A xalleira Carme Caramés estrea o Premio de Poesía Concello de Ponteceso Eduardo Pondal

Desde Que pasa na Costa (foto: Xerais):
“O venres 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, o Concello de Ponteceso fixo entrega da primeira edición do I Premio de Poesía Eduardo Pondal. O Concelleiro de Normalización Lingüística e Educación, Carlos Penedo Casmartiño, chamou esta mañá á galardoada, María do Carme Caramés Gorgal, unha veterana dos versos que non fai máis que engrandecer un premio no seu primeiro ano. A vencedora leva un cheque de 500,00 €, un diploma e unha efixie conmemorativa de Eduardo Pondal, e verá a obra publicada por Medulia Editorial.
O xurado quere deixar constancia da calidade dos textos, tendo en conta que s recibiron uns 30 manuscritos, dos cales chegaron a ser finalistas 4 libros de poemas, cuxas cualidades foron destacas no debate de decisión.
Así e todo, a obra de Caramés Gorgal, Da casa, do mar e das ausencias foi escollida por unanimidade, por ser “a obra máis equilibrada e coherente entre as participantes”. “Trátase dun libro que sobresae pola linguaxe serena, un texto redondo, onde cada palabra está xustificada e encaixa coa seguinte, sen distorsións”, valoran os membros do xurado.
”A pulcritude e a harmonía entre a linguaxe e a estrutura interna, deixan a sensación de que nos atopamos cun libro que é froito dun longo traballo, froito á súa vez dun pensamento reflexivo e vivencial”, sentencia.
A gañadora resaltou ao recibir a chamada do Concelleiro, que lle facía especial ilusión inaugurar este senlleiro premio. A xalleira é unha veterana da pluma, e leva dende 2004 gañando premios de poesía, novela e relato. A súa última publicación é a novela A Madriña, editada en 2018 por Edicións Fervenza.
O equipo encargado de seleccionar a obra gañadora está integrado por destacadas personalidades da cultura e as letras como son: Luciano Rodríguez Gómez, licenciado en Filoloxía Románica e profesor na Universidade de A Coruña, ademais de recoñecido crítico literario especializado en poesía; Teresa Seara Domínguez, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, profesora e crítica literaria especializada en poesía; Montserrat Yoldi Sanmartín, poeta e profesora de lingua e literatura nun instituto coruñés; o pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, poeta e profesor xubilado de lingua e literatura galega e Xulio López Valcárcel, consagrado escritor e director da editorial Medulia xunto con Diana Varela Puñal, que exercerá de secretaria recollendo acta da sesión.”

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 8 de agosto

O 8 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Beatriz Maceda Abeleira asina na caseta da Libraría Lume.
19:00 h. Montserrat Yoldi Sanmartín asina exemplares do poemario Cinsa na boca, publicado por Medulia, na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Iolanda Zúñiga asina na caseta da Libraría Cartabón.
19:00 h. Presentación de Contos do imaxinario galego. O Gatipedro, de Jacobo Paz e Xosé Tomás. Por Baía Edicións.
19:45 h. Presentación de Tres mulleres galegas de armas tomar. María Balteira, María Castaña, María Soliña, de Guillermina Domínguez Touriño e Felicia Estévez Salazar, publicado por Baía Edicións.
20:30 h. Presentación de Territorio acoutado, de Olga Patiño e Carlos Lorenzo, publicado por Espiral Maior. Interveñen tamén Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Taboada e José Luís Yepes.
21:15 h. Presentación de Tempo fósil, Pilar Pallarés, publicado por Chan de Pólvora. No acto participan, xunto á autora, Eva Veiga e Antón Lopo.