“Como escrever ao galope” por Susana S. Arins

Artigo de Susana Sánchez Arins na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) María Xosé Queizán decide contar-nos aquilo que considera importante e necessário na sua vida em mais de 800 páginas. Afirmar que não escreve é inútil. Escreveu, e muito.
Mas, deveria? Parece que não, porque escreve coisas que só a ela mesma interessam. Fala de pessoas que já estão mortas, e não devera. Conta intimidades que não deveriam ser contadas, que tanto tem que acedesse a pílula anti-conceptiva ou que fosse objeto de um poema de escárnio ou que deixasse as crianças com a avó para estudar em Santiago? Afirma Joanna Russ que o que antes era considerado imoral, indecente, foi substituído pola ideia de confessional. Sylvia Plath não é poeta de verdade, porque aquilo que escreve são intimidades que a ninguém interessam.
Mas a nosoutras interessa-nos: interessa-nos porque outra estratégia do sistema para que não escrevamos é a de deixar-nos sem referentes, sem modelos a seguir. Que María Xosé Queizán narre a sua trajetória, com as dificuldades e obstáculos e sucessos e acertos e erros serve-nos de guia e estímulo às que hoje andamos na escrita.
A sua origem é importante. É contextualizadora. Não. Não vas ser a mesma nascendo em Vigo, numa família bem vinda a menos, que nascendo em Santiago filha de solteira. E a autora leva-nos da mão por esse Vigo industrial e trabalhador da posguerra no que aprendeu a mover-se em liberdade e traz a nós o tato do ferro para o fazer nosso. Não vás ser a mesma acedendo a uma biblioteca republicana que educando-te entre as estantes de uma sacristia. E sabemos das suas primeiras leituras e da sua educação literária. Não marca isso o seu futuro de escritora? Não vas ser a mesma entrando na adolescência como num cárcere que passando a adolescência num cárcere. (…)”

“Testemuño e memoria poética de Vietnam”

Entrevista de Daniel Salgado a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“A contradición é tamén un dos motores da poesía. Percibiuno Cesáreo Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951) no Vietnam, o territorio do seu último libro de poemas: “Eu tiña vontade de falar daquel país e da súa historia. Mais, ao tempo, pensaba que era cruel falar da guerra nun lugar tan fermoso”. Decidiu asumir o paradoxo. As bolboretas do Mekong é o resultado, un extenso volume de memoria e crónica, de celebración e dó.
“Vietnam é un símbolo para a miña xeración”, explica a Sermos Galiza, “e a min deume a conciencia antimperialista, anticolonialista”. Con esa lembranza o poeta percorreu Indochina hai oito anos. E comezou a escribir As bolboretas do Mekong, que publica Xerais e presentará o vindeiro 17 de xaneiro na libraría Moito Conto da Coruña ás 19.30 horas. Acompañarano o músico e escritor Xurxo Souto e a directora do semanario Sermos Galiza María Obelleiro.
De alento whitmaniano, verso longo -case versículo-, inzados de topónimos, atravesado de persoas e espazos sagrados, os poemas de Sánchez Iglesias relatan unha viaxe no presente e unha viaxe ao pasado. “Para esta obra formeime moito na historia de Vietnam e da guerra de liberación”, asegura, “prescindín da información filtrada por Occidente, agás a de certos xornalistas”. Refírese a mitos do xornalismo daquela comprometidos: Susan Sontag, Oriana Fallaci, Michael Herr.
O autor é consciente das diferentes zonas polas que se move. “Os poemas non se escriben exactamente por unha vontade racional. Pero eu creo que é tarefa da miña xeración transmitir a memoria dese símbolo que foi Vietnam”. Unhas horas despois, vía mensaxe telefónica, Sánchez Iglesias engade: “Coido que hai dous libros avanzando ao mesmo tempo, un libro en que a terra humanizada é unha capa, e dar idea do xenocidio imperialista, outra”.
“A ofensiva do Tet, canto doe nas maos. Quen derrotou a quen? / O delirio coas súas escamas de réptil. No amencer de / xaneiro ningún sol para o festival do Tet. Erguémonos”, escribe no quinto capítulo, no tramo dedicado a Cu Ci, “Foi cando os homes morcego saciaron a súa sede / e así falei cando fun quen recorda: salferiron a selva / cun mar de lume”. Ese verso estendido, expón, é tamén unha homenaxe á tradición vietnamita e chinesa, “en que o verso longo se emprega para falar da terra”.
Mais As bolboretas do Mekong, subtitulado Caderno de Indochina, non é apenas unha indagación nun acontecemento histórico, chave para a politización das persoas dunha idade. Recentemente, outro poeta, Vítor Vaqueiro, abordaba semellante materia en 1968 (Laiovento, 2018). Célebre foi antes o poema de Uxío Novoneyra Vietnam Canto -cuxo verso “IRMANDIÑOS DE GALICIA VIETCONG” serve a Sánchez Iglesias de epígrafe- ou algúns de Méndez Ferrín.
Pero neste caso entran en xogo outros elementos. “Ao chegar a territorios de dor, conectaba coa miña propia memoria, a de 1936”, indica. Aparecen o campo de concentración de San Simón ou a árbore da Caeira. É un periplo a Asia e unha expedición “ás profundidades”. “Eu era incapaz de camiñar por Hanoi sen pensar en que significa ser bombardeado”, di. Bombardeado non de calquera maneira: Estados Unidos botou no Vietnam catro veces máis bombas que en toda a Segunda Guerra Mundial.
Sucedía nunha xeografía exhuberante, por intres fisicamente hostil -era o tempo do monzón-, dunha beleza delicada e terríbel. “Viaxar é tamén aprender a soidade”, considera o poeta, “estás fóra do teu líquido amniótico, diante do descoñecido”. A baía de Ha Long, navegar o Mekong, coñecer Saigón de primeira man. “Fun entrando en capas profundas. Aínda que fales dunha paisaxe, falas do fondo humano”, sinala, “e descubrín unha cultura, da que quixen dar testemuño”.
As bolboretas do Mekong é, así, produto de oito anos de indagación e escrita. Un tributo a Ho Chi Minh e “a súa extraordinaria sensibilidade humana”, e un pranto por Camboxa “e os campos de silencio”. “Na praia atlántica, a maré a subir rumorosa de silencio / coa exactitude do reloxo lunar, acalma / a miña sede de infinito”, conclúen 211 páxinas.”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2018

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2018.
Queremos agradecervos a todas e a todos as doce edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!

– Mellor libro de narrativa para Besta do seu sangue, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de poesía para Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vivir a galope, de María Xosé Queizán.
– Mellor libro de teatro para Eroski Paraíso, de Chévere.
– Mellor álbum de banda deseñada para O puño e a letra, de Yolanda Castaño.
– Mellor libro traducido para público adulto para A cámara do sangue e outros relatos, de Angela Carter, traducido por María Reimóndez.
– Mellor libro de literatura xuvenil para A balada dos unicornios, de Ledicia Costas.
– Mellor libro de literatura infantil para Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Pippi Mediaslongas embarca, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez.
– Autor do ano para Emma Pedreira.
– Ilustrador do ano para Víctor Rivas.
– Mellor capa de libro para adultos para Besta do seu sangue, de Emma Pedreira.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, feita por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para Culturgal 2018.
– O peor acontecido para o falecemento de Xabier P. DoCampo.
– Mellor Libraría para Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Sermos Galiza.
– Mellor blog/web literaria para A Sega.”