Cospeito: presentación de unha teoría para os espectros, de Abraham Pérez

O sábado 18 de decembro, ás 12:00 horas, no Museo das Aves de Cospeito (Avenida da Terra Chá, s/n), preséntase unha teoría para os espectros, de Abraham Pérez, publicada por Toxosoutos, que acadou o 2º Premio no III Certame de Poesía Torre de Caldaloba, convocado pola Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino e o Concello de Cospeito, en colaboración con Culturalia GZ. Este acto está encadrado dentro da presentación das obras gañadoras.
Para asistir, rógase confirmación no teléfono 982520001 ou a través do enderezo electrónico concellodecospeito@concellodecospeito.es

Sigüeiro (Oroso): presentación de libro Manifesto 25N

Parladoiro con… Abraham Pérez

Entrevista de Martiño Maseda a Abraham Pérez en Culturalia GZ:
“(…) – Culturalia GZ (C): e foses un lector que se achega por primeira vez á lectura de Fragmento/Creba, ¿que suscitaría en ti entrar no seu universo poético?
– Abraham Pérez (AP): Para min Fragmento/Creba é unha tentativa, unha cartografía incompleta e provisional. Tal e como o vexo, cada fragmento, cada físgoa, é a parte visíbel dun magma que conecta, se cadra por ocultamento ou por ausencia, todos os seus puntos. Entón, o que se está intentando problematizar é a nosa época e a nós mesmos coma individuos e suxeitos inseridos nunha rede complexa que é o que chamamos real.
Mais, velaquí está a miña intención; outra cousa é que quen se achega ao libro o comprenda así… (risas).
– C: Tes publicadas obras en galego e en castelán: o proceso creativo é singular en cada lingua na que te expresas literariamente ou hai unha premisa lingüística nuclear?
– AP: Respecto ao propio proceso creativo: é certo que cada obra exixe unha intensidade distinta, uns ritmos, se cadra, tamén diferentes. Malia isto, para min si hai unha premisa que as recolle todas. É certo que conto con textos publicados en galego e castelán, mais neste último caso, cando menos o publicado, foron textos que naceron en galego, pero que por circunstancias acabaron cunha versión en castelán. Aínda así, a lingua coa que traballo é o galego. Quero sinalar isto porque escoller unha lingua non é un elemento meramente accidental, senón que no meu caso é froito dun compromiso, dun xeito de entender certas cousas; en definitiva, dunha maneira de comprender e de se relacionar coa realidade.
Agora ben, volvendo á pregunta inicial: a miña poética trata de traballar cun elemento que reúna todo. Podo escribir poesía ou narrativa, con certas liñas estéticas que a priori poden estar afastadas ou parecer opostas, mais tal e como as concibo, non é así. Sempre hai unha preocupación, unha tematización dun problema que pode verter (e que adoita facelo) cara a outras problemáticas. Entón, é a partires de aí desde onde se vai configurando cada obra, cada texto; deste xeito, permíteme velos coma un tecido, coma unha rede que remiten uns aos outros. Logo, claro, cada creación ha de facer un escorzo, ha de gañar autonomía, para que se poida considerar como delimitado e, por tanto, independente. Pero insisto, sempre comprendido como unha parte dun todo. Isto non implica, loxicamente, que non se produza un proceso de madureza, é dicir, pretensións de mellorar o traballo, e algunhas variacións estéticas en cada obra.
– C: Cando escribes, hai unha fiestra fronte túa na procura dunha recepción colectiva da túa escrita ou, coma nun efecto espello, escribes para ti mesmo?
– AP: Semella que redundo no mesmo, porén considero que son diferentes puntos dun idéntico problema. Explícome: cada obra nace dunha preocupación; dita preocupación, vaise concretando na indagación que levará (ou non) ao proceso de escritura. Deste xeito, coagula e configúrase o que vai ser o proxecto delimitado para cada unha individualmente. Evidentemente as obras, os textos, nacen cunha vocación comunicativa, posúen en si mesmas a característica esencial de tender pontes; entón, seguindo esta liña comunicativa, son para ser lidas e pensadas por alguén que non son eu. E é aquí onde está, ao meu ver, a riqueza: a posibilidade de establecer diálogo con alguén que se está a mover fóra das miñas dinámicas (e xa que logo, pretensións) creativas. É nesa intersección onde se produce unha dobre autonomía da obra: en primeiro lugar, a independencia respecto de quen a crea porque xa é algo externo, algo alleo; e por outro, ao ser recibido por unha lectora ou por un lector, aparece unha nova lectura, unha nova interpretación e, en consecuencia, amplíase o campo de discusión coa conseguinte apertura de perspectivas. Mais este feito que se ha de producir de xeito necesario, na miña opinión, non pode ser unicamente pensado desde a posición do público, e menos pensar o público coma un elemento homoxéneo.
– C: Canto de filosofía hai no proceso literario?
– AP: Ben, realmente non sabería delimitar exactamente cal é o receptáculo de cada cousa; máis que nada porque para min non hai tal separación. Antes falabamos da preocupación ontolóxica de Fragmento/Creba e tamén da rede que, cando menos para min, é o conxunto das obras. Entón, para min a filosofía é tamén, entre outras cousas -por suposto- fundamentais, un exercicio artístico; de tal modo que, cando comezo a traballar nun texto, parte dunha preocupación, dunhas premisas concretas e dunha pretensión, o cal non quere dicir que sempre remate por ser tal e como fora pensado nun primeiro momento. (…)”

Coñécense as obras gañadoras do IV Certame de poesía Torre de Caldaloba

Presentación virtual do libro Manifesto 25N

Caldaloba: I Magosto Cal da Loba, o 23 de outubro

Montserrat González: “A poesía galega actual está comprometida sempre co momento social no que vive”

Entrevista a Montserrat González en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cando inicia a súa andaina a asociación Caldaloba?
– Montserrat González (MG): Como asociación sen ánimo de lucro nacemos en novembro de 2019. A nosa misión principal é a preservación da historia e a memoria da torre de Caldaloba, aínda que o ámbito de actuación esténdese a toda a comarca. A nosa idea é realizar actividades multidisciplinares en espazos variados co afán de conservar e promover o noso patrimonio artístico cultural sexa a nivel musical, literario, arqueolóxico ou de pintura.
– ND: Que é o Manifesto 25N?
– MG: É o noso primeiro proxecto. Pensámolo en novembro de 2020 mais non chegamos a tempo de telo para o 8 de marzo. Procura remover consciencias ao redor da situación de desigualdade a nivel laboral e a nivel económico xunto coa lacra do maltrato.
Queremos que as institucións tomen consciencia de realidades que moitas veces rematan en traxedia, que se decaten de que o que estiveron facendo até agora ou non serve. Hai unha educación machista con moito pouso de antes, mesmo vemos como hai denuncias que se retiran, hai medo. Que cada suceso non quede nunha nota de prensa. Penetraría na sociedade mais como son tan repetitivos non queremos que o vexa como algo normal cando non o é.
Ademais da violencia contra a muller hai violencia infantil nas familias por sufrir directamente o maltrato. Esta situación en realidade é unha pandemia. Casos como o de Rocío Carrasco chega a moitos fogares e serve para que outras mulleres anónimas se decaten e teñan forza para erguer a voz para denunciar. O libro nace xusto cando hai ese debate intenso a nivel social. (…)
– ND: O libro coincide coa idea de que a literatura e a arte seguen comprometidas coa realidade?
– MG: Desde logo. Comprobeino en moitas ocasións. Traballando nun programa de radio sobre poesía en Lugo vin como as e os escritores, a poesía galega actual, está comprometida sempre co momento social no que vive. Temos que rexeitar a idea de que son intimistas por natureza e só tratan os temas universais da poesía como o amor, o desamor, a soidade, a morte ou a familia. Lembro que cando foi a vaga de incendios forestais moitas e moitos poetas trataron o tema nas súas obras. Tamén entran en política con todos os recursos para non mencionar a quen non se quere mencionar. Falan das desigualdades, a pobreza, a pandemia…
Outro caso semellante foi un certame de narrativa que tivo lugar en Lugo e a maior parte dos traballos presentados trataban sobre a pandemia da Covid-19. Para min o poeta é un xornalista que narra en verso. Emprega os seus recursos estilísticos mais non está allea nin alleo aos problemas sociais. Tamén é certo que se nutre deles para chegar á xente. Os poemas de amor e desamor nunca caducarán, son temas universais mais os temas sociais están sempre presentes.”