Editoras alíanse para ofrecer unha colección común de impresión conforme demanda

AGE: «Nace a colección «Módicos, unha iniciativa de Rinoceronte, Urco, Positivas e 2.0. que vai compartir deseño e prezo común ( 9,90 euros) e que se imprimirá á carta, segundo a demanda real dos compradores. A distribución farase exclusivamentte pola rede, por medio da web toupa.net. Os potenciais lectores poden escoller a obra que chegará ao enderezo que elixan.» Máis información en Toupa.net.

EDITORES DE COMPOSTELA na Feira do Libro de Santiago

A Feira do Libro de Santiago, que o sábado se inaugura no paseo da Alameda, terá este ano como unha das súas principais novidades a presenza dun stand monográfico onde se poñerán á venda só títulos de temática local, máis de sesenta referencias de todos os xéneros (infantil, ensaio, novela, poesía…). A iniciativa partiu do recén creado grupo de traballo EDITORES DE COMPOSTELA, que empezou a funcionar este mes de abril fundado por tres empresas culturais da cidade: Alvarellos Editora, Sotelo Blanco Edicións e Edicións Positivas, e que espera integrar nas próximas datas a máis editoriais ubicadas na capital de Galicia.

Conta co apoio da Concellaría de Cultura e tamén do Consorcio de Santiago, que terá á venda no stand parte do seu fondo editorial. No stand de EDITORES DE COMPOSTELA poderanse atopar os títulos que, sobre Santiago de Compostela, ten cada unha destas editoras nos seus respectivos catálogos. Entre outros, estarán á venda os contos infantís da colección “Branco de cores” de Sotelo Blanco ou as novidades de Edicións Positivas como Abelcebú, de Carlos Negro. Alvarellos Editora presentará na Feira dúas novidades editoriais: o luns 3 ás 20 horas, Apuntes históricos sobre Santiago, de Antonio López Ferreiro, libro co-editado co Consorcio e que conmemora o centenario do falecemento deste insigne historiador;  o venres 7 ás 19 horas, o audio-libro de Uxío Novoneyra Tempo de elexía.

Os responsables desta nova iniciativa cultural consideran que “pode ser atractivo para calquera compostelán ou visitante atopar, nunha soa caseta da Feira, esta ampla e tan variada selección de títulos locais, algúns deles nada doados de atopar. Por outra banda, os editores de Santiago estamos obrigados a establecer accións conxuntas para fomentar a presenza do libro e da lectura na nosa xente, e facer participar tamén nisto ás administracións”.

• Para contactar con EDITORES DE COMPOSTELA:
Paco Macías: 660 397 064
Quique Alvarellos: 609 90 88 52

Santiago: presentación dun poemario de Raúl Gómez Pato

Este xoves 11 de marzo ás 20,00 na libraría Couceiro de Santiago de Compostela presentarase o libro TRATADO DE ZOOLOXÍA PARA CORAZÓNS MANCADOS, de Raúl Gómez Pato. En dito acto participarán o autor, Raúl Gómez Pato, o escritor Carlos Negro, o editor Francisco Macías (Positivas), así como o músico Héctor Lorenzo, que interpretará algunhas cancións relacionadas co poemario presentado.

Eva Moreda gaña o V Premio Narrativas Quentes

A escritora Eva Moreda levou o V Premio Narrativas Quentes coa obra Organoloxía. O xurado acordou a súa decisión por unanimidade. A novela está ambientada nun conservatorio no que quedan pechadas accidentalmente seis profesoras de música, que aproveitan a noite para falar das súas experiencias eróticas, vencelladas cos instrumentos nos que son expertas. O libro, editado por Positivas, estará á venda a partir de maio

Presentación do libro Safo: cantos e fragmentos

A presentación do libro Safo: cantos e fragmentos terá lugar o próximo día 8 de maio, ás 19:00 na biblioteca Anxel Casal de Santiago (Rúa Xoán XIII). Intervirán Francisco Macías, de Edicións Positivas, Mª Teresa Amado, profesora de Grego da USC e tradutora, Pilar Buela, escritora, e Raúl Gómez Pato, tradutor desta obra e escritor. Poranlle calor, arte e música ao acto Carmen Dor e Tino Baz.