Montserrat Varela faise co Premio Avelina Valladares de poesía

Desde Nós Diario:
“O xurado do Premio de Poesía Avelina Valladares deu a coñecer esta segunda feira a obra gañadora da súa trixésima edición, certame que celebra trinta anos honrando a memoria da “Cantora da Ulla”. O galardón recaeu na escritora M.ª Montserrat Varela Vázquez polo seu poemario Consciencia da impermanencia, peza que concorreu co lema Fendas na brétema e impúxose entre as 25 propostas presentadas.
O xurado estivo integrado polos vogais Xoán Carlos García Porral, Constantino Regueira Paz, María Begoña Porto Brea e Esteban Folgar Brea, con Dolores Araújo Arias de secretaria. Do poemario, o xurado destacou especialmente a súa estruturación así como “a harmonía do día dende o amencer ao solpor pasando polo atardecer e transitando por paisaxes claras nas que o saber, o buscar e o querer enchen unha vida asentada na esencia que nos define e que, deste xeito, transcenderá”.
A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, comunicou o fallo á gañadora. Montserrat Varela, que se mostrou emocionada polo recoñecemento, o primeiro poemario que publicará. (…)
O premio ten unha dotación de 2.000 euros e a publicación do poemario en Edicións Fervenza. O galardón entregarase o vindeiro 26 de novembro nun acto aberto no Teatro Principal, no marco da Festa da Poesía.”

Mª Carmen Caramés Gorgal gaña o XXI Premio de Poesía Avelina Valladares

Desde o Concello da Estrada:
“Mª Carmen Caramés Gorgal únese a longa lista dos gañadores do Premio de Poesía Avelina Valladares, que este ano celebra a súa vixésimo primeira edición. O concurso está promovido polo Concello da Estrada e pola Asociación de Consumidores e Amas de Casa Avelina Valladares. Ten como principal obxectivo a difusión da lírica galega e dar a coñecer a novos autores; ademais de contribuír ao fomento do uso da lingua galega e facer un particular recoñecemento á estradense Avelina Valladares, que xunto ao seu irmán Marcial, foi unha figura importante para o cultivo literario no século XIX, determinante no rexurdimento do galego como vehículo artístico.
Ás 11:00 horas do 19 de setembro de 2017 reuniuse o xurado para deliberar sobre o fallo. E tras algo máis dunha hora Rosalía Morlán Vieites, Dolores Araújo Arias (Noni), Guadalupe Porto Gañete, David Otero Fernández e Clara Iglesias Cortizo decidiron que a obra presentada baixo lema As idades perdidas (Scripta manent) fose a gañadora.
Nesta edición presentáronse 27 orixinais e o xurado destacou a calidade deles. Tras elixir catro deles, decantáronse por unanimidade polo gañador. “Trátase dun poemario conxunto unitario, de momentos e reflexións de feitos no decorrer dos tempos mentres derredor contextualízase o esencial”, destacou o xurado. E engadiu: “sen desmerecer os outros tres porque a súa calidade literaria é importante e eses son catro poemarios magníficos”.
Descargar acta.
A gañadora recibirá 2.000 euros que se entregarán indivisiblemente nun único premio durante a Festa da Poesía, no mes de decembro.”