21 de marzo, Día Internacional da Poesía: Autoras pola paz e contra a violencia

A AELG convoca a sociedade galega a celebrar este 21 de marzo o Día Internacional da Poesía, baixo o lema: Autoras pola paz e contra a violencia, a través de calquera forma de creación e divulgación literaria ou artística en galego.

Animamos tamén a que todas estas creacións sexan etiquetadas nas redes sociais co cancelo #Autoraspolapazecontraaviolencia

TEXTOS ENVIADOS POR ESCRITORAS E ESCRITORES

 

Miguel Ángel Alonso Diz

Vou construír para ti
un berce de palabras,
prescindirei daquelas
que xa están moi gastadas.

Non empregarei guerra,
nin conflito, nin arma,
nin bomba intelixente,
nin alma desalmada.

Non direi abandonada,
nin infancia afogada,
nin bocas indixentes,
nin violencia ocultada.

Non usarei máis forza
cá da pluma arrolada,
o trazo será firme
e máis rexo cá espada.

Vou construír para ti,
un berce de palabras,
que eleven estes versos
nas noites estreladas.

Tecerei nos teus ollos
un veo de esperanza,
a luz irá prendida
nos fíos das palabras.

Alumarei camiños
no gume da alborada,
as nosas mans unidas
xa non temerán nada. 

Estarei canda ti
no silencio que abafa,
na miña voz espida
a amiga que abraza.

Vou construír para ti
un berce de palabras,
para que feliz durmas
mentres o vento canta.

Coidarei dos teus soños
con vontade entregada;
invisible gardián
que endexamais descansa.

Imaxinarei mundos
sen promesas rachadas,
cada verso será
unha tenra mirada. 

Vivirán nestas liñas
xuntas as nosas almas,
nas beiras dos océanos
unha soa esperanza.

Poema do libro Soños de Cajamarca

***

Azucena Arias Correa

 

ATROCIDADE

Decote…
Abouxan sereas lacerantes
anticipando o desgarro da patria.
Ceos grises cospen mísiles,
trocando cidades en cascotes.

Poeira de cinzas cobren as ilusións.
Resoan nas gorxas berros mudos
ante a inxustiza ciscada.
Permútanse verbas
pola brutalidade das armas.

Crueza sen tregua. Película de horror.
O desvarío tomou o poder:
actos abominábeis e laidos,
feitos crueis, desapiadados…
non deixan de ameter.

Vidas que se van sen ter cumprido o tempo.
Ás, escuras e chumbadas,
que non se moven coa forza do vento.
Desespero. Xemidos impotentes,
apagados salaios e lamentos silentes.

Besta descabezada con enormes fauces
que devora ata os máis simples soños.
Pacto renovado coas indiferenzas.
Baleira solidariedade,
desprotección densa.

Custes humanos. Devastación.
Arelos e afectos amputados.
Medo que impele a encerrarse,
debullando pétalos das margaridas
de xeiras e oportunidades perdidas.

Arrepío esmagador. Indignación.
Terror que empurra ao desterro,
un acubillo incerto alén das fronteiras,
sen levar máis que o posto,
escapando ás carreiras.

Persoas en ringleiras
coa bandeira ondeando na alma
e na pel incrustada a desesperanza.
Corazóns con cráteres,
pánico aferrado á garganta.

 

***

Afonso Becerra de Becerreá

A EXTINGUIR

Acender o odio e arrasar,
o destinador do negocio, do poder, da envexa, da frustración velenosa.

Premer o botón nuclear da sen razón
para activar o destino tráxico,
comandado por forzas psicópatas
ou emocións incendiarias.

Aumentar a testosterona e a adrenalina nunha teimosía cega.

E antes de todo iso,
antes da repetición do peor da historia,
alimentar os nenos co entretemento da violencia nos videoxogos,
coa violencia do consumo,
coas coaccións e desacordos dos maiores,
co asañamento das imaxes,
coas masculinidades tóxicas.

Hai tanta guerra encuberta entre nós
que vai facer falta volver inventar o mundo,
como fai algunha poesía no papel, na danza, no teatro.
Se callar, só as artes que esconxuran o veleno nos han poder salvar.

***

Paula Carballeira

“Guerra é unha palabra cruel, e as palabras crueis nunca se deixan escribir con faltas de ortografía…
No outro bando, se é que as palabras teñen bandos, hai tamén palabras xenerosas que poucas persoas escriben mal, como paz ou pan, sen ir máis lonxe.
Ás veces, as palabras xenerosas confúndense entre elas, pero sempre nos levan a milleiros de historias diferentes, todas con finais felices, todas con varios finais.
As palabras crueis poucas veces se confunden entre elas e só levan a un final, un final que nunca é feliz.
Cada palabra ten unha familia que a acolle, sexa como sexa.
A familia da palabra guerra é absurda.”

 
 
***
 
 

             ¡Os milleiros de horas, de séculos,
Que fixeron falla
Para facer un home!

Luís Pimentel

Pomba de auga axeada no vento, non pode a palabra
derribar toda a furia asasina que queima as colleitas
e sementa de odio vastos campos que reclama a vida.
Nin dicir sobre o peito cribado dun home que morre
ese salmo que faga xustiza á sede máis fera.

Non pode a palabra alumar sobre os ollos dun neno
que a metralla pechou para sempre con escura chave,
nin cantar a cantiga de berce dunha nai que arrola
lúa triste de sangue entre os brazos coma un pan de vinga.

Non pode a palabra coa loucura da guerra, non pode
afogar con laios o alacrán de veleno fortísimo.

A voz pendurada no máis alto rexistro do espanto
faise brado terrible en ouleo, faise berro seco.

Outra vez vén Caín convocando o verme e a sombra.
A morte sempre é unha: a que dita o cruel xenocida
e a que arbitran os amos do mundo no nome da paz.
Sempre é un o sangue: o que foxe coa vida, o milagre
de milleiros de anos, que coas bombas escacha  nun pulso.

A lingua, amuada,  faise áspero cardo selagre
cando escribo palabras na cinsa: liberdade, casa.
Sobre os ósos dos mortos escribo: ¡Nunca máis a guerra!
¡Nunca máis a guerra!  Non pregunto se a cinsa ten eco.

De Intervención Poética. Galería Sargadelos. Ferrol. Maio de 1999

 
***
 
 

PAZ

Un sospiro para o desastre que ninguén mira.

**

A verdadeira paz carece de lonxitude.
A súa plenitude veloz acolle a pomba,
vexo a súa boca,
o seu laio derrotado e espido,

Paz,
só ti sabes vivir ante as feridas.

***
 

María G. Cotelo

Detrás de cada guerra
hai milleiros de bágoas,
mulleres con mares nos ollos
que con sal, suor e area
recolocan todo o que está no chan.

Detrás de cada guerra
hai batallóns de folgos,
homes con ferro nas mans
que con sangue, pel e lume
destrúen o que outro di.

Arruinar o prácido cotián,
arrasar a harmoniosa monotonía,
pero non para construír
senón para desbaratar
frustrar,desordenar e malgastar
o futuro das vidas.

***

Marta Dacosta Alonso

“Sacrificios puros ofréceche o pobo
hoxe como antano”. Safo

NUNCA IMAXINARA que o teu nome, Lesbos
tería o sabor dos cristais esnaquizados
o espesor do sangue, que nunca sacia a sede
malia que coma fonte abrolle

o exilio ergue de novo a súa bandeira
a poeta presente que nada lembraremos
cando os anos acaben por esfarelarse
e a illa mude o nome

así que canta o amor, sen que saibamos
se o poema é unha balsa en que fuxir
do continente, para afogar a guerra no mar
que nos separa

así cantan o amor poetas do meu pobo
negado e errante, habitante dos soños
pobo que sabe o nome de todos os
exilios

Labirinto ou memoria, 2018

***

Luz Darriba

Poema recitado pola autora

***

Suso Díaz

Traio nos ollos
o peso da metralla
negando a vida.

***

Xoán Carlos Domínguez Alberte

Se lles cortasen a lingua
xa ninguén nunca podería dicir
que houbo mutilacións.
 
Só o silencio me responde
escribiu Anna Ajmátova.
 
 

***

Andrea Fernández Maneiro

NO NOME DE BELONA

A lama sécase nos ollos,
coma unha lente translúcida
que permite ver ao deserto soñando
con proas de azul e gaivota.
Énos tan allea a súa calamidade
como o vento que move as dunas.
Visitámolo sen remordemento
para percibir a beleza terrible do inevitable.

A arxila é unha secura arrepiante,
mais chamámoslle anomalía.

Entre tanto, desviamos ese medo
facendo ringleiras de formigas
en visións de satélite,
escusando o seu avance soldado
pola bondade das súas tropas.
As imaxes non recenden, nin proen,
son só himenópteros inofensivos
que nos distraen da verdade
e nós estamos afeitos aos desfiles.

A milicia é unha peste
á que chamamos necesidade.

Mentres acontecen eventos extraordinarios
que se suman ao exército de xabre
e nos convencen da necesidade
da treboada de area que nos abate,
varrendo as nosas anomalías.
A humanidade está mal definida,
é unha besta que espera
un cambio de garda propicio.

***

Adela Figueroa Panisse

A GUERRA

Bombas de guerra fazem em ti buracos
e a calor transforma a areia em vidro
em quanto a branca flor da margarida
monstra-nos cada primavera
o botão dourado de seu umbigo.
Lutam os homens
no turreiro improvisado dos horrores.
Por enquanto,
ignorante e impassível a violeta
entre as bombas sem espanto
lança para o ar
seu arrecendo adoçado.

***

Elena Gallego Abad

INCERTEZAS EN TEMPOS DE GUERRA

Derrúbase o mundo que crías seguro,
o frigorífico esta cheo
de incógnitas por desvelar.
Os refuxiados da barbarie
son os teus veciños
expatriados.
Onte viaxaban en Primeira Clase,
hoxe desgastan os pes
nas estradas bombardeadas.
A revolución non é nosa
pero destrúe o que fomos.
Asistimos sen poder evitalo
á desaparición dos nosos soños
no baleiro das incertezas.
Teño medo.
Teño medo de perder o que son.
Cando vexo os telexornais
temo que a próxima nova
sexa a derradeira.

***

Esther Longina

*paz

coller aire e envolver con el espiñas, 
amasar a ira de calquera con palabras, 
resistente nai no tempo certo, 
ser o ninguén que violenta na batalla, 
todas as terras fértiles, iso é paz, 
a que constrúe coa inmateria dunha alma,
a de verdade, a de respiración de nenos,
traballo, amor e berce en amálgama. 

 

***

Agustín Lorenzo Fidalgo

BRÉTEMA e ORBALLO

Ela camiñaba baixo un outonizo orballo
un coche achégase lentamente
soaron dous disparos
non tivo tempo de berrar
cae na beirarrúa
o sangue mistúrase co orballo
dixeron que
tiña protección
fallou o sistema
fallou a realidade
unha leria que non serve de nada

***

Clara Martín

En que momento empezamos esta guerra.

En que momento te criches con dereito a posuír o que era de todos. En que momento da túa existencia pensaches que non era necesario, que Eu non era necesario. Ignorando os berros de auxilio, desoíndo os sinais evidentes, esquecendo as leccións do pasado.

Que non é culpa túa? Que non fixeches nada? Iso é o mesmo que facelo todo. A inactividade tamén é traizón.

Habituácheste a ver de esguello a miña terra queimada, esnaquizada, seca, descortizada. Afixécheste a respirar aire contaminado, lembras o que era respirar? Lembras o importante que é respirar? Acostumas a facelo por defecto, como todo, saúdas por defecto, amas por defecto, odias o que é distinto, consumes para encher o baleiro que deixou ese aire limpo que xa non respiras. Lembras o que era respirar?

Non valeron de nada as vosas xuntanzas, reunións de alto nivel, cumbres, conferencias… Contan como intento? É máis doado que todo iso! Todo o que precisas está no teu presente e no teu lugar. Entende que isto non é teu, ser egoísta e egocéntrico.

Dono de intelixencia superior? Só es o 0,01% da materia de todo o planeta, pero non tes límite á hora de desfacerte do lixo que ti mesmo xeras.

Como te atreviches?  Pura inxenuidade. O mutismo foi a túa arma e con ela fusilaches o meu futuro.

Estás a tempo? Hoxe, máis que nunca, sei que si.

Hoxe, desprendidos de todo, espidos, onde as armas, esas que utilizabas para amorear territorios e poder, atrancáronse na súa propia impotencia e agora só podes enfrontarte a ti mesmo. E si, estás a tempo de ver o que perdiches e o que gañaches, a tempo de entender que todo o que agora non tes non era imprescindible e o que tes, o que permanece, é o único que te salvará nesta nova guerra sen balas.

Deixa esa arma, desátame a venda e voa comigo.

***

Cruz Martínez

A pedra e a lembrança

Há pegadas de antonte apreijados na terra
As figuras esbrancujadas
abrem sucos humedecidos entre a erva
Nomeiam histórias nos bancos de madeira
nas folhas, nas galhas
lemos informes doutros alentos
Aninhamos lembranças
baixo as árvores velhas
e sentimos que temos passado por aqui
noutro outono, com certeza

Do livro Espelho de mim mesma

***

Martiño Maseda

 

Paz ficticia

Paz ficticia
agochada baixo costuras do odio
que leveda na cerna do pensamento.

Escollemos o inimigo entre as ruínas das palabras
para non ter que lembrar o seu nome
cando topamos co seu rostro de mil nacionalidades.
E avanzamos cosendo os puntos cardinais
da chaqueta metálica que vestimos con fachenda
na celebración das patrias conquistadas,
mentres retransmiten a mesma falacia pacifista
en horario de prime time.

***

Adolfina Mesa

 

A palabra enxertada no útero das árbores

 

 

***

Pilar Pallarés

Puiden vencer aquela vez a morte,
cando o ceu se abateu sobre nós en forma de metralla
e o cheiro animal do sangue
ocultou para sempre o dos limoeiros na casa dos meus pais.

O ceu aproximouse até eu o tocar cos dedos
e estava vivo e quente como o ventre das feras,
pero era enxofre e mancava os calcañares
con arestas e cal.

Despois houvo un silencio entre os meus sete anos
e aquel pátio onde á tarde brincava
perseguindo os insectos.

Sorrín cando me fotografou co meu gato Kamal entre os escombros
un dos homes franceses.
Sorrín e avancei altivo como os guerreiros e os profetas,
porque as cancións da avoa din que a pátria está perto
e a vitória non tarda.

Resistín aquela morte e outras mortes
e non ollei atrás
e cando os nosos soldados saíron expulsos da cidade,
dei-me presa en medrar
e fun soldado
e erguín contra Israel o brazo e a razón,
o peso dos meus soños
e unha pátria a cumprir-se.
Neno palestino con gato despois dun bombardeo.
(En Beirut. Dunha foto da prensa)

*

Cando calcámos a ribeira,
recibiunos o Señor dos Montes.
Era un bon anfitrión.
Prohibiu que nos seguisen as milicias.
E se alguén ousou,
fixo que ondas xigantes  abatesen o barco.
O mar dérame a min
o seu lombo de animal manso,
as vagas eran linguas que me aloumiñaban,
e era graciosa a curva do meu pé
andando sobre elas, sen temor.

Deixei atrás o meu reino:
xa o cercaban as sombras.
Vin como se desprendían violentamente do seu eixo
corpos, arderen  tendas na praza.
Aínda seguín contodo, por un tempo, cantando.
Cinxín a saia no meu van
e comecei a xirar como un derviche,
até ser todo en min un círculo perfeito.

Mais só era a buxaina de metal fendido coa que xoga Deus,
un brinquedo entre  portas desgonzadas.
Fuxín cando fechou un ollo, vencido polo sono,
e do outro lle verquían lágrimas de sangue.
Botei a andar sobre o mar.
Estou na palma da man do Señor dos Montes.

(Do relato dunha cativa siria)
Publicado en Versos e formas, PecoFacet, Sabón 2016

***

Conchita Paz Montenegro

Falcón libre nos cumes, ó vento.
Corpo espido na prata do mar.
Soña mundos de amores dourados…
Onda morna xurdiu ó lonxe.
Achegouse con doces cantares.
Medrou chea de ardor dominante,
Desfixo os soños, vidros rotos!
MULLER:
Ateigada de abrochos e froitos,
De sorrisos cálidos nas dores,
Ser que exhala recendos de vida,
Non consintas que onda aloucada
Crave en ti a súa serra de escuma
Enlamada!

***

 
 

como xustificar os mortos da Historia? pódese comprender, aínda que sexa dun xeito
frío e aproximativo e case baleiro, o xenocidio no que enraíza esta nova cultura?
son
parte da condición espectral e feroz da imitación.

unha teoría para os espectros (Toxosoutos, 2021: 2º Premio do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba)

***

Xavier Queipo

Desequilibrio tenso

(Lendo a Clausewitz)

Imaxes duplicadas cando do fondo do abismo xurde o desexo.
Beizos carnosos dun vermello aterrecedor,
dunha sensualidade húmida.

Húsar e lanceiro tiran as casacas:
vermello e azul que se disolven no albor da neve.
Ataque sensual á gorxa do adversario.
Verde esmeralda contra azul ultramarino.
Corpo a corpo nun delirio de lambetadas,
de doce sobre salgado,
de acre sobre acedo,
de amargo de suor de tres días de batalla.
Turrar e bicar, lamber e chuchar,
mentres na distancia soan os canóns da artillería pesada.

Húsar e lanceiro, cal placas tectónicas,
remexen na continuidade dos corpos.
Verde esmeralda contra azul ultramarino.
Logo do duplo desafogo (a guerra como desequilibrio tenso),
logo do axuste de contas do destino,
visten os uniformes de gala,
envaíñan os sabres de asalto,
bican os beizos aínda ansiosos do inimigo potencial.

Húsar e lanceiro funden a neve nunha aperta demorada.
Verde esmeralda contra azul ultramarino.
Soan disparos, ascenden urros das cargas de cabalería,
escoitase o piafar dos cabalos feridos.

Húsar e lanceiro, tocados polo engado da paixón
regresan as súas retagardas.
A guerra coas súas dádivas inauditas.
A neve que borra as pegadas da batalla dos corpos.
Verde esmeralda contra azul ultramarino.

***

Mercedes Queixas

Baten (n)os corpos
badaladas de vida
estouridos paz.
***

Carmen Rivero Gallego

I have a dream

Soñar con paxaros de ás transparentes
con noites de estrelas,
de mans limpas, de berros de silencio,
coa música pura da harmonía do aire.

Soñar cun mundo en paz,
non máis guerras,
nin sangue alimentando a terra murcha,
secando o futuro e a esperanza,
apreixando soños fuxidíos.

Fóra liortas, fóra miseria,
non máis intereses capitalistas segando vidas,
Non máis mísiles, nin bombas.
Que unha nova Grándola amañeza caraveis  de fraternidade
para un tempo novo.
Destruamos tódalas armas!
En prol da PAZ.

***

Medos Romero

Ter un fillo sen patria,
sen fogar algún,
morto nun brazado de area.

Parir fillos sen nome
para enterralos no mar
entre costas de ningures.

Fillos mouros da friaxe
e da noite, da fame
e das pateras.
Fillos…

***

Recoñecinme nun campo
de refuxiados
coa roña na roupa
e o mirar vivo.

Eu, carrexando auga
coas miñas maos
diminutas de muller,
coa dor que o meu
nome proclama,
pobre, desposuída e feble.

O pozo da ferida, Premio Miguel González Garcés, 2006

***

Eva Teixeiro

***

Pura Tejelo

O guerreiro ás portas do convento

Teño respirado o fume e o ulido  fatigoso da morte
velado ante candeas  acesas.

A multitude.
O medo de que finasen coa miña vida e a dos meus
e non tivese o agasallo de vivir o presente.

A asfixia que pervive no aire
a ferida das costas  mandando mensaxes funestas.

Retumbaba o chan da terra
pedín auxilo desolado
e vendemos caro o valor nos asedios.

O bafo das fogueiras cubría os cadáveres,
a canseira daquela marcha de horas sen consolo.

Camiñaban as xentes en sentido contrario buscando o fío da vida.

Queimados os campos
fervían as medas en focos candentes.

A verticalidade da dor.

Mais a verdadeira morte foi que ela emprendeu  
o camiño do esquezo.

                                         As horas de Hanna, Urutau

***

Patricia Torrado Queiruga

Recordo

O sentido marchou
hai xa moitos bicos
pero, cada ano,
coas festas do pobo
chega o cáustico son dos foguetes,
e con cada golpe
algo sacode
o seu pequeno e murcho corpo.
As mans,
                na cabeza,
os ollos,
              dunha cuarta.
-Que os matan!!!
A tristeza,
                coma unha lousa
                                            na alma.

De Herdar a fala.

***

Clara Vidal

Folla de alcatrán

Púxose a natureza no medio
e ficou.

Eis a resistencia no alcatrán quente.
Coma quen non se esmaga
cando pisan.

***

Fidel Vidal Pérez

Nai
Aquí me tedes
-horizontal de auga-
a zoarme flores os ouvidos
aleitando fillos
para nada.
***

Montserrat Yoldi Sanmartín

Colirio

Árdenme os ollos
nesta terra seca
azoutada pola furia de todos os ventos.

Árdenme os ollos
de ver a miña terra erma.

Hai casas que aínda fumegan
e algún tarro esnaquizado
con sementes que non xerminarán
nos campos preñados de minas
e botas militares.

Xa nunca se oirán
as conversas cotiás na aldea
nin o riso dos nenos
nin o ritmo do sacho
abrindo regos.

Hai mortos por machete
e mortos por fusil.
Hai corpos rebentados
mutilados
apodrecendo ao sol.

Só quedan as moscas.

Inspeccionan as pozas de sangue seco
e pronuncian unha monocorde oración
por todos os ollos callados
de horror.

Fundido en negro.
Apagan a cámara.

– Árdenme os ollos, doutor.
– Xa. O conduto lacrimal está obstruído.
Precisa un colirio e…
a próxima guerra
nun clima húmido.

Do libro Cinsa na boca. Ed. Medulia.

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2022 en Vigo

Estas son algunhas das fotografías do acto en Vigo do Día de Rosalía de Castro 2022, que tivo lugar o 23 de febreiro, organizado pola AELG e a A. C. O Castro, co apoio de CEDRO. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (estas fotos foron feitas por Alexandre Insua, da A. C. O Castro.

Día de Rosalía 2021

O cartaz pode descargarse en formato .pdf aquí.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021

Miña Santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa: hei de emprestarvos os meus pendentes, hei de emprestarvos o meu collar. Todo iso che hei de dar, santa, se me deixas bailar, todo iso. As fotos do instagram, os vídeos en directo, o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto… miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.
E ti dis que aquele. Que calme. Disque teño que buscar o xeito de atoparlle fondo e fin a esta noite que me asombra sen día, que en todo está i que é todo. E dis, sacha no campo, malla na eira, lava no río, vai apañar toxiños secos antr’o pinar. Queda na casa, pecha os postigos, foxe da xente, descansa ren, pensa naquelas, nas devanceiras que por ti porfiaron perante a inxusta lei.
Que hoxe son elas quen piden vida, e levas no bico a súa voz. O seu acto. O seu sangue. A súa forza. O seu sentir. O país enteiro cabe nun ferrado de terra de Ortoño, Padrón, Compostela, Bastavales, Muxía, Moaña, Londres, Berlín … todas esas voces nosas que se espallan na diáspora do país e do mundo, que desexan volver a este mar, a esta Galicia á que ti lle cantabas ás beiras de cada río que mirabas como o Sar.
Non habías ficar silente. Non te habían calar. Na túa liberdade hoxe serían os teus poemas os que definisen a nova normalidade, se tal cousa pode ser. Aínda hoxe saberías dar forma a como sentimos e encarnala no poema. Aínda hoxe andarías a escribir artigos nos xornais ou na procura da crítica social a un sistema abusivo. A nós, que permanecemos nesta terra, só nos queda ser e alzar a voz de Rosalía de Castro. Reivindicarte, traerte, engarzarte na gorxa e que se impregne dos teus ritmos avanzados e visionarios para reconstruír o futuro dun pobo.
Neste momento de incerteza, pode ser a ciencia a que nos faga pensar que todo cambio parte dun punto de partida da ruptura do equilibrio. Sexa entón unha oportunidade. Sexa o día do teu aniversario a primeira canción, a esperanza, a resiliencia toda. Sexa o día do teu aniversario o día no que Dios santo premita qu’aquestes cantares d’alivio vos sirvan nos vosos pesares.
Ser Rosalía é un acto de rebeldía, é unha acción política. Cada mirar nos ollos fire coma cen saetas. Non precisamos máis, só mirar. Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora do pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime. Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar.
Ás miñas costas as palabras que me falaron de ti, Rosalía. Da túa multiplicidade poética, dos teus cantos de independencia e liberdade, do país debuxado na túa mente que respira ventos de liberdade, da fiestra aberta que redefine a historia na que contan as mulleres, que é contada polas mulleres, do manifesto do poema en vixencia do século XIX ao XXI do errar polo mundo das galegas e galegos todos. Manifestos de quen falou antes de min e falou ben, manifestos aos que me uno na pregaria, miña santiña, de que hoxe e sempre atopes acubillo no noso cantar.
Miña santasa, meniña gaiteira, cantadora do mar, necesidade do rexurdimento unha vez máis desta nación túa na procura constante da xustiza. Heiche de dar os pendentes por que me deixes bailar.
Te-lo teo, rapaciña.
Teño, santa, non o nego.
Teño o teo de seguir ergueita, cara adiante, na túa lembranza e no teu camiño. Na forza da túa modernidade, na forza da defensa das que nos precisan. Na construción da identidade. No cantar que nos libera, consolo dos mares, alivio das penas. No baile. Na voz.
No xeito de nunca nós calar. Así hoxe no teu aniversario, habémoste cantar, Rosalía.

Cantarte hei, Galicia,

teus dulces cantares,

que así mo pediron

na beira do mare.

Cantarte hei, Galicia,

na lengua gallega,

consolo dos males,

alivio das penas.

                                                                                              Anna R. Figueiredo

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#rdc_2021  #TeusDocesCantares

O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.

Actos promovidos pola AELG

No desenvolvemento das actividades aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento. Será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras.

Acto central. Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), Santiago de Compostela

A AELG organizou o acto central do Dí­a de Rosalía de Castro, o sábado 27 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela. Debido ás restricións sanitarias, no acto unicamente estiveron presentes as persoas participantes, representantes de diversas entidades e institucións e medios de comunicación.

Este foi o programa:

– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

– Lectura do Manifesto da AELG, pola súa autora, Anna R. Figueiredo.

– Lectura de poemas rosalianos:
Andrea Barreira Freije
Antía Yáñez Rodríguez
Arancha Nogueira
Jesús M. Calvo Rozas (Asociación Traxe Galego)
María Carme Guitián (Asociación Traxe Galego)
Miguel López Fariña (A. C. Solfa)
Pilar Reino (A. C. Solfa)
Xerardo Rodríguez Roca (A. C. Solfa)
Xosé Dios Diz (A. C. Solfa)

– Ofrenda floral.

– Interpretación do Himno Galego polas persoas asistentes.

A Coruña

En colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, o mércores, quinta feira, 24 de febreiro, ás 17:00 horas, diante do Teatro Rosalía (Rúa Rego de Auga, 37), realizarase unha lectura pública da obra de Rosalía de Castro e unha improvisación oral en diálogo coa obra de Rosalía, a cargo de Alba María e Queco Díaz.

Lugo

En colaboración coa Área de Cultura da Deputación de Lugo, o 24 de febreiro tivo lugar un acto no Museo Provincial de Lugo que, debido á situación derivada da Covid-19, contou unicamente coa presenza de medios de comunicación.

Ese mesmo día, 24 de febreiro, os catro museos da Rede Museística Provincial de Lugo regalaron ás persoas visitantes unha lámina de Alba Nimbos, unha flor e o manifesto da AELG.

Vigo

En colaboración coa A. C. O Castro de Vigo, o 24 de febreiro ás 17:00 horas, realizouse unha ofrenda floral na imprenta de Juan Compañel (Rúa Real, 12). Posteriormente leron o manifesto da AELG Cruz Martínez, presidenta da A. C. O Castro e Marta Dacosta, integrante do Consello Directivo da AELG. Vítor Vaqueiro, homenaxeado pola AELG coa Letra E en 2020, recitou un poema de Rosalía. A asistencia ao acto estivo restrinxida por mor da normativa COVID e só estivo aberta á presenza dos medios de comunicación.

Actos organizados por outras entidades

Actos da Fundación Rosalía

[Por mor das restriccións derivadas da Covid 19 non se fixeron actos públicos]

ACTOS INSTITUCIONAIS

24 de febreiro

09:30 Plantación dunha filla da Figueira de Rosalía no Parlamento de Galicia e acto institucional [non aberto ao público por mor das restriccións da Covid]

11:00 Acto institucional e ofrenda floral na Praza de Vigo, no lugar onde naceu Rosalía. [non aberto ao público por mor das restriccións da Covid]

12:30 Plantación dunha filla da Figueira de Rosalía no Parque do Recordo do Pazo de Faramello (Rois).

13:30 Ofrenda floral na estatua do Espolón de Padrón [non aberto ao público por mor das restriccións da Covid]

NA REDE / NA TÚA CASA

Caldo de Gloria.

Alborada para Rosalía, organizada xunto á Asociación de Gaiteir@s Galeg@s.

Propúxose á cidadanía que contase a súa participación nesta actividade nas redes sociais co cancelo #DíadeRosalía

Ames

Rosalía, multiplicada por cinco e tinxida de actualidade preside desde onte a Avenida da Peregrina desde a casa de Barbazán. A obra de Yoseba MP, o muralista que inzou Galicia de superavoas, amosa a unha Rosalía que vende peixe, outra que fai deporte, unha heroína contemporánea, baseada na Vexeta de Son Goku, unha vendedora da ONCE e unha artista, esta última inspirada na cantante Rosalía. “Poñer enriba de corpos de mulleres contemporáneas a cabeza de Rosalía é unha metáfora, é poñer os seus valores, o que representa agora mesmo e a importancia que tivo como a primeira muller feminista declarada galega”, manifestou Yoseba Muruzabal mentres daba os últimos retoques ao mural, perfilando as letras dos versos rosalianos que se integran na obra: “Eu son libre ninguén pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino”, un pensamento tirado do artigo “Lieders”, publicado no ano 1858 e considerado como o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia.

Tamén, desde o limiar, o Manifesto Rosaliano que este ano escribiu a escritora, vicepresidenta da  AELG e veciña de Ames, Anna R. Figueiredo, alude á Rosalía libre, festeira e alegre que vincula á poeta coa actualidade: “Miña santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa,ei de emprestravos os meus pendentes, ei de emprestarvos o meu collar, todo iso che ei de dar, santa se me deixas bailar, todo iso; as fotos, de instagram, os vídeos en directo, os o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto…miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.” O manifesto foi lido na súa totalidade pola propia autora e por cinco alumnas e un alumnos dos IES de Milladoiro e Bertamiráns.

A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, agradeceu a Yoseba “o cariño, a paciencia e a entrega que puxo na realización do mural”, a Anna Figueirido “ese manifesto tan chulo”, aos centros educativos por seguir traballando e dando a coñecer a Rosalía ano a ano, e ao máis de medio cento de persoas que se achegaron á presentación do mural “nun tempo tan complicado como o que estamos a vivir”. Pampín lembrou que honrar a Rosalía non pode quedarse nun día de celebración:   “Debemos ter presente, non só hoxe senón os 365 días do ano o legado que nos deixou Rosalía e o seu espírito de loita, de xustiza e de compromiso co noso país e coa nosa lingua”.

Despois da lectura do manifesto, falou a súa creadora, Anna Figueirido, quen se gabou de vivir nun concello, o de Ames, abondoso en creadores e entregado á cultura e á lingua galega. “Eu convídovos a que o pasar por aquí nos sintamos un pouco Rosalías e iso nos leve a ser quen queremos ser a calquera idade”, manifestou a escritora. Figueirido  fixo ademais unha chiscadela ao comercio local convidando a todos e a todas a celebrar o día de Rosalía regalando as persoas queridas unha flor e un libro “Aquí levo os meus, mercados no comercio local”.

O acto concluíu cunha regueifa improvisada por Manolo Maseda, profesor de musica do IES de Milladoiro e integrante do equipo de Dinamización da Lingua dese Centro Educativo, que foi seguida con entusiasmo polo medio cento de persoas que celebraban en directo a presentación de “Rosalías”.

Ademais da presenza da imaxe de Rosalía en Ames a través do mural “Rosalías” de Yoseba Muruzabal, os versos da poeta lucen nos farois das rúas máis transitadas de Ames. Esta intervencion poética urbana responde á “A Luz de Rosalía”, unha actividade deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística en colaboración cos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos do concello que, un ano máis, xuntan esforzos para espallar o pensamento e a obra da escritora con traballos realizados pola rapazada.

O alumnado de infantil e primaria do concello, escribiu e pintou estas lonas poéticas sobre os PVC que previamente entregou nos centros educativos o Servizo de Normalización Lingüística. A rapazada abeirou aos versos da poeta ríos, flores, paxaros, arbores, casiñas e campanarios, provocando que cada unha dos traballos amose a creatividade da que fan gala os nenos e as nenas de Ames. En cada lona sinálase ademais a aula que o realizou e o colexio ao que pertence. A exposición, toda unha intervención poética urbana, quedou aberta até o día 7 de marzo.

Arteixo

Tecín soa a miña tea. Homenaxe a Rosalía de Castro en Arteixo.
Ana Hermida fixo unha dramatización da obra da Nai das nosas letras con “Tecín soia a miña tea”, poemas, teatro, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra no seu aniversario, unha muller interpretando a outra muller, a Rosalía feminista, divertida, defensora da súa terra. Tamén dará lectura ao Manifesto da AELG, que este ano foi redactado por Anna R. Figueiredo. Este acto central tivo lugar na Biblioteca do Concello de Arteixo o mércores 24 de febreiro.

Sabéndote Rosalía, Rosalía nena en Arteixo.
Coa inocencia propia da infancia, unha Rosalía aínda nena achegouse a Arteixo o martes 23F para presentar ás nenas arteixás que recitaron ese día a obra da escritora, e onde a propia Rosalía foi debullando a súa vida entre versos, cancións e soños. Quen mellor que Rosalía para facelo? Moito se ten escrito da nosa poeta, pero aínda non está todo dito. Foi este un achegamento ao mundo infantil da Nai das nosas letras, a Rosalía defensora da muller, da súa terra, unha Rosalía reivindicativa, divertida… Vida e obra contada en primeira persoa ao xeito de teatro infantil.

O Barco de Valdeorras

No Conservatorio e Escola de Música Municipal do Barco empregaron o Negra sombra de Rosalía para homenaxear o traballo de toda a sociedade nesta pandemia. Pode verse o vídeo aquí.

Cambados

O Concello de Cambados uniuse un ano máis á celebración do Día de Rosalía de Castro o mércores 24 de febreiro. Por ese motivo, a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística decidiu agasallar con libros e rosas ás persoas que se achegaron ese día a calquera das catro librarías existentes en Cambados para mercar un libro en galego.

O concelleiro Tino Cordal quixo lembrar que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora desde o ano 2010 o Día de Rosalía, propoñéndolle á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. O Concello de Cambados, ao igual que outros concellos, únese a esta proposta con entusiasmo, dado o firme compromiso do goberno municipal cambadés co noso idioma.

Así, o mércores 24 de febreiro, as primeiras 24 persoas que mercaron un libro en galego nalgunha das catro librarías cambadesas (Ramón Cabanillas, Castelao, Contos e Nobel) recibiron como agasallo o libro editado polo Concello de Cambados Ramón Cabanillas Enríquez. Esta é a súa historia e unha rosa. Con esa finalidade, o Concello repartiu 96 libros e 96 rosas entre os devanditos establecementos.

Con esta iniciativa, o goberno municipal pretendeu conmemorar esta data tan importante para a cultura e a lingua galega, e ademais amosar o seu apoio ás librarías cambadesas, que, ao igual que todo o sector do comercio, está a padecer as consecuencias da grave crise ocasionada pola expansión da pandemia da Covid-19.

É precisamente a existencia desta pandemia a que impide que o Día de Rosalía se poida celebrar con máis actividades, pois a Concellería de Cultura e Normalización de Cambados tiña pensado programar ademais un concerto musical e unha lectura pública de poemas para festexar a efeméride do 24 de febreiro.

A Coruña (Deputación)

Do día 18 de febreiro ao 3 de marzo desenvolveuse na rede o Festival Rosalía da Área de Cultura da Deputación da Coruña, que chegou á súa cuarta edición marcada pola pandemia. Persoas de distintos ámbitos do mundo da cultura participaron neste encontro dixital arredor de Rosalía, desde a rapeira Aid, as músicas Guadi Galego ou Uxía, escritoras como María Reimóndez, Rosalía Fernández ou Antía Yáñez e un feixe de propostas creadas arredor da grande figura da nosa cultura.

Rosalía de Castro foi de novo a protagonista da cuarta edición do festival que este ano se desenvolveu exclusivamente en liña debido ás restricións sanitarias vixentes. O Festival prolongou, deste xeito, a súa duración, mantendo como data principal o 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro.

A imaxe da Rosalía superheroína, en constante evolución, presidiu de novo o cartel do Festival Rosalía, evento organizado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, que nesta ocasión se desenvolveu desde as súas contas nas redes sociais Facebook, Twitter, Instagram e YouTube. O Festival deu comezo o día 18 de febreiro e contou con colaboracións audiovisuais de persoas procedentes de diferentes ámbitos da nosa cultura.

Nesta nova edición do Festival participaron dezasete creadoras e librarías procedentes dos mundos da literatura (María Reimóndez, Rosalía Fernández Rial e Antía Yáñez), da música (Uxía, Guadi Galego e a rapeira Aid), do teatro (Larraitz Urruzola, Nate Borrajo e Tero Rodríguez), do cinema (Zaza Ceballos), da creación e a artesanía (Amorote, Deica Creacións, Rei Zentolo, OZOCOgz, Punto e Coma), e das librarías (Libraría Pedreira e Libraría Lila de Lilith). No catálogo de participantes incluíronse boa parte das empresas e selos que en anos anteriores protagonizaron a feira de produtos dentro do Festival Rosalía.

Estes testemuños audiovisuais forneceron exemplos concretos do impacto e vixencia que hoxe ten a obra de Rosalía de Castro en diferentes ámbitos da creación artística galega do século XXI.

De xeito paralelo, e con vontade divulgativa sobre a escritora, realizárlonse sete publicacións sobre sete localizacións relevantes relacionadas coa súa vida, englobados baixo o cancelo #Rosalía7lugares.

A Estrada

A Asociación Cultural “Vagalumes” conmemora o día de Rosalía cunha celebración virtual nas redes.
Debido ás restricións sanitarias por mor da pandemia que sufrimos, a conmemoración do Día de Rosalía trasladouse ás redes sociais, mantendo o mesmo fin de lembrar a nosa poeta e todos os valores de rebeldía, amor á Terra, compromiso coas emancipacións e celebración da vida que ela representa. E moitas cousas máis das que nos gustaría que nos falases ti para encher un minuto co tema que desexes sobre esta escritora que tanto nos di cos seus versos.
Até o 19 de febreiro enviáronse intervencións gravadas de menos de 60 segundos ao correo: redaccion@tabeirosmontes.com, co fin de publicar nas redes sociais e na web www.tabeirosmontes.com o día 24 todas as achegas. Estas actividades remataron coa lectura do manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ás 20:00 h. a través das canles virtuais da A. C. Vagalumes.

Un ano máis, o Concello e a veciñanza da Estrada renderon a súa homenaxe particular á figura de Rosalía de Castro a través dun video clip gravado por unha selección de persoas pertencentes ao ámbito da medicina e das emerxencias sanitarias. Esta escolla, realizada entre un longo abano de profesionais que protagonizou con valentía a loita contra a pandemia, serve, pois, para poñer en valor a heroicidade de dous baluartes da nosa historia pasada e presente.

O lema desta proposta videográfica, Mais ti vas indo, incidiu nesa capacidade de resistencia e resiliencia que escritora e profesionais do sector sanitario amosaron fronte as moitas adversidades que lles tocou afrontar. Se a saúde é cultura; ben podería afirmarse que a cultura é a mediciña da alma. Aquilo que nos impulsa, logo de caermos, a erguernos do chan e seguir camiñando con paso firme. Coma en entregas anteriores, da coordinación do proxecto encargouse o departamento de Cultura do Concello e da súa dirección e realización, o estradense Lucas Terceiro.

Moaña

Ourense

Este vídeo está baseado na técnica do Time Lapse, foi realizado por alumnas de 2º curso do grao de Educación Primaria da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense (Paula Abril Groba, Naiar Alborés Santos, Alba Álvarez Rodríguez, Anahí Barros Vidal e Cándida Veloso Barbosa).

Outes

O Concello de Outes sumouse un ano máis a celebrar o Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro data na que se conmemora o seu nacemento, mediante a realización de diversas actividades nas que os máis cativos son os protagonistas. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Outes preparou este ano unha acción para socializar a obra de Rosalía co obxectivo de homenaxeala e achegarlle a súa figura e legado ao público máis novo do municipio. A actividade consistirá en que o alumnado do CEIP de Outes fará unha escolla de textos de Rosalía para plasmalos e ilustralos nos soportes facilitados polo concello. Segundo informaron desde o SNL quérese promover que os nenos e nenas fagan a súa propia interpretación dos poemas e debuxen o que lles evocan.

Unha selección dos poemas e das ilustracións feitas polos nenos e nenas estiveron presentes nos escaparates do comercio local, o que permitiu que a obra de Rosalía e a creatividade da rapazada estea presente nas rúas do concello. Ademais de distribuír debuxos e poemas polos comercios, na casa da cultura da Serra houbo una exposición con outros 150 debuxos que se puido visitar a partir do día 24 de febreiro. Por outra banda, todas as persoas que ese día acudiron á na biblioteca municipal levaron de regalo un libro en galego e unha flor. A obra de Rosalía está plenamente vixente cun discurso feminista e inconformista e os debuxos da rapazada permiten vela desde unha óptica diferente. Desde o Concello de Outes queren agradecer publicamente a colaboración do CEIP de Outes a do como comercio local, para que esta actividade sexa positiva para promover o comercio ao tempo que espalla a cultura entre a veciñanza.

Pontevedra e Vigo

Cada ano desde o Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra sumouse á celebración do Día de Rosalía cun acto institucional que tivo lugar o día 24 de febreiro, data na que se conmemora o seu nacemento. Leváronse a cabo as seguintes accións:

A Nosa Rosalía

Desde a Deputación de Pontevedra, co obxectivo de homenaxeala e achegarlle a súa figura e legado ao público máis novo, puxo en marcha o concurso creativo de debuxo infantil A Nosa Rosalía. Esta convocatoria estivo dirixida a todo o alumnado dos centros de Educación Primaria da provincia de Pontevedra, que puideron participar, de maneira individual, elaborando un debuxo inspirado na personaxe, vida ou obra de Rosalía de Castro. Para iso dispuxeron dun documento modelo, no que realizaron o debuxo.

Categorías nas que puideron participar:

Categoría “Campaniñas”: 1.º, 2.º e 3.º de Primaria (de 6 a 9 anos)
Categoría “Airiños”: 4.º, 5.º e 6.º de Primaria (de 9 a 12 anos)

Ademais dun pequeno agasallo didáctico para os debuxos seleccionados e centros participantes, os mellores debuxos de cada categoría, anunciados o día 24 de febreiro, conseguiron como premio especial para o seu colexio unha actividade lúdica e participativa sobre Rosalía con formato de obradoiro a cargo de Polo Correo do Vento. Esta actividade realizarase no propio centro nunha data que se deberá convir coa Dirección deste, dentro do curso e horario escolar.

Proxectando a forza de Rosalía!

Proxección de frases ou versos de Rosalía nas fachadas emblemáticas da Deputación e nos concellos da provincia.

O propio día 24 prendeuse de forma simultánea a palabra e a mensaxe de Rosalía en varios puntos da provincia, concretamente en edificios públicos dos concellos de Silleda, Caldas, Bueu, Salvaterra, Oia e O Rosal. O Servizo de Comunicación foi o encargado da ilustración do cartel e do deseño para proxectar as frases ou versos de Rosalía sobre as fachadas do Pazo provincial, da sede de Vigo e dalgúns edificios públicos de concellos da provincia. Nos edificios da Deputación permanecerán durante unha semana. Animouse a compartir a través das vosas fotos a palabra de Rosalía: #CoaForzadeRosalía #DíadeRosalía #ADepoconRosalía

24 de febreiro, celebración do Día de Rosalía

Tivo lugar un acto no Pazo provincial da Deputación en Pontevedra pola mañá e na sede de Vigo pola tarde

Realizouse un pequeno acto institucional, sen público presencial, que puido seguirse de forma virtual a través das canles da Deputación de Pontevedra. Nel participaron en remoto nenas e nenos que leron algúns poemas de Rosalía da súa escolla. Ademais das intervencións institucionais, sumaranse á proposta da AELG coa lectura do manifesto polo Día de Rosalía elaborado este ano por Anna R. Figueiredo, quen participou directamente na actividade. Anunciáronse tamén os gañadores e gañadoras do concurso de debuxo A Nosa Rosalía, contouse coa actuación de Uxía, que interpretou algúns poemas do seu disco Rosalía pequeniña e cun servizo de interpretación en lingua de signos para fomentar a participación e a inclusión da mensaxe universal de Rosalía.

Pola tarde, na sede de Vigo, o mesmo acto completouse co prendido da proxección sobre a fachada.

Pontevedra

Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela celebrou o Día de Rosalía con flor e agasallo de libros.

Sada

O Concello de Sada programou diversas accións en redes sociais e na Casa da Cultura para o Día de Rosalía.
– Dirixido á cidadanía: “Manda a túa achega artística. Se tes creatividade e gañas de facer algunha aportación artística que nos queiras ensinar, podes enviala a cultura@sada.gal Encheremos o 24 de febreiro as redes sociais coas túas achegas. Non esquezas o cancelo #SadaconRosalía
– Lectura do manifesto da AELG polas distintas asociacións de Sada. Ao longo de todo o día 24 de febreiro no facebook do Concello de Sada.
– Agasalla cun libro e leva unha flor. Merca o 24 de febreiro un libro na Libreria López, Quiosco Isabel, La Barrosa, CarlÍn ou Pequeño Tío e leva unha flor para ti.
– Teatro en familia – Rosalía. Culturactiva Producións presentou o mércores 24 febreiro ás 18:30 horas na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada a obra Rosalía, para público infantil e familiar.
– Lectura do manifesto da AELG pola Corporación de Sada. 27 de febreiro. Ás 12:00 no facebook do Concello de Sada publicouse o vídeo homenaxe coa lectura do Manifesto da AELG pola Corporación Municipal de Sada.

Santiago de Compostela

A Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, en colaboración coa A. C. O Galo, organizou un roteiro sobre “Rosalía en Compostela”, guiado por Francisco Rodríguez.
Tivo lugar o sábado 27 de febreiro de 2021, ás 17:00 horas, sendo o punto de encontro o monumento adicado a Rosalía na Ferradura.

Pitusiña é unha nena arrichada que pensa, fala e xoga en galego. Un día, farta de que sempre lle digan cousas que non entende: “Fala ben, así non se di…”, decide facer unha viaxe no tempo buscando a Rosalía de Castro para que lle axude. Unha viaxe á que vos convida, queredes acompañala? Espectáculo de monicreques e actriz. O acto tivo lugar o 27 de febreiro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela.

Actividades nos centros de ensino

Estes son os centros que nos comunicaron a súa participación:

  • CEIP Plurilingüe Montemogos (Beluso, Bueu).

Cada ano o alumnado saíu á rúa con Camiños de poesía, poemas de Rosalía que poñen en diferentes ubicacións. Todos xuntos no centro da Beluso e copias dos mesmos repartidos pola parroquia.

  • CEIP da Torre (Cela, Bueu).

Tiveron un 24 de febreiro cheo de actividades e moita arte con Rosalía por todo o cole: corredor, biblioteca, aulas, música adicada a Rosalía durante toda a mañá, coreografías e participación na proposta da AELG, ademais dun lenzo interactivo (con medidas de seguridade), continuaron poñendo voz a imaxes de Rosalía a través da aplicación Chatterpix e escoitaron a mensaxe de Miriam Ferradáns. Toda a información no blog do centro.

  • CEIP Plurilingüe A Cristina (Carballo).

O 24 de febreiro celebrouse o Día de Rosalía de Castro e un ano máis quixeron seguir as propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a súa celebración adaptándoas á realidade que estamos vivindo. De xeito colaborativo entre todo o alumnado do centro realizouse un vídeo onde poderedes atopar información sobre esta ilustre autora e ademais o recitado de varios dos seus poemas. Este traballo permite coñecer, reinterpretar e difundir a súa fantástica obra. Pode verse aquí, na web do Centro.

  • CEIP Xoán de Requeixo (Chantada).
  • CEIP Plurilíngüe Anxo da Garda (A Coruña).

Bailaron coa poesía da nosa escritora máis célebre musicada polo grupo de Astarot, para celebrar o Día de Rosalía 2021, sumándose á proposta da AELG. Nas aulas, traballouse con textos e imaxes de Rosalía:
En Educación Infantil fixeron realidade os “discos” do cartaz da AELG, reutilizando cartón, e decoraron a súa galleta cunha imaxe de Rosalía e un verso e unha flor na traseira. Pode verse máis información no blog do centro.

  • CEIP Raquel Camacho (A Coruña).
  • CEIP O Foxo (A Estrada)

As actividades polo Día de Rosalía foron desenvolvidas no noso Xardín da poesía. Foron as seguintes:

– O alumnado de 6º curso cantou e bailou o Rap Rosaliano titulado ” Un beixo de a´mor” (poema de Xosé Luna).
– 3º e 4º elaborou un busto de Rosalía utilizando a técnica de Andy Warhol.
– 1º, 2º e 5º recitou varios poemas de poeta.

Previamente elaborouse un mural colaborativo feito por toda a comunidade educativa do centro coas palabras que para nos son as máis bonitas da lingua de noso.

  • CEIP Rosalía de Castro (Lugo).
  • CEIP de Xanceda (Mesía).
  • CEIP de San Ramón (Moeche).
  • CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán).
  • CEIP A Ponte (Ourense).

Poden verse as actividades realizadas no blog do centro.

  • CEIP Plurilingüe de Seixalbo (Ourense).

  • CEIP Vistahermosa (Ourense).

Propuxeron para a comunidade educativa a actividade Rosalía Desconfinada, tal e como se pode ver na web do centro. Aquí poden verse os videos e resultados da actividade, tamén na súa web.

  • CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela).

Desde o centro lévase conmemorando desde hai anos esta data. Aquí pode escoitarse este podcast elaborado desde o propio centro.

  • CEIP Monte dos Postes (Santiago de Compostela).
  • CEIP Barrantes (Tomiño).

O alumnado de Infantil a 3º de Primaria traballará e interpretará o poema musicalizado de Rosalía do Lelli Kellies, mentres que o alumnado de 4º a 6º de Primaria fará o propio co poema de Sebastian Black e Its Soul. Elaborarase un vídeo coas súas interpretacións. Ademais de distintas actividades sobre Rosalía que se desenvolverán nos distintos grupos, convidarase ás familias a participar na elaboración dun mural conxunto sobre Rosalía. Todas as actividades serán recollidas no blog do centro.

  • CEIP Pintor Laxeiro (Vigo).

Dentro do proxecto de centro titulado “Ecolaxeiros, construindo camiños”, confeccionaron, dun xeito dixital e colaborativo, un roteiro rosaliano interactivo baseado na ruta promovida por Avelino Abuín nos anos oitenta. Por outra banda, plantaron unha roseira no horto escolar en homenaxe a Rosalía. Pode verse a actividade no blog do centro.

  • CEP Celso Emilio Ferreiro (Vigo).

Creouse un recurso interactivo desde o centro tomando como base a proposta da AELG para este 2021. Pode consultarse aquí.

  • CPI Progreso (Catoira).
  • CPI de Ponte Carreira (Frades).

Poden verse os traballos realizados no blog do propio centro.

  • CPI de Xanceda (Mesía).

  • CPI Antonio Faílde de Coles (Ourense).
  • Colexio San Pío X (Ourense).

Trátase dun “Draw My Life” narrado en galego por Uxía Salgado da Silva, alumna de 6º de primaria do centro. As ilustracións foron obtidas do vídeo orixinal en castelán publicado en maio de 2019 polo equipo “TikTak Draw” de YouTube, e que lle outorgou autorización ao Colexio. Tamén contaron coa axuda da Fundación Rosalía de Castro, que participou na revisión dos datos biográficos.

  • Colexio La Merced (Sarria).

Poden verse máis vídeos aquí e tamén nesta ligazón.

  • Colexio Plurilingüe María Inmaculada (Silleda).

1. Infantil: As nenas e nenos de Infantil caracterizados para a ocasión, realizaron a dramatización da canción “Esta clase parece un galiñeiro” do grupo The Lelli Kellies, proposta pola AELG.

2. Primaria: O alumnado de Primaria realizarou varias actividades, entre as máis destacadas a elaboración de máscaras coa imaxe de Rosalía e cuns versos da autora polo reverso que recitaron na aula.

3. ESO/Bacharelato: Nun ano nos que os saúdos dende as ventás foron habituais, no que saímos á ventá a aplaudir, no que colgamos debuxos na ventá con mensaxes de ánimo… nada mellor que conmemorar o Día de Rosalía amosando imaxes súas, recitando poemas, ou mesmo poñendo música da nosa autora máis universal a través das nosas fiestras. As derradeiras palabras de Rosalía foron: “Abre a ventá que quero ver o mar”, pero quizais non haxa mellor metáfora no seu derradeiro suspiro que querer ver o símbolo da inmensidade, do inabarcable, do infinito, da liberdade, a través dunha pequena fiestra. Son as pequenas cousas as que nos abren as portas desa inmensidade inabarcable. Son as palabras de Rosalía as que nos fixeron infinitos e libres, por iso, co alumnado da ESO e Bacharelato, levaron a cabo as seguintes actividades:

a) Realizaron unha foto desde as ventás das súas casas acompañados dunha imaxe de Rosalía e completando o lema “Abre a ventá que quero…”, no que manifestaron os seus desexos a realizar cando esta situación de pandemia remate. Con estas imaxes elaboraron un vídeo co poema musicado de Rosalía “Tecín soa a miña tea”, interpretado por unha das súas alumnas. Este lema pendurou das fiestras do colexio durante toda a semana.

b) Ambientación do colexio con carteis e un mural na entrada versionando o cartaz da AELG e con ambientación musical con versos da autora durante todo o día.

  • IES Primeiro de Marzo (Baiona).
  • IES Aquis Celenis (Caldas de Reis).
  • IES Rodeira (Cangas).
  • IES Losada Diéguez (A Estrada).
  • IES de Foz.
  • IES Terra de Turonio (Gondomar).

Vaise facer un concurso de videopoemas. Ademais, lerase o manifesto da AELG na radio escolar, como fan todos os anos.

  • IES Díaz Castro (Guitiriz).

Celébrase o Día de Rosalía. O venres 26 lévase a cabo un recital poético da obra da autora en varias linguas, para conmemorarmos tamén o recente Día da Lingua Materna. Tamén está previsto divulgar o traballo nas redes sociais do centro (A lus do mundo -Instagram e Facebook-)

  • IES Leiras Pulpeiro (Lugo).

Podedes ver as actividades realizadas no blog do Centro.

Aínda que Rosalía de Castro merece ser lembrada todo o ano, foi ben que se decidise por escoller o 24 de febreiro, día do seu nacemento en 1837, coma un día para homenaxeala. Dende o IES Leiras Pulpeiro quixémonos unir á festa rosaliá con diferentes actividades realizadas polas nosas alumnas e alumnos.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fixo este ano unha proposta de actividade vinculada á música e á danza. E algo argallamos…
En primeiro lugar, seleccionamos un poema, Amores cativos e fixemos fotografías que amosasen persoas, animais, obxectos… que amosasen os sentimentos que suxiren o texto, que son moitos e moi profundos💔💕😒😢😫😔🔥😡💥😞. Puxemos un toque de humor, que boa falta fai nestes tempos🎉😝 Creamos un panel con fotos📷📷- podédelo ver na imaxe- xunto co Manifesto deste ano 2021 de Anna R. Figueiredo. Está exposto na entrada do centro.
A seguir, aproveitando a boa acollida que está a ter o Dicionario de Galego para Boomers, o alumnado de 1º de BAC A realizou un interesante experimento recreando este poema e adaptándoo ao vocabulario da xeración Zoomer😮. O resultado poderédelo ver entrando no Dicionario en Instagram. Poñémosvos imaxe da entrada cos versos orixinais para que vos veña a intriga 😜
Inda temos máis! Unha alumna e dous alumnos de 4º de ESO C, compuxeron e cantaron un trap a partires da versión Z de Amores cativos. Estupendo traballo o de Jarno, Ainhoa e Samuel que vos amosamos no vídeo de abaixo!
🎤🎥🎶👏👏👏👏
Tamén o podedes ver no Dicionario para Boomers.
E non perdades o divertido vídeo de Antía, de 3º ESO D cantando e bailando para pedirlle un home San Antonio bendito😂 Precisabamos de rir, bailar e cantar!
E a ritmo de gaita galega, Noa e María, tamén de 3º D, recitan Miña Santiña, miña santasa.
Grazas aos alumnos e alumas de 1º de ESO C por axudar na montaxe no panel de Rosalía, aos de 1º de BAC A pola súa versión poética, aos de 4ºC e ás rapazas 3º D polos seus vídeos.

  • IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo).
  • IES Melide.

  • IES Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo).

Vídeo gravado co alumnado de 4º ESO-B para o Día de Rosalía. Pode verse no perfil de Instagram do IES San Rosendo.

  • IES Plurilingüe Fontexería (Muros).

Versión artística do cartaz oficial da AELG realizada por alumnado do IES Plurilingüe Fontexería-Muros, para conmemorar o Día de Rosalía 2021. As actividades poden verse na web do centro.

  • IES Pazo da Mercé (As Neves).
  • IES Xermán Ancochea Quevedo (A Pobra de Trives).
  • IES Breamo (Pontedeume).
  • IES Chapela (Redondela).
  • IES O Ribeiro (Ribadavia).

  • IES Carlos Casares (Vigo).

Propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a celebración do Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino

A proposta realízase en base a un escenario de actuación cos centros de ensino bastante pouco habitual debido á problemática da COVID-19.

A proposta trata de unir a idea da música na literatura, a música en Rosalía e a reinvención da nosa tradición lírica-poética-musical en torno á figura senlleira da poeta. A música serve para curar, salva distancias, comunica, únenos e hai poucas cousas que sexan tan universais como a necesidade de cantar, para expresar dor ou ledicia. Tamén en Rosalía. Neste ano no que as visitas aos coles están medidas, no que precisamos unha nova canción para anovar o mundo, como as baleas cando nacen, sementemos música e retrousos que nos fagan confraternizar e recoñecernos malia levar a cara tapada.

A proposta didáctica para o Día de Rosalía ten os seguintes obxectivos:

Dinamización e coñecemento dos versos de Rosalía e a súa figura nas aulas: integración do legado rosaliano nas novas tecnoloxías empregadas polo alumnado, proposta da obra da nosa artista emblemática como elemento de recuperación e reinterpretación das raíces da literatura e a creación de novos medios de arte e comunicación.
A Rosalía innovadora: a figura de Rosalía é unha representación da modernidade e actualidade no seu tempo e debe ser comprendida tamén coma un motor de movernos cos tempos e de crear a nosa propia identidade aproveitando as vantaxes ambientais de tecnoloxía e sociedade do momento. Tamén aproveitándonos, no que se poda, dos obstáculos. A figura de Rosalía é resiliente, forte, emerxe de entre as dificultades e propón novas vías de expresión da literatura, da linguaxe e da lingua.
Rosalía como persoa do seu tempo e semente de futuro, creadora dun alicerce sólido e reivindicado cara a igualdade e a normalización da lingua e do patrimonio inmaterial e material galego.

Propostas didácticas:

A proposta didáctica para coñecer, reinterpretar e difundir a obra de Rosalía, baséase na creación dun vídeo curto apto para o consumo en redes sociais (para o alumnado de máis idade) ou para difusión no propio centro, en circuítos pechados ou cara ás familias (no caso de alumnado de menor idade). Para facelo, desde a AELG, ofrecemos diversos xeitos de participar:

Neste ano, tendo en conta a situación sanitaria correspondente e tamén os ánimos que aniñan nas aulas, reivindicamos a idea de Rosalía de Castro desde a música, desde o ritmo do poema, desde a actualidade e o espírito de liberdade, superación e anovador da poeta chegado aos nosos días. Podemos cantar, podemos expresarnos a través do movemento, podemos concentrar os sentimentos que se revolven no noso interior a través da modulación da voz. Ela xa o fixo, deixando textos que reivindican a nosa realidade, malia estaren escritos hai ben de anos.

Ela xa o fixo a través da visión política da paisaxe, do feminismo, da forza, do tesón, do amor e da dor, a través dos camiños líricos e narrativos, das accións. Ela deixou un legado que podemos recoller e levar ás nosas realidades de aula. Ante as condicións de supervivencia, atopemos esas forzas que nos anovan, que manifestan as dores e as ledicias a través da voz e do xeito de cantar.

Desde a AELG convidámosvos a participar no festexo de Rosalía de Castro a través das seguintes propostas para o día 24 de Febreiro (mércores) de 2021, a propia semana ou para facelas perdurar no tempo tendo en conta o carácter eterno da nos Rosalía.

Propostas para INFANTIL E PRIMARIA:

THE LELLI KELLIES- A clase é un galiñeiro…

A que algunha vez o tedes pensando? A que algunha vez o alumnado ten escoitado esa expresión vindo de nós? “Esta clase parece un ghaliñeiro!” Pois que sexa. Que sexa un ghaliñeiro que lembre un dos poemas de Rosalía. The Lelli Kellies ofrécenos unha pequena versión para empregar na aula e reproducir a letra e coreografía, nos lugares de traballo e grupos burbulla correspondentes, desta proposta divertida que nos permite descargar adrenalina e botar unha gran risotada. Cacarexar as frustracións!

Escoitade a proposta e tratade de levala a cabo na aula coa rapazada. Primeiro podedes xogar a adiviñar o que di a letra e sobre que trata. Engadimos unha pequena ficha de traballo para que se poida concretar na aula e que a nosa rapazada teña o seu verdadeiro pasaporte Rosaliano do día 24. Rosalía desconfinada!

Podedes descargala aquí.

Actividades de aula:

1.- Proxectamos o vídeo:

2.- Reto 1: Intenta cacarexar ao tempo que o fan os protagonistas do vídeo

3.- Cres que os protagonistas do vídeo son galos ou galiñas? Por que? (Escribe o porqué en 7-10 palabras, e só podes usar un adxectivo).

4.- Completa a letra:

Isca d’______

_________ maldita,

Isca d’_____

Nó me mate-la ______.

Isca d’_______

Galiña _______

Isca _______

Pra ______ tua dona.

Cantares gallegos. Rosalía de Castro. 1863.

Vente, rapasa

5.- Poderías cantar a canción sen escoitala de fondo? Intentádeo (Lembrade mover os brazos como se tivésedes ás) para poder canalizar toda a forza creadora das/dos poetas.

6.- Debúxate como se foses un galo/galiña/paxaro do teu gusto.

7.- Hora de dalo todo! Gravamos en vídeo o noso baile e canción Rosaliana imitando aos Lelli Kellies!

8.- Extra: Botade unha ollada aos seguintes vídeos de outras persoas que cantaron a Rosalía. Podedes, mentres escoitades, bailar un pouquiño no sitio…

9.- Cal vos gustou máis? Poderiades inventar na casa un baile para esa canción e compartilo coa clase a través da aula virtual coa axuda da vosa familia?

10.- Gravación da proposta de coreografía da aula para:

a) Compartir en redes cos cancelos #rdc_2021 #TeusDocesCantares

b) Enviar ao mail da AELG: oficina@aelg.org e á comunidade educativa relacionada coa aula (familia, claustro docente…)

PROPOSTA PARA OS MAIORES DE PRIMARIA-ESO-BACH-FP (Proposta de 10-99 anos)

SEBASTIAN BLACK e ITS SOUL- Non me asombres, negra sombra.

A proposta de Sebastian Black e Its Soul está máis relacionada co alumando que entra nas etapas de estudo das/dos maiores.

Podedes descargala aquí.

Actividades de aula:

1.- Escoita activa do audio da canción.

a) Identificación dos elementos. Ritmo, somos quen de identificar que ritmo ten? Poderíamos marcalo coas mans, ou cun lapis?

b) Letra: entendemos ben a letra? Poderíamos copiala nun papel de borrador tras escoitala un par de veces? (Realizamos a escoita e, en gran grupo, corriximos a proposta).

c) Elemento sentimental/visual: Pensemos, por unha banda, con que pode estar relacionada esta letra. Que nos fai sentir a nós? Tristeza, amor, nostalxia, proximidade, desexo de saír, desexo de soidade, desexo de atoparnos con alguén, medo, suspicacia, angustia, tranquilidade…

d) Tendo en conta o que nos fai sentir a canción buscamos no noso arquivo de imaxes do móbil (ou nun arquivo de imaxes que poida ter x docente) unha imaxe que reflicta ese sentimento, podemos escoller incluso a imaxe dunha persoa, ou se é algo moi ligado a nós e non queremos manifestalo en alto podemos escoller un “selfie” e explicar que, de momento, non estamos cómodxs compartindo ese sentimento coa clase.

e) Elemento sentimental/visual: Credes que a intención de Rosalía era crear ese sentimento en particular ou ela podería ter outro calquera pero a vós escoitar a canción non vos comunica o mesmo que o que ela tentaba comunicar ao principio?

2.- Agora proxectamos o vídeo proposto por Varadero para a coreografía.

a) Poderíamos reproducila?

b) Poderíamos mellorala?

3.- Gravación da proposta de coreografía da aula para:

a) Compartir en redes cos cancelos #rdc_2021 #TeusDocesCantares

b) Enviar ao mail da AELG: oficina@aelg.org e á comunidade educativa relacionada coa aula (familia, claustro docente…)

4.- Poderíamos reproducir esta experiencia de crear unha canción e unha proposta de baile, para realizar desde os nosos postos na aula, escollendo algún outro poema Rosaliano? (envíanse propostas pero, obviamente, dáse liberdade x docente para empregar outros materiais da riquísima obra de Rosalía de Castro)

A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2021, para a irmos facendo constar na nosa web.

Extra:

Como inspiración, podemos recorrer a estas propostas que grandes intérpretes galegos teñen realizado arredor da obra Rosaliana (podedes buscar os textos e localizalos na obra de Rosalía, e pensar se algunha vez vos tedes sentido deste xeito):

Narf:

Entrevista co autor sobre o seu achegamento a Rosalía: https://www.youtube.com/watch?v=0MJy-zAAAX0

Son Trío:

De vacas (Rexurdimento):

Uxía (Rosalía pequeniña):

Uxía (Alborada):

Proposta da AELG para levar unha moción aos plenos dos Concellos para declararen o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro

A AELG vén impulsando desde 2011 esta iniciativa. Xa aprobaron a moción os seguintes concellos:

A Coruña, A Estrada, A Guarda, A Pobra do Brollón, A Rúa de Valdeorras, Allariz, Ames, Arteixo, Baiona, Bergondo, Betanzos, Bueu, Burela, Cambados, Cambre, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, Entrimo, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, O Rosal, Ourense, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Ramirás, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro en Vigo 2021

Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2021 en Vigo, que tivo lugar o 24 de febreiro, organizado pola AELG xunto á A. C. O Castro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.