Carballo: actividades do venres 24 na Praza dos Libros

Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolverá até o domingo 26 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o venres 24:

12:30 h. Contacontos de Paula Carballeira e presentación do seu libro O principio, publicado por Kalandraka.
19:30 h. Presentación conxunta das obras Patente de corso, de Rafa Villar, e Acuario, de María Canosa, publicadas por Embora. No acto, nenas e nenos recitarán poemas dos libros.
20:30 h. Espectáculo poético-musical de presentación de Vinte en escena, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Positivas. No acto participan, xunto á autora, Mon Búa, Mon Lendoiro e Chiña.

“Positivas publicará en xaneiro a obra completa de Vidal Bolaño”

“Roberto Vidal Bolaño estreou moito e publicou menos. E o publicado quedou disperso en editoriais diferentes e con edicións a estas alturas esgotadas. No 2013 o Día das Letras Galegas estará dedicado a esta figura convertida en referente principal do teatro galego. Para ir cubrindo eivas, Edicións Positivas ten previsto ter publicado no mes de xaneiro próximo as obras completas do escritor. A intención desta colección de Positivas é reunir en seis volumes toda a obra de Vidal Bolaño, seguindo o criterio de épocas artísticas fixado por Xosé Manuel Fernández Castro no seu libro sobre a traxectoria do dramaturgo publicado por Laiovento. Os seis volumes irán agrupando as obras seguindo ese criterio artístico e temporal, aínda que segundo o editor, Francisco Macías, «algunha das épocas terán que estenderse en máis dun volume». A intención desta colección de obras é que sexa moi asequible. Macías explica que, de acordo coa familia de Vidal Bolaño, teñen a «intención de facer unhas obras completas moi manexables desde o punto de vista do formato e economicamente igual de asequible». (…)” Desde La Voz de Galicia.

Santiago: presentación do poemario Pornografía, de Lupe Gómez

O xoves 21 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a reedición de Pornografía, de Lupe Gómez, publicada en Positivas. No acto, xunto á autora, participan Arturo Casas, Francisco Macías e os músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández.

Declarado deserto o VI Premio Narrativas Quentes

“Reunido o Xurado deste VI Premio Narrativas Quentes (Edicións Positivas) no local da editora, ás 11:00 horas do día 10 de abril de 2012 resolveu deixalo deserto.
Os tres membros do xurado consideraron que as 17 obras presentadas a este premio non acadaron o nivel esixido.
E esta resolución é o que comunica o representante da editora.

Francisco Macías

EDICIÓNS POSITIVAS”

Vinte e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2012, que chegan á súa XIII edición

Os 417 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela.

Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:

Narrativa:
Extramunde, Xavier Queipo, Xerais.
Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Xerais.

Ensaio:
Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais.
Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.

Poesía:
balea2, Estevo Creus, Positivas.
Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias.

Teatro:
A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña.
Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
Anxo Tarrío.
Bieito Iglesias.
Iago Martínez.
Ramón Chao Rego.
Santiago Jaureguizar.

Literatura Infanto-Xuvenil:
Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia.
O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais.

Tradución:
Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa.
Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas.

Mellor Blog Literario:
As crebas, Miro Villar.
Caderno da crítica, Ramón Nicolás.
Criticalia, Armando Requeixo.

Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e Servizos de Normalización Lingüística dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor José Luis Sampedro, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana; a AELG agarda contar coa súa presenza na Cea das Letras.

Convocado o VI Premio Narrativas Quentes de Edicións Positivas

Convocado o VI Premio de erotismo Narrativas Quentes, coas seguintes

BASES

1. Poderá concorrer a este premio calquera obra narrativa inédita, sexa novela ou relatos, cunha extensión mínima de 60 folios mecanografados a dobre espazo e máxima de 250, que estea escrita en lingua galega, e que a temática sexa o erotismo.
2. Este premio ten caracter bianual.
3. Os traballos presentaranse por triplicado. Deberanse incluír nun sobre á parte o nome, enderezo, teléfono e email, e unha fotocopia do DNI. As obras irán con pseudónimo ou lema.
4. Prazo de presentación: 30 de marzo de 2012.
5. Haberá un único premio que consistirá na publicación do texto premiado. Dito premio pode quedar deserto.
6. O fallo do xurado farase público o 10 de abril de 2012.
7. A obra será publicada no mes de maio de 2012.
8. Os orixinais non premiados non serán devoltos.
9. As obras a concurso e a documentación relativa enviaranse ao seguinte enderezo:

POSiTiVAS
V PREMIO NARRATIVAS QUENTES
Carretas, 18, baixo
15705 SANTIAGO DE COMPOSTELA”

A Coruña: presentación de Versos fatídicos (1994-2010), de Alfredo Ferreiro

O venres Alfredo Ferreiro16 de decembro, ás 21:00 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, nº 3, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o poemario Versos fatídicos (1994-2010), de Alfredo Ferreiro, publicado en Edicións Positivas. No contexto deste acto terá lugar unha intervención do Grupo Surrealista Galego.