Elena Gallego: “Sabía que para que Dragal tivese potencia argumental tiña que ter detrás a historia de Galicia”

Entrevista a Elena Gallego en Praza:
“(…) – Praza (P): Que papel vas ter ti en todo este proceso?
– Elena Gallego (EG): A miña idea é acompañar todo o proceso, porque Dragal é unha triloxía pero vai continuar. De feito un dia dixen, medio de broma medio en serio, que Dragal podían ser tres triloxías e realmente a historia que eu teño na cabeza dá para máis. O ter rematado a primeira permíteme comezar a traballar na segunda. O proceso de preprodución xa está en marcha e estamos compartindo algunhas ideas sobre o deseño dos personaxes, pero a medida que o proxecto vaia crecendo veremos como nos coordinamos.
– P: Como nace o Dragal? Como nace a idea e como fuches desenvolvendo os distintos elementos que están presentes nos libros?
– EG: Eu son xornalista, vivo en Marín e traballo en Cangas e ao meu fillo de 16 anos matriculeino en Moaña porque levalo a clase no coche era unha maneira de velo, porque cos meus horarios sempre chego pola noite a casa. Falando con el no coche, só me falaba das novelas de dragóns e de maxia. Eu estaba empeñada en que lese libros en galego e en que coñecese a historia de Galicia, así que decidín escribir unha novela de dragóns en galego. E para que se sentise mais atraido a lela fíxeno a el protagonista da novela: un rapaz de 16 con moi poucas ganas de estudar e de facerlle caso á vida real. E sempre tiven a idea de que se quería que Dragal tivese potencia argumental tiña que ter detrás a historia de Galicia. Temos a historia da traslatio, que é unha das historias de ficción máis importantes do mundo, e sobre ela aséntase todo o Camiño de Santiago, e no Códice aparece un dragón. Por que non xogar con iso? Está documentado que o alquimista Nicolas Flamel, que aparece en Harry Potter, estivo en Compostela. Eu utilicei varios elementos que o meu fillo recoñecía doutros libros. A forma de construír Dragal era crear unha ficción nova a partir de elementos que están documentados.
– P: Ademais a tradición da literatura fantástica en galego é moi rica, de Cunqueiro a Ferrín
– EG: Si, e moitas veces os nosos rapaces non o coñecen. Iso é do que máis orgullosa estou con Dragal, de que moitos nenos se me acheguen e vexo brillar o dragón nos seus ollos. Tamén tiven na cabeza as aventuras dos Cinco: que os protagonistas vivisen aventuras dentro da vida real, que tivesen exames que tivesen conflitos da vida real. Quería fuxir da fantasía de armario. (…)”.

Dragal, o Harry Potter galego, salta ao cinema, o cómic e os videoxogos

Desde Praza:
“(…) Dragal salta ao cinema, ao cómic e aos videoxogos, convértese nun proxecto multimedia de distribución internacional a través de Ficción Producciones. A fínais deste ano as novelas gráficas chegarán ás librarías, en 2014 poderemos ver o filme e en 2015 Dragal será un videoxogo. Cando a Elena Gallego lle preguntan por estas similitudes coas novelas de Harry Potter, ela responde que Rowling “tivo que inventar Hogwarts, para Dragal só necesitei Galicia”.
Esa dobre dimensión, local e universal, fantástica pero cunha base real, permitirá que no proxecto se inclúan elementos coma rotas guiadas por Galicia polos “escenarios do dragón”, un proxecto multimedia de xeoposicionamento no que o patrimonio cultural galego terá unha importancia clave, comezando polo propio Códice Calixtino, ou que no videoxogo -un shooter 3D- se inclúan escenarios reais do Camiño de Santiago. E tamén merchandising ou a creación dunha comunidade virtual. (…)”.

Elena Gallego: “Hoxe máis que nunca é fundamental a profesión de xornalista”

Entrevista a Elena Gallego en Xeado de Toxo:
“- Xeado de Toxo (XdT): Vostede é xornalista, e ademais conta cunha ampla traxectoria demostrable. Que lle moveu a escribir un libro? Con isto pretendo que me comentes un pouquiño a historia da creación de Dragal.
– Elena Gallego (EG): Eu escribo porque me gusta. No fondo o 90 % dos xornalistas queremos escribir esa historia. Eu creo que moitos dos xornalistas que eu coñezo teñen unha novela nun caixón. Eu, de feito, a parte de Dragal, teño novelas nun caixón. A miña primeira novela a escribín con 13 anos. Miña nai, despois de publicar Dragal deuma e díxome que aquela era a primeira, e non Dragal. Teño tamén algunha outra cousa por aí agardando a súa quenda, pero é complicado. E tamén sigo escribindo, agora estou pendente dunha editorial que publique unha novela que teño por aí, pero bueno, os tempos están difíciles para sacar nada novo, pero si teño un compromiso de publicación, desta vez para público “adulto”. (…)
– XdT: É complicado publicar en galego se non tes unha traxectoria consolidada como autor literario? Supuxo esta obra un reto editorial?
– EG: Dragal é a demostración de que algo que ten calidade, aínda que non sexas coñecido, pode saír á luz. A min, cando presentei Dragal ao Premio Fundación Caixa Galicia de Xerais, non me coñecía ninguén. Qué acontece? Está todo moi difícil. Publicar calquera cousa hoxe é moi complexo porque as editoriais están moi afogadas polo tema da crise. A xente non merca libros, entón non se venden, non se poden sacar. Eu teño outras cousas que están nun caixón porque é moi difícil sacalas á luz, Dragal porque era especial. Hai outras cousas que o mellor non o son tanto (riso).
– XdT: Próximos proxectos literarios que poidas comentar?
– EG: Teño algo aí que está pendente de que se publique, xa sería para adultos (aínda que os rapaces o poidan ler), pero bueno, das cousas que teño en capela non me gusta falar demasiado porque van pasando os meses, están aí… A min gustaríame que ao longo da primavera outra novela de Elena Gallego que non fose de dragóns vise a luz, pero a ver… (…)”.

Unha cadea pola cultura galega. Comparte o Aturuxo* do Dragón

Evento creado en facebook por Elena Gallego:
“Obxectivo: Axudemos como galegos para que se manteña aberto un espazo de difusión da nosa literatura, música e artesanía na capital española, Aturuxo Tenda Galega.
Convidados: Todos os galegos do mundo, de nacemento, adopción ou corazón que aposten pola nosa cultura e nestas datas se deixen caer por Madrid.
E que podo facer eu? Se vives ou tes amigos que residen en Madrid, presume de galego nestas festas. Non é preciso que merques nada. Só por pasarte fisicamente pola tenda (Vallermoso 104 Madrid, m
etro Canal ou Islas Filipinas) recibirás un boleto para participar no sorteo que se celebrará na Festa- Presentación da triloxía Dragal (ed. Xerais) en Madrid o sábado 9 de marzo de 2013.
Que gañamos todos? A crise non se pode seguir levándose por diante a nosa cultura. Se segues a cadea do Aturuxo estás colaborando para que se manteña aberto un espazo galego en Madrid.”

Elena Gallego: “Dragal é unha novela de aventuras con elementos fantásticos e históricos galegos”

Entrevista a Elena Gallego en Tempo de lecer Ourense:
“(…) – Tempo de lecer Ourense (TLO): Como xorde a idea de escribir sobre dragóns? Cales foron as súas fontes de inspiración?
– Elena Gallego (EG): O meu fillo Adrián, que daquela contaba con 15 anos, tiña o seu cuarto ateigado de dragóns e só lía literatura fantástica. Quixen demostrarlle que en Galicia, con base nas nosas tradicións e utilizando a nosa lingua, podemos crear fantásticas historias (tan boas, cando menos, como outras referencias de autores internacionais que ateigan os andeis das nosas librarías). O resultado foi Dragal. (…)
– TLO: Que valores lle gustaría transmitir coa súa obra? Hai algunha intencionalidade didáctica de cara ao lector?
– EG: Dragal é unha novela de aventuras e, a partir de aí, o universo dragaliano foise enchendo de valores engadidos. A historia de Galicia, as nosas tradicións… Eu quería que o meu fillo as descubrise e valorase, que soubese que hai “algo máis” que toda esa “cultura” que os nosos rapaces absorben cada día a través da pantalla. Tamén o valor da amizade e da lealdade están moi presentes ao longo das tres novelas.
– TLO: A que tipo de público vai dirixida a triloxía?
– EG: Dragal ten varios niveis de lectura, tanto para rapaces como para adultos. Coido que é unha gran novela de aventuras, que nalgúns pasaxes está inspirada naquelas historias que a min me gustaba ler cando moza. Lembro autores como Enid Blyton (Os Cinco), Jules Verne (Viaxe ao centro da Terra) ou Emilio Salgari. Pero os maiores defensores da triloxía son os lectores adultos, que con Dragal redescubren a maxia da lectura e aspectos da nosa cultura que descoñecían.
– TLO: Na actualidade está xa a traballar na súa nova novela. Que nos pode adiantar?
– EG: A próxima novela xa está en mans do editor e, se todo vai ben, sairá do prelo na primavera. Despois de tres anos convivindo con dragóns quixen escribir algo diferente, así que será unha sorpresa para os meus lectores.”

Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o domingo 2 de decembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2012, remata esta edición no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e con entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2012, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:

Domingo, 2 de decembro
– 12:00 h. Redelibros: novos camiños para a edición. NO SALÓN.
– 12:00 h. Cine e literatura: A Esmorga de Blanco Amor na gran pantalla. NO GARAXE.
– 12:30 h. Eloy Varela e Fina Casalderrey: Dúas letras. A curta que arrasa nos festivais galegos, publicada en Galaxia. NO GARAXE.
– 13:00 h. Conversa de María Solar con José Domingo, Xavier Alcalá e dos lectores/as de Espazo Lectura con Agustín Fernández Paz. NO SALÓN.
– 13:00 h. Mesa redonda: O teatro para nenos e nenas en Galicia. Organizada por Escena Galega. NO ESTUDIO.
– 16:30 h. Camilo Franco: Dez obras na vida de Vidal Bolaño. NO SALÓN.
– 17:00 h. Francisco Pillado (coord.): Banqueiros, publicado en Laiovento. O teatro tamén ten algo que dicir ante a imposición da crise. NO SALÓN.
– 17:30 h. A máquina do tempo. Un disco-libro ilustrado que fala da memoria. NO PATIO.
– 17:30 h. Manuel Rivas: As voces baixas. Lectura dun fragmento. Participa, xunto ao autor, Manuel Bragado. NO SALÓN.
– 18:00 h. Presentación da Obra completa de Roberto Vidal Bolaño, publicada por Positivas, e da Asociación Roberto Vidal Bolaño. NO SALÓN.
– 18:00 h. Sinatura no stand de Xerais da triloxía Dragal, de Elena Gallego.
– 18:30 h. Presentación a xeito de recital do libro Monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, acompañado por Ledicia Costas.
– 19:00 h. Conversa de Belén López con Manuel Lourenzo, Teresa González Costa, Teresa Moure e María Reimóndez, sobre Escrita teatral. NO SALÓN.

Concurso Dragal nas redes sociais

Con motivo da celebración de @ForoUNIREDE, o II Foro da web 2.0 de Galicia, ponse en marcha o sorteo de 1 exemplar de cada novela da triloxía Dragal (A Herdanza do Dragón, A Metamorfose do Dragón e A Fraternidade do Dragón) nas redes sociais, coa dedicatoria personalizada da autora, Elena Gallego Abad (@elenagallegoab).
Para participar é preciso subir unha imaxe alusiva á Triloxía, o mundo máxico dos dragóns ou calquera outro elemento do universo Dragal (fotografía, debuxo, montaxe Instagram) á páxina de fans da Fraternidade Dragaliana no facebook ou tweets co hashtag #dragongalego dirixidos a @elenagallegoab e @ForoUNIREDE
Todas as imaxes recibidas nesta páxina ata as 13:55 horas do sábado 27 de outubro serán expostas ao longo da intervención que Elena Gallego Abad realizará en @ForoUNIREDE. Antes de finalizar a charla, con remate previsto ás 14:00 horas, o público asistente á xornada escollerá as dúas imaxes subidas á rede que, pola súa relación coa Triloxía, orixinalidade e/ou calidade artística, teñan maior popularidade, cando menos unha delas acompañada por texto en lingua galega. Unha terceira imaxe será elixida polos votos emitidos polos internautas ás fotografías subidas á páxina de fans.
A persoa ou persoas gañadoras recibirán como premio, por orde de selección, un exemplar do primeiro, un exemplar do segundo ou ben un exemplar do terceiro libro da Triloxía Dragal dedicados pola autora.
Poderán participar no sorteo todas aquelas persoas físicas que, sen límite de idade, sexan seguidoras da páxina de fans da Fraternidade dende a súa conta no Facebook, ou sexan seguidoras/es de @elenagallegoab e @ForoUNIREDE dende unha conta propia en Twitter.
O anuncio dos gañadores farase público durante a propia presentación e publicarase nas redes sociais xunto coas imaxes da súa autoría, notificándoselles mediante o envío dunha mensaxe directa para confirmar a aceptación do premio antes do luns 29 de outubro (ata as 20:00 horas), debendo especificar un correo electrónico de contacto.
Os premios do presente sorteo en ningún caso poderán ser obxecto de cambio, alteración, compensación a petición do gañador ou cesión a terceiros. No suposto de que algún dos gañadores non acepte o premio, non o recolla ou non cumpra co establecido nas presentes bases, considerarase deserto.
Reservas e limitacións:
Calquera comunicación falsa de datos persoais dará dereito á organizadora do sorteo á descalificación do participante, que non poderá dispoñer do correspondente premio. A organizadora queda eximida de calquera responsabilidade no suposto de existir algún erro na captura ou transcrición dos datos facilitados polos participantes, que poidan impedir a súa identificación. A organizadora poderá verificar a identidade dos premiados mediante copia do DNI ou outra documentación válida.
A organizadora resérvase o dereito a descalificar e eliminar da páxina de fans calquera fotografía ou tweet que conteña un contigo ameazante, falso, mal interpretable, abusivo, difamatorio, obsceno e/ou escandaloso, viole os dereitos das persoas á privacidade ou á publicidade ou inclúa marcas comerciais de terceiros.
Os datos persoais facilitados para participar no sorteo usaranse exclusivamente para o seu desenvolvemento a xestión da entrega do premio e para calquera outra finalidade prevista nas presentes bases. A participación no sorteo supón a aceptación das mesmas.