Elena Gallego Abad: “A historia de Dragal dá para tres triloxías”

EntrevistaElena Gallego de César Lorenzo Gil a Elena Gallego en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A receita, daquela, para os escritores galegos, é a perseveranza no traballo “comercial”?
– Elena Gallego (EG): No meu caso foi así. Non podes unicamente pensar en escribir boas historias, tes que pensar que a túa obra é coma un fillo, que precisa coidados, atención, que te preocupes por ela, que fagas todo o posible polo seu benestar. Eu sempre considerei fundamental atender os lectores nas redes sociais, visitalos nos centros de ensino, facer presentacións, que me consideren unha persoa accesible coa que comunicarse… E por outro lado, sempre estou intentando abrir mercado. A serie de Dragal está en Alemaña, en Italia, no Xapón, no Brasil e en Portugal. Confío que co tempo se publique neses países e incluso noutros. Ás veces paso as mañás enteiras ao teléfono con editores. (…)
– B: Seguro que ten reflexionado sobre cal é a “fórmula” do éxito de Dragal.
– EG: Coido que pode haber varias razóns pero a miña análise non é previa; non nace dun deseño. Cando me poño a escribir só teño dúas cousas en mente: que nunha saga, é imprescindible que cada novo título sexa mellor ca o anterior e que a miña fidelidade é co lector; un lector que non se deixa enganar, que sabe moi ben o que quere, que é esixente, que bufará de rabia se o texto non está á altura das súas expectativas.
– B: Íame dar o resultado desa análise a posteriori.
– EG: Si. Digo que visto o resultado, Dragal é unha serie que empata moi ben con persoas que len pouco, en moitos casos rapaces que nunca leran nada anteriormente e que encontran nestes libros os alicientes necesarios para engancharse. Cada libro facilita esa “dependencia”, primeiro polas técnicas que emprega: capítulos breves que sempre rematan en alto, que “esixen” continuar a lectura. Segundo, pola mestura de xéneros. Eu fun sempre unha devoradora de libros e esas lecturas acaban por formar parte dos meus textos. Recoñezo que tirei cousas d’Os Cinco, de Enid Blyton, de Viaxe ao centro da Terra, de Jules Verne… Hai aventura, hai amor, hai relato fantástico e novela histórica… E terceiro, porque a narración é realista. (…)
– B: De canto lle valeu esa aprendizaxe na narrativa para mozos cando publicou Sete Caveiras (Xerais), unha novela negra para adultos?
– EG: De moito. Tanto no proceso de escrita coma no de promoción. Sete Caveiras foi un libro que me fervía e escribino moi rápido. Funcionou moi ben. Xa vai pola terceira edición e estou en negociacións cunha editorial para lanzar unha versión en francés. Serviu ademais para rachar certos preconceptos sobre Dragal. Como é unha serie pensada para o público mozo, moitos lectores adultos tiñan reparos en achegarse. Logo de leren a miña outra novela foilles máis fácil. (…)”

Encontro para os docentes do programa de dinamización lingüística Dragal

DesdeElena Gallego a Xunta de Galicia:
“Un total de 22 representantes dos 55 docentes que interveñen este curso na segunda edición do proxecto de dinamización lingüística Dragal participaron o xoves 15 de xaneiro no encontro organizado pola Consellería de Cultura e Educación no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para poñelos en contacto, informalos sobre o funcionamento das ferramentas de traballo con que conta o proxecto, entregarlles material e coordinar as tarefas para os dous vindeiros trimestres.
O encontro celebrado en Santiago enmárcase nunha experiencia que a Consellería –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- está desenvolvendo por segundo ano en centros de educación secundaria das catro provincias galegas. Trátase do Proxecto Dragal, unha iniciativa multimedia con base na triloxía homónima de Elena Gallego Abad que promove a lectura, a creación e a investigación multidisciplinar en galego.
Se no primeiro ano participaron na experiencia sete CPI e institutos, este ano o programa esténdese a catro centros máis. Deste xeito, 659 e alumnas de primeiro e segundo da ESO do IES Rafael Puga Ramón da Coruña, CPI Virxe da Cela de Monfero, IES da Pobra do Caramiñal, CPI da Cañiza, IES Castro Alobre e IES Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, IES de Valga, IES Xesús Taboada Chivite de Verín, IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, IES Alfoz-Valadouro e IES de Becerreá participan este curso no Proxecto Dragal da man dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, encargada de coordinalos.
Tras a lectura da primeira novela da triloxía, A herdanza do dragón, e da ambientación ou dragalización de cada centro educativo, o alumnado participante este ano no proxecto prepárase para recibir a escritora Elena Gallego, que visitará durante as dúas vindeiras semanas os CPI e institutos que interveñen este ano no proxecto. Os encontros rematarán cunha videoconferencia que poñerá en contacto o alumnado dos once centros Dragal. A partir de aí, sucederanse os traballos de análise, de pescuda e de creación arredor da temática da novela, traballos que se realizarán ou compartirán no wiki do proxecto.
Está previsto rematar o curso, igual ca na pasada edición, cun xogo de rol no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na triloxía Dragal. (…)”

Dragal: un llibre de misteri i aventures”, reportaxe sobre o libro de Elena Gallego na TV3

EmitiuseElena Gallego, no programa Super3 da Televisió de Catalunya, unha reportaxe arredor do encontro de Elena Gallego co alumnado do Institut Pau Claris de Barcelona sobre a versión en catalán da saga Dragal.
Pódese ver completa nesta ligazón.

Elena Gallego: “Fronte ao ‘todo vale’, hai xornalistas que seguimos crendo nunha serie de valores e principios”

EntrevistaElena Gallego de Montse Dopico a Elena Gallego en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): A protagonista é unha muller, unha xornalista, Marta Vilas. Ela é quen investiga os asasinatos. Hai pouco falaba con outra escritora sobre a pouca presenza tanto de autoras como de mulleres protagonistas na novela policial galega. Influíu a consciencia disto na construción deste libro?
– Elena Gallego (EG): Cando escribín Sete Caveiras non o fixen cunha consciencia de xénero. Tiña en mente unha historia de asasinatos que decidín investigar a través dunha xornalista porque para min resultaba máis doado que crear un detective masculino e singular. Marta Vilas é unha protagonista verosímil, talvez porque eu tamén son muller e nos últimos anos traballei na redacción de distintos medios de comunicación. Cando Marta Vilas se move pola novela, coñezo os seus espazos sen necesidade de recorrer a artificios innecesarios. (…)
– MD: Sete Caveiras é máis unha novela policial de trama de investigación que unha novela negra de denuncia social, mais si se achega ao que chamas no libro “cara B da movida viguesa dos 80”. As drogas, a violencia da reconversión naval… cos seus paralelismos coa actualidade: desemprego, crise do naval… Hai, nese sentido, un certo sentido desmitificador deses 80 vigueses no teu libro?
– EG: Precisaba un móbil para unha xeira de asasinatos e atopeino en pleno centro de Vigo, nun tempo e circunstancias determinados. O que aconteceu nos anos oitenta, tanto a nivel cultural como social, está recollido nas hemerotecas. Houbo unha serie de grupos musicais que triunfaron alén do “telón de grelos”, ao que se chamou “movida viguesa”, e unha “xeración perdida” pola conflitividade social do momento. Non se trata de desmitificar nada, só lembrar que todas as épocas históricas teñen a súa “cara B”. Tamén a que, en plena era tecnolóxica e do coñecemento, estamos a padecer neste momento. (…)
– MD: A triloxía de Dragal parece unha confirmación de que pode haber best-sellers en galego: libros dirixidos principalmente ao público adolescente, de fantasía e mitoloxía, e coa nosa historia como fondo. É así? Era un pouco o teu obxectivo ao escribilo?
– EG: Debo confesar que a idea de que puidese convertese nun best-seller nin se me pasou pola cabeza. Daquela eu só pretendía demostrarlle ao meu fillo adolescente que en Galicia, en lingua galega, tamén podemos escribir historias de dragóns fantásticos, recuperando a nosa tradición e cultura a través da ficción. Eu non quería que Dragal fose a típica novela fantástica na que os protagonistas saltan dunha dimensión a outra, ou habitan universos imposibles. Os seus personaxes transitan pola vida real e os elementos máxicos que atopan forman parte da cultura, tradicións e mitoloxía galegos, que ao mesmo tempo son universais. Por iso Dragal funciona tamén noutros idiomas e pode conquistar lectores en calquera lugar do mundo. (…)”

Unha aula do IES Castro de Baroncelli de Verín leva o nome de Elena Gallego

Desde Xerais:
“O luns 19 de maio, no IES Castro de Baroncelli de Verín, dentro dos actos organizados con motivo da celebración do Día das Letras Galegas de 2014, inaugurouse a aula dedicada a Elena Gallego, que mantivo mantivo unha conversa con alumnos e alumnas do centro e asinou exemplares das súas obras Dragal e Sete Caveiras.”