Arquivos da etiqueta: Cris Amoedo
Festival de poesía en rede, #enredeversos
Coñécense as gañadoras do Certame Vilariñas 2018
A segunda edición dos “haikus” galegos, as Vilariñas, xa ten gañadoras:
– BEATRIZ DOURADO gaña o Certame Vilariñas 2018 de MICROPOESÍA DA CHAIRA coas <vilariñas> DECLARACIÓN e 360° (ámbalas dúas as máis votadas)
– MILA VILLANUEVA, Milagros Pérez Villanueva, de Valencia, acada o 2° posto pola <vilariña> HAI UN CORAZÓN VERMELLO, e Cris Amoedo (C.E A.R.) de Vigo, recibe o 3° premio pola <vilariña> MÁIS QUE A DESOLACIÓN DO ERMO.
A entrega dos prémios realizarase no mes de Febreiro na Casa das Palabras de Guitiriz nun acto poético de homenaxe a Alfonso Blanco Torrado pola súa contribución ao coñecemento de Díaz Castro e o impulso á poesía chairega. Neste acto anunciarase tamén a convocatória do certame para 2019 no que agardamos aumentar novamente a participación.
Con 200 <VILARIÑAS> presentadas procedentes de diferentes lugares de Galiza, Portugal, Asturies, Catalunya e Italia, a segunda convocatória resultou un éxito xa que case duplicou a participación a respeito de 2017.
O Certame Vilariñas debe o seu nome a Díaz Castro, polo lugar do Vilariño no que está a sua casa e porque as Vilariñas pretenden beber do concepto de valoración das cousas pequenas, como falaba o poeta das “herbas pequerrechiñas” no seu poema A Espada. Todas as <vilariñas> presentadas serán editadas en varios soportes dixitais para a súa descarga gratuita en PDF a primeiros de Febreiro.
As <VILARIÑAS> son esas herbas pequerrechiñas da poesía que non por pequenas son menos importantes e o noso certame pretende ademais que toda aquela xente que sinta o pulso poético poda participar nun concurso aberto, fácil e orixinal no que poetas consagrados e novos se atreven con estes “haikus” galegos.
O premio é unha simpática figura orixinal da artista Viki Rivadulla, feita a man, pezas únicas que representan a unha muller galega co paxaro da inspiración poética na cabeza, unha peza singular e artesanal. (…)”