Reportaxe publicada en Cultura Galega:
“Moito se ten falado sobre a importancia do humor como elemento definitorio da identidade galega. Desde Castelao a Piñeiro, pasando por Celestino Fernández de la Vega, Paz Andrade ou Siro López, diferentes pensadores analizaron o xeito no que nos rimos os galegos. Agora, Félix Caballero presenta unha obra na que recolle e analiza as opinións ao respecto. Edicións Morgante presentaba o pasado mes de decembro O humor galego alén da retranca, un traballo no que Félix Caballero analiza o xeito que temos de nos rir e repasa as visións que sobre este fenómeno ten dado a cultura do país. No seu traballo atopamos desde análises xa clásicas sobre o humor galego ata comentarios sobre series televisivas actuais e o xeito no que o noso xeito de entender o sorriso se adaptou aos novos tempos. Na obra, a seguir autores como Baldomero Cores ou Paz Andrade que xa teñen tratado a cuestión no noso país, Caballero distingue “catro xéneros ou formas de humor. Está a retranca, que penso que é unha manifestación puramente defensiva onde se actúa con moito disimulo para dicir o que un quere sen que pareza mal, mais sen intención de burla”. Tamén ten este carácter o trasacordo, caracterizado por se desdicir do dito ou mudar de opinión. Fronte a isto, “a sorna é un xeito indirecto de loita, ten unha intención de atacar”. A rexouba, pola súa banda, “ é un tipo de humor claramente expansivo, mesmo ofensivo no mellor sentido da palabra, xoga coa burla e a exaltación”. O interese por analizar este fenómeno non é orixinal de Caballero, quen recoñece que o seu traballo supón unha compilación e unha análise de diferentes achegas que sobre esta materia que xa se teñen feito no país. “Non achega novidades teóricas, o que fixen foi compilar e ordenar o que se ten dito, pretendía facer unha especie de introdución”, sinala. Con O segredo do humor de Celestino Fernández de la Vega como obra de referencia ineludible para quen queira reflexionar sobre o tema, son varios os autores que no país abordaron esta cuestión. Malia ao interese que existiu e existe no noso país, Caballero recoñece que non foi sinxelo compilar a extensa bibliografía que manexou para o seu traballo. “A maior parte son artigos en revistas e referencias dentro de libros que non tratan especificamente a cuestión. De feito penso que o único traballo específico é o de Celestino Fernández de la Vega, que xurdiu como unha encarga para este investigador da man de Piñeiro e dos responsables de Galaxia”, lembra. “Castelao, Piñeiro, Rof Carballo ou máis recentemente Siro, que ten escrito moito, trataron o tema”. (…)”.
Arquivos da etiqueta: Edicións Morgante
Presentación do número 72 da Revista Galega de Teatro en Vigo, e de Casa O’Rei, de Santiago Cortegoso, en Moaña
O venres 14 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo (Praza da Princesa, 2), preséntase o número 72 da Revista Galega de Teatro, correspondente ao número de outono. O acto contará coa lectura dramatizada da obra Ritos de sangue, de María Xosé Queizán e coa presenza da propia autora. A Revista Galega de Teatro é unha publicación editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas, de carácter trimestral e adicada á difusión das artes escénicas. Xunto coas seccións habituais da revista que van desde a crítica teatral, á crónica de festivais, pasando por entrevistas de actualidade e artigos en profundidade sobre problemáticas do ámbito escénico, a RGT inclúe en cada un dos seus números unha peza teatral. Nesta ocasión, a peza escollida foi Ritos de sangue que será presentada da man da súa propia autora, acompañada na lectura por Afonso Becerra, Mónica Bar e Ledicia Costas.
O mesmo día, ás 21:00 horas, na Biblioteca de Quintela de Moaña, a RGT organiza en colaboración coa Lonxa Literaria de Moaña unha tertulia co dramaturgo Santiago Cortegoso arredor da súa obra Casa O’Rei, publicada por Morgante, da que tamén se realizará unha lectura dramatizada de varias escenas.
Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o sábado 1 de decembro
A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2012, continúa no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e con entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2012, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para o seu segundo día:
Sábado, 1 de decembro
– 12:30 h. Xaime Estévez: Son do Fol. Método infantil de iniciación á gaita galega. NO SALÓN.
– 12:30 h. A Hora da Ilustración. Os profesionais da ilustración amosan os seus proxectos. NO GARAXE.
– 13:00 h. Pedro Feijoo: Os fillos do mar, publicado en Xerais. Unha historia de misterio na cidade de Vigo. NO SALÓN.
– 13:30 h. Félix Caballero: Humor en cadriños. Coloquio con Pepe Carreiro, Xosé Lois e Siro, obra publicada por Morgante. NO SALÓN.
– 14:00 h. N-550. Da estrada á rúa. Un proxecto editorial que analiza as cidades contemporáneas. NO SALÓN.
– 16:30 h. Mesa redonda: O nacemento do teatro profesional en Galicia. Organizada por Escena Galega. NO ESTUDIO.
– 17:00 h. Instituto Camões e X Mostra Portuguesa presentan: João Tordo. NO SALÓN.
– 17:30 h. Café con Pedro Feijoo e lectores de Redelibros.
– 17:30 h. Presentación de O carballo, de Calros Silvar. NA TENDA.
– 17:30 h. Benigno Campos: Volve a cociña de Larpeiros. NO SALÓN.
– 18:00 h. María Lorenzo e Manuel Lorenzo Baleirón: Tonas de laranxa, Premio Xerais 2012, publicado nesta editora. No acto participa, xunto aos autores, Anxo Angueira. NO SALÓN.
– 18:30 h. Fantasía en galego: encontro con editores, autores e lectores. NO SALÓN.
– 18:30 h. Tucho Calvo e Xosé Cobas: Paxaro de mar e vento. Ilustrando o nacemento dunha praia.
– 19:00 h. Xurxo Ayán asinará exemplares de Herdeiros pola forza.
– 20:00 h. Conversas de Xosé Manuel Pereiro con Luís Tosar, Farruco Castromán e cos autores de ciencia-ficción e fantasía Xesús Constela, Manuel Lourenzo González e Fernando M. Cimadevila. NO SALÓN.
– 20:00 h. Uxía: Andando a Terra. Poñendo música e voz aos poemas de Manuel María. NO PATIO.
Cangas: presentación de Bernardino, mariñeiro do verbo, de Héitor Mera
O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, no Café-Librería Rinoceronte (Avenida de Bueu, 15) de Cangas, preséntase o libro Bernardino, mariñeiro do verbo, de Héitor Mera, publicado en Morgante, biografía sobre Bernardino Graña.
Cangas: inauguración da Libraría Café Rinoceronte Editora
O venres 10 de agosto, a partir das 19:00 horas, na Avenida de Bueu, 15, de Cangas do Morrazo, inaugúrase a Libraría Café de Rinoceronte Editora. Os asistentes serán agasallados cun viño e poderán follear a totalidade da produción realizada nestes 6 anos pola editora e os seus selos Morgante e Pulp Books.
Ferrol: presentación de Café só, de Anabel Alonso
O venres 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32) de Ferrol, preséntase a primeira obra de Anabel Alonso, Café só, libro de relatos publicado en Morgante Edicións. No acto, xunto á autora, participa Eduardo Estévez.
Gondomar: Anabel Alonso participa no Clube de lectura Sete Vidas
O martes 10 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova edición do Clube de Lectura Sete vidas, que xirará arredor da novela Café só, publicada en Morgante, contando coa presenza da súa autora, Anabel Alonso.
Pontevedra: presentación de O orgullo do gurgullo, de Calros Solla
A Coruña: presentación de Café só, de Anabel Alonso
O xoves 16 de febreiro, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase a primeira obra de Anabel Alonso, Café só, libro de relatos publicado en Morgante Edicións.
As Pontes: presentación de Café só, de Anabel Alonso
O venres 23 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura das Pontes (Casa Dopeso), terá lugar a presentación da primeira obra de Anabel Alonso, Café só, libro de relatos publicado en Morgante Edicións.