Entrevista de César Lorenzo Gil a Iván García Campos en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Este novo libro [Cuestións vitais secretas] vai na liña estilística da súa novela anterior. Pódese dicir que xa atopou a súa voz?
– Iván García Campos (IGC): En efecto, penso que entre un volume e o outro hai enormes diferenzas en canto aos temas e ás ideas que eu vertín en cada un pero si penso que unha vez comparados os dous textos, pódese dicir que teñen en común a miña voz, a miña maneira de escribir. E será que ese é o meu xeito de narrar e é lóxico que apareza en todos os meus textos. (…)
– B: O concepto literario pasou a ser sinónimo de minoritario, pouco exitoso nas tabelas de vendas. Os catálogos das principais editoras galegas locen “narrativa literaria” como unha excepción, non coma regra. Non sei se apetece poñerse a escribir literatura con este panorama.
– IGC: Penso que a literatura galega, polo seu papel minoritario na cultura da sociedade galega, sofre dunha invisibilidade xeneralizada, en todos os xéneros. Se fas un tipo de narrativa coma a miña, que en efecto non atrae moitas vendas, pois sitúaste ao pé do barranco. Pero é que a literatura é isto. Mentiría se dixese que non me gustaría vender máis pero non vou cambiar nada por gañar un lector, iso non é o que me importa. Hai anos díxome Bieito Iglesias: “Para vender algo máis ca o resto en galego hai unha dupla fórmula que segue a funcionar: escribir unha trama de aventuras, que conteña viaxes e cambios, dentro dunha estrutura que poida ser seguida tanto por mozos como por adultos”. Non sei se ten razón pero aplicar fórmulas é o contrario á arte. Na linguaxe artística, a repetición é considerada unha banalidade e o artista debe fuxir sempre do banal. (…)
– B: E ese compromiso coa literatura dáse na literatura galega actual?
– IGC: Antes falaba da bifórmula comentada por Iglesias. Non era unicamente unha coña. Ás veces dáche a sensación de que colles cen novelas de autores distintos que parecen escritas pola mesma man: tramas semellantes con poucas variacións, un modelo de lingua case idéntico, trama clásica, técnica estándar… É curioso que este modelo tan industrial estea a funcionar nun mercado coma o noso tan minoritario que quizais debería invitar a buscar novas vías, tanto para se diferenciar como por mor de que non hai nin posibilidade nin necesidade de saciar un lectorado que está desexoso de devorar e devorar novos produtos. Xusto porque aquí case ninguén vive da escrita, si que me estraña que non haxa máis atrevemento, máis compromiso coa literatura como arte. Ás veces vexo cousas moi antigas. (…)”
Arquivos da etiqueta: Cuestións vitais secretas
Iván García Campos: “Un libro está vivo cando o lector ten aínda máis preguntas e incertezas despois de lelo”
Entrevista de Montse Dopico a Iván García Campos en Praza:
“(…) – Praza (P): A vida é dona de nós. Non temos o control sobre ela. É unha das ideas máis presentes en Cuestións vitais secretas. Por que?
– Iván García Campos (IGC): Podería ser unha das ideas, si. Mais o que máis me interesaba salientar é que o coñecemento que temos da realidade é parcial, fragmentado. E a partir dese ínfimo coñecemento temos que tomar decisións. Con ese entendemento parcial, nada se resolve definitivamente. Vivimos na incerteza. E mentres agardamos que as cousas se resolvan, a vida vai pasando… Este é un libro que fala do presente. Hai moita literatura de ficción que fala do pasado ou do futuro.
Pero o que eu quixen foi pensar o presente e máis nun momento histórico tremendo como o que vivimos. Tamén quería falar desde a perspectiva das persoas, dos individuos. Non do grupo. Para min iso é o máis interesante para facer literatura, e non a intriga, a acción…, que tamén están nos relatos, pero creo que non é o obxectivo. Quero dicir, que tamén é importante ter o lector nesa incomodidade de que sabe que algo vai acontecer… En calquera caso, o que trato é de suxerir preguntas que, na maioría dos casos, non se resolven. Hai moitas omisións, porque a vida tamén é así. Cada persoa vive a súa vida e o resto son como actores secundarios e non sabemos nin de onde veñen nin onde van… (…)”
– P: Falabas antes de que che interesaba a persoa e non o grupo. Ou de que a literatura debía facer emerxer o oculto. Son ideas moi presentes desde hai moito tempo no discurso literario, sociolóxico…
– IGC: Interésame os individuos, as persoas concretas, e non o grupo. Sempre digo que o importante de alguén que escribe non é a súa vida, senón o que escribe. Pero as circunstancias persoais inflúen no que escribes. Eu traballo rehabilitando persoas que teñen enfermidades e lesións. Persoas que senten dor, medo, incertidume. Acompáñoas en todo o proceso e iso faime vivir cada día o valor das persoas. Pero insisto: a miña vida non ten importancia. Non me gusta falar de min. Hai editoras que utilizan o status profesional do escritor para promocionalo. Iso non me gusta. Que máis dá que sexas catedrático ou que non teñas carreira. Creo que o importante é o que escribas. Da mesma maneira que penso que como se coñece ás persoas é no cara a cara.
– P: As ideas do éxito, da felicidade… tamén se cuestionan no libro.
– IGC: Cando somos novos pensamos que a felicidade é que sexa todo perfecto. Ao medrar, decatámonos de que non é así. De que felicidade é estar co teu fillo, por exemplo. E de que a “felicidade” é unha entelequia. Como a “humanidade”. Non existe a humanidade. Só as persoas. O concepto da felicidade vai mudando ao longo da vida. A vida non acontece de modo ordenado, como nos contan. Non saen as cousas como as tiñamos planeadas. Mais a cuestión é como nos adaptamos. Porque, ata que punto temos o mando da nosa vida? Saber vivir a vida tamén é saber adaptarnos ao que nos vai traendo a vida. (…)”
Iván García Campos, Cuestións vitais secretas, no Zig-zag
Entrevista a Iván García Campos no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor Iván García Campos fálanos do libro de relatos Cuestións vitais secretas, publicado en Galaxia. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
A Coruña: actividades literarias destacadas do venres 7
O venres 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 18:00 h. Contacontos e actividade de ilustración con María Lado, sobre o seu libro Porque Cuqui non quere ir á lavadora, publicado por Apiario.
– 20:00 h. Concerto-presentación de Gatuxo, de Magín Blanco, publicado por Fol Música.
– 20:30 h. Presentación de Cuestións vitais secretas, de Iván García Campos, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Camilo Franco e Víctor Freixanes.