica sobre a cultura galega.
Santiago: II Xornada da Crítica, A crítica e a Literatura Infantil e Xuvenil
O venres
22 de outubro desenvólvese a II Xornada da Crítica, que tratará sobre A crítica e a Literatura Infantil e Xuvenil, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega. O programa é o seguinte:
10:30 h. Inauguración, a cargo de Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG, e Blanca-Ana Roig, en representación da Sección de Crítica Literaria da AELG.
11:00 h. Conferencia: A crítica literaria académica da Literatura Infantil e Xuvenil galega, por Isabel Mociño González (Universidade de Santiago), presentada por Isabel Soto López (Universidade de Santiago).
12:30 h. Conferencia: A crítica do libro infantil e xuvenil na prensa, por Xosé Manuel Eyré (Comisión Executiva da sección de Crítica Literaria Galega), presentado por Eulalia Agrelo Costas (Universidade de Santiago).
16:45 h. Mesa redonda sobre A Literatura Infantil e Xuvenil na crítica literaria ibérica, con Caterina Valriu (Universidade das Illas Baleares), Mari Jose Olaziregui (Universidade do País Vasco), Mª Victoria Sotomayor (Universidade Autónoma de Madrid) e José António Gómes (Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico do Porto), moderada por Blanca-Ana Roig Rechou (Universidade de Santiago).
18:15 h. Debate entre todos os asistentes: Presenza e ausencia da crítica literaria sobre a Literatura Infantil e Xuvenil, coa moderación de Mar Fernández Vázquez (Universidade de Santiago) e Ana Margarida Ramos (Universidade de Aveiro).
Roteiro Otero Pedrayo no rural ourensán
O Consello da Cultura Galega presenta o Roteiro “Otero Pedrayo no rural ourensán“.
Roteiros Castelao en Pontevedra e Barbanza
Desde o Consello da Cultura Galega disponibilízanse os Roteiros de Castelao en Pontevedra e no Barbanza.
“Comunicar cultura”, as xornadas do CCG
Durante os días 20, 21 e 29 de abril de 2010 terán lugar no Consello da Cultura Galega as xornadas “Comunicar cultura”, que contarán coa participación, entre outras, de Ramón Villares, Ana Romaní, Camilo Franco, Carlos G. Reigosa, Santiago Jaureguizar, Xosé Ramón Pena, Antón Lopo e Alfredo Ferreiro. A organización está principalmente a cargo de Xosé López, Xosé Manuel Pereiro e Rosa Aneiros. Pode consultarse o programa completo aquí.
«A comunicación ocupa un lugar central na configuración dos novos modelos de sociedade e, por tanto, tamén nas transformacións no campo cultural. Comunicación e Cultura son aspectos da mesma realidade social que dificilmente podemos separar. Nestes últimos anos a alianza entre cultura e comunicación converteuse nun eixe estratéxico para xerar produtos creativos, para fomentar o intercambio de puntos de vista e para incentivar a participación cidadá en todos os ámbitos da vida diaria. O panorama actual amosa oportunidades para que, mediante o emprego das ferramentas axeitadas, poidamos converter vellos soños de renovación no campo da comunicación e da cultura en realidades. A comunicación mediada tecnoloxicamente, como elemento transversal para a cultura, convértese nun instrumento clave nos procesos de difusión e creación para uns cidadáns cada vez máis esixentes. De feito, a cultura encóntrase no centro da maioría dos debates contemporáneos sobre identidade, tolerancia e convivencia en igualdade. Hai, por tanto, apaixonantes desafíos pensando a comunicación desde a cultura.
Estas xornadas de traballo, enmarcadas nos foros de debate que promove e organiza o Arquivo de Comunicación do Consello da Cultura Galega, queren achegar reflexións teóricas e prácticas, potenciar o coñecemento e fomentar o debate. Será un encontro aberto con voces plurais para procurar ideas neste proceso de análise e debate colectivo, con especial atención ás renovadas técnicas para comunicar cultura no ecosistema mediático do terceiro milenio. […]» (Consello da Cultura Galega)
O Consello da Cultura aposta polo emprego progresivo da nosa lingua nas aulas
“Non se pode tratar igual aos desiguais”, sinalou Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, ao inicio da comparecencia de prensa na que daba conta, canda Henrique Monteagudo, do ditame do CCG sobre as polémicas Bases para a elaboración do decreto do pluringüismo que fixo públicas en Nadal a Dirección Xeral de Política Lingüística. Os pais non poden ser quen decidan en qué lingua se educan os seus fillos, e os alumnos non poderán escoller libremente o idioma que empregan na aula. Este é un dos puntos que recolle o Ditame do Consello da Cultura Galega sobre as Bases para a elaboración do decreto do pluringüismo no ensino non universitario de Galicia que se presentou esta mañá na sede da institución. O pleno do CCG aprobou onte sen ningún voto en contra un texto que recomenda recuperar o consenso arredor do idioma. Entre outras cuestións, o Consello defende que o emprego das linguas no ensino debe seguir o principio de progresividade do galego que recolle o Plan Xeral de Normalización, e que as porcentaxes concretas deberán ter en conta o contexto de cada centro. Ao tempo recomenda a creación dunha oferta educativa en galego para alumnos de entre 0 e 3 anos e a atención ás linguas minoritarias en contextos bilingües. Do mesmo xeito, apunta que a introdución dunha lingua estranxeira no ensino debe ir de xeito voluntario e gradual, e non se facer a costa dunha das linguas oficiais e regularse nunha norma separada.
Descargar DITAME DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA SOBRE AS “BASES PARA A ELABORACIÓN DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO NO ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA”: PDF, 192 KB
Santiago: encontro con Xosé A. Neira Cruz
O primeiro encontro do Club de Lectura Galix Tendendo Redes terá lugar os días 4 e 5 de marzo na Biblioteca do Consello da Cultura Galega de 17 a 19 horas e contará coa presenza do escritor Xosé A. Neira Cruz, que reflexionará sobre as relacións entre literatura e arte que subxacen na obra O armiño dorme, novela seleccionada como unha das máis representativas e mellor resoltas dentro do subxénero da novela histórica xuvenil galega. A Editorial Galaxia puxo á disposición dos asistentes exemplares gratuítos da novela para abordar esta primeira sesión dun ciclo que amosará unha escolla selecta de libros e unha panorámica teórica respecto do corpus, temáticas e liñas da literatura xuvenil galega dos últimos 30 anos.
Compostela: XI Encontros para a Normalización Lingüística
Organizados polo Consello da Cultura Galega, os días 12 e 13 de febreiro celebraranse en Santiago de Compostela os XI edición dos Encontros para a Normalización Lingüística que teñen coma obxectivos “contribuír ao estudo, á reflexión e ao debate sobre a planificación lingüística en Galicia; constituír un punto de encontro, análise e debate para todos aqueles profesionais que desenvolven o seu labor nos diferentes servizos de normalización lingüística e servizos lingüísticos existentes en Galicia, e colaborar na formación continua de especialistas en planificación lingüística”. Os Encontros van dirixidos principalmente a técnicos/as de normalización lingüística e a especialistas e estudosos/as do ámbito da planificación lingüística. A inscrición pode realizarse a través desta páxina web.