Desde Afundación:
“Afundación, a Obra Social de ABANCA, celebrou na Sede Afundación Pontevedra o acto de entrega do XXIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, outorgado a Carmen Villar Alonso por «E, de súpeto, as mans», publicado en Faro de Vigo o 5 de outubro do 2025.
Acompañaron a premiada, ademais das outras dúas persoas finalistas, Antía Yáñez e Ricardo Colmenero, obsequiadas con dous mil euros cada unha, o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; e as persoas integrantes do xurado: Víctor Freixanes, presidente; Fina Casalderrey, vogal; Rexina Vega, vogal; Gloria Rodríguez López, vogal; Xosé Carlos Caneiro, vogal; e Carlos Valle, secretario.
Desde Afundación, incidiu o seu director xerente, Pedro Otero Espinar, en que «con cada edición deste galardón que convocamos, contribuímos a dinamizar o panorama cultural de Galicia, e iso, para nós, significa materializar un dos nosos compromisos estratéxicos, un desafío especialmente esixente dada a conxuntura de recoñecemento que estamos a vivir na última década, na que a produción narrativa, poética, ensaística, dramática, investigadora e xornalística de Galicia está recibindo os máis distinguidos galardóns no conxunto de España». Pedro Otero quixo, ademais, remarcar os «parabéns por esta distinción ás tres persoas finalistas na edición con maior récord de participación, porque a concorrencia tan constante a este certame reflicte o interese por unha prensa de calidade e en galego, que, da man dos novos e experimentados valores das nosas letras, procura satisfacer as demandas esixentes da sociedade».
A continuación, o presidente do xurado, Víctor Freixanes, destacou o compromiso de Afundación coa cultura e quixo acentuar o valor do «de traballos moi intensos e dunha exquisita calidade na escrita. En nome do xurado, grazas a Afundación, que promove e mantén este premio e que ademais o dotou de máis recursos económicos. É un privilexio que Afundación dinamice un premio tan necesario coma este. Moitas grazas á Obra Social ABANCA».
Carmen Villar Alonso quixo destacar o seu agradecemento a todos os axentes deste galardón. «Moitas grazas a Afundación por convocar e organizar un premio coma este que eleva, dignifica e coloca o galego e o xornalismo no sitio que lle corresponde e moitas grazas ao Faro de Vigo, que cada mes me permite chegar ao público a través das súas páxinas. No meu texto falo das mans, desas mans que detrás teñen persoas. Son vontades as que moven esas mans. E a palabra, a través da cultura, a través da educación, contribúe a formar esas persoas, e incluso a deformalas moitas veces. Por iso mesmo, anímonos a que sexamos responsables no uso da palabra para construír un mundo mellor, un mundo no que sexa posible termos un futuro compartido en condicións de igualdade, nunha época tan complicada e chea de conflitos como é a actual. A palabra importa. E desexaría que a xente que vén despois de nós nos agradeza o que fixemos e que non nos teña que reprochar nada. Con estas mans e estas ideas tracei esta columna. Moitísimas grazas por considerala digna».”