Desde
Nós Diario:
“Unha das repercusións máis evidentes para o sector editorial atópase, como no resto de actividades económicas, no mantemento do traballo a distancia. A xestión organizativa das novas dinámicas laborais é o que absorbe neste momento a Xerais, segundo nos conta o seu director, Fran Alonso.
“No noso caso é moi difícil, porque empregamos ferramentas técnicas moi complexas”, explica, mais moitas das empregadas non dispoñen das conexións á rede adaptadas ás necesidades dos programas e contidos que manexan. “As dificultades técnicas obrígannos a cambiar plans”, confesa Alonso, “a adiantar unhas datas e adiar outras”. A adaptación ás circunstancias está a ser o que define estas xeiras.
“Malia que se nos permite traballar, non podemos facturar”, explica con claridade e contundencia Francisco Castro, director de Galaxia. As dúas principais fontes de ingresos da industria, librarías e centros de ensino, permanecen pechadas. Así as cousas, “só temos gastos”, recalca.
Xosé Ballesteros, director de Kalandraka e presidente da Asociación Galega de Editoras, contempla tamén con desacougo a situación das 40 socias desta última entidade, das que moitas son microempresas que enfrontarán a crise con maiores dificultades.
Porén, para alén das propias editoras, Ballesteros insiste na situación de persoas que as arrodean traballando como autónomas en diversos labores, desde corrección até maquetación, para as que se xeran dúbidas entre a parálise da actividade, acolléndose ás axudas do Estado, ou continuar con ela para evitar repercutir negativamente noutras empresas que si seguen en marcha. Son problemas que terán que abordar nos próximos días, nesta situación insólita e inesperada.
Desde Galaxia, observan os acontecementos con “moita preocupación”, afirma Castro. “Mentres vemos que se promoven medidas urxentes para paliar o efecto económico, ningunha delas vai dedicada ao sector cultural”, denuncia, cando o Produto Interior Bruto xerado por este eido ronda o 2,4%, tal e como reivindicaba hai uns días a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.
Paradoxalmente, están tendo especial repercusión “agora que estamos confinados”, opina Castro, os esforzos de cantantes ou cineastas por partillar as súas obras. “A cultura é moi importante, menos cando se trata de considerala desde unha perspectiva industrial”, reivindica o escritor, aludindo ao total esquecemento administrativo dun sector para o que se calculan perdas abisais.
“Isto é unha industria”, insiste tamén Ballesteros, confirmando que vai atravesar unha “situación crítica nas próximas semanas ou meses”. Con todo, o director de Kalandraka chama a “non caer en que as axudas van ser a panacea”, pois o horizonte é conter a “hemorraxia económica”, voltar canto antes á normalidade.
Xerais revela que, desde a comunicación, apostarán en desenvolver unha estratexia de redes que, polo momento, aínda están “comezando a deseñar”. Laiovento, que ofrece todo o seu catálogo en liña, tamén apunta que poden reforzar as redes sociais, pero o seu responsábel, Afonso Ribas, insiste en que “non é ese o lugar idóneo para vender libros”.
Igualmente, desde Galaxia puxarán por “incentivar a venda online”, procurando manter un mínimo de actividade. Porén, esta porcentaxe, segundo revelan as estatísticas estatais da venda dixital ás que Castro nos remite, “non chega ao 4% da facturación total do sector, incluíndo os grandes grupos”. A marxe aquí é, se cabe, máis cativa. “As vendas a nivel dixital no libro galego son anecdóticas”, coincide co resto de persoas consultadas Ballesteros.
Se cadra Kalandraka foi a máis rápida en ofrecer unha reposta online. Desde a pasada segunda feira comezaron a alimentar de contidos a canle Kalandraka TV, con “contos contados” para amenizar a reclusión das máis pequenas. É unha aposta en “acompañar as persoas” durante o confinamento, explica Ballesteros, encargado de narrar a primeira destas achegas, mais trátase de “contido en aberto” que non vai xerar remuneración de ningún tipo. Doutra banda, a campaña que a Asociación Galega de Editoras tiña preparada de animación á lectura, “Mergúllate, le en galego”, terá que saír en dixital.
“Un dos nosos principais problemas é o libro educativo”, explica Alonso. Este tipo de publicacións teñen que estar listas nuns prazos determinados, que nestes momentos se atopan nese limbo difuso e imprevisíbel que depende do desenvolvemento da situación e da recuperación da actividade docente. “Se se ralentiza o noso ritmo de traballo, se non damos cumprido cos nosos plans, é posíbel que non cheguemos a tempo”, advirte.
Por iso a prioridade nestes tempos de urxencia é manter a maquinaria funcionando, coa vista posta en analizar durante os próximos días a estratexia de venda ou as vías de recuperación. Ballesteros considera que, a nivel xeral, vai afectar máis a outros eidos da industria. En todo caso, obriga a reformular os plans editoriais. “Traballamos cun ano de anticipación”, explica, unha previsión coa que é difícil xogar na situación actual de incerteza.
Os esforzos, en xeral, céntranse en manter a actividade “o máis próxima á normalidade posíbel”, confirma Alonso. Castro tamén chama a atención sobre a necesidade de “avanzar na produción” para estar listos cando a emerxencia sanitaria remate. Trátase de que “os custos e o golpe sexan o máis levadeiros posíbeis”, entende Ballesteros.
Na saída deste “proceso de hibernación”, preocúpalle especialmente ao último a situación das librarías, que ficarán moi danadas. Por iso, chama á unidade e solidariedade. A Gala do Libro Galego, que quedará posposta até finais de ano, vai apuntar a “unir forzas” dentro do sector para facer fronte á crise que se aveciña.”
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Conversa con Xurxo Souto. Presentación do libro A gran travesía de Chiruca Macallás
Bases do XXVII Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey
Os Premios Xerais 2020 terán novos prazos
Desde
Xerais:
“Debido á situación extraordinaria na que estamos, Xerais apraza as datas de recepción de orixinais e fallo dos Premios Xerais 2020. Unha vez recuperada a normalidade, reactivaremos novos prazos.”
Antonio García Teijeiro le fragmentos de diversas obras
Desde a AELG recollemos
as lecturas que fai Antonio García Teijeiro de fragmentos de varias obras súas:
– Poemar o mar, aquí.
– Vento, ventiño, venteiro, aquí.
– Bicos e non balas, aquí.
– Bicos e non balas, aquí.
– Lendo lendas, digo versos, aquí.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.
Celanova: presentación de As bolboretas do Mekong, de Cesáreo Sánchez Iglesias (adiada)
XXI Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, 2020
Finalistas da Gala do Libro Galego 2020
A
Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan a quinta edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar o sábado 9 de maio de 2020 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2019 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, polo tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo.
A Gala do Libro Galego conta co apoio de CEDRO, da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación Provincial da Coruña.
FINALISTAS
PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2019
Ensaio e investigación
– Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago)
– Dentro da literatura, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia)
– Educar a través da arte. Cara a unha escola imaxinada, de Vicente Blanco, Salvador Cidrás e Rocío Modia (Kalandraka Editora)
Divulgación
– A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia)
– Ferreñas e Rock and Roll, de Laura Romero e Iria Pedreira (Baía Edicións)
– Guadi Galego, pola beira da canción, de Pepe Cunha (Edicións Embora)
Narrativa
– Carrusel, de Berta Dávila (Editorial Galaxia)
– Infamia, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia)
– Os días felices de Benvido Seixas, de Eduard Velasco (Edicións Xerais de Galicia)
– Seique (2ª ed. ampliada), de Susana Sanches Arins (Através Editora)
Infantil
– A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo)
– Bicos e non balas, de Antonio García Teijeiro (Editorial Galaxia)
– Conexión Macarrón, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia)
– Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos (Kalandraka Editora)
Xuvenil
– Be Water, de Antía Yáñez (Cuarto de Inverno)
– Irmá paxaro, de Tamara Andrés (Cuarto de Inverno)
– Matilde e o comisario. O asasinato da profesora de xeografía, de PereTobaruela (Edicións Embora)
– Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia)
Libro ilustrado
– Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno)
– Os camiños do vento, de Xavier Estévez, ilustracións de Xosé Cobas (Edicións Xerais de Galicia)
– Teño dereitos, de Miguel Robledo (Aira Editorial)
Libro de banda deseñada
– A chaira, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial)
– Aprende banda deseñada con Fiz, de Kiko da Silva (Edicións Xerais de Galicia)
– O bichero IX. Run is life, de Luis Davila (Editorial Luis Davila)
Iniciativa bibliográfica
– Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago)
– Colección Pan de abella, VV. AA. (Apiario)
– Serie Animais Extraordinarios, de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández (Faktoría K de libros)
Tradución
– Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley/Tradución de Samuel Solleiro (Aira Editora)
– O conto da criada, de Margaret Atwood/Tradución de Celia Recarey e Carlos Valdés (Irmás Cartoné)
– O tatuador de Auschwitz, de Heather Morris/Tradución de María Alonso Seisdedos (Edicións Xerais de Galicia)
– Pippi Mediaslongas nos mares do sur, de Astrid Lindgren/Tradución de David A. Álvarez (Kalandraka Editora)
Poesía
– Feliz Idade, de Olga Novo (Kalandraka Editora)
– Irmá paxaro, de Tamara Andrés (Cuarto de Inverno)
– Un libre favor, de Chus Pato (Editorial Galaxia)
Teatro
– Atranco no banco, de Manuel Núñez Singala (Editorial Galaxia)
– Citizen, do Grupo Chévere (Kalandraka Editora)
– Somos os monstros, de Paula Carballeira (Edicións Xerais de Galicia)
Libro mellor editado
– Atlas da Galicia pequeniña, de César Cequeliños e Jorge Campos (Aira Editorial)
– Fosforescencias, de Lupe Gómez/Ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos Editora)
– Irmá paxaro, de Tamara Andrés (Cuarto de Inverno)
PREMIOS A TRAXECTORIAS
Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– 21 Días co Galego
– Club de Lectura AA.VV. das Atochas-Monte Alto
– Libraría Chan da Pólvora
– Poemagosto de Allariz
Proxecto literario na rede
– Biosbardia. O país dos libros en galego – César Lorenzo Gil
– Kalandraka TV
– Lecturafilia – Tensi Gesteira
Xornalismo cultural
– Anxo Quintela
– César Lorenzo Gil
– Daniel Salgado
– María Yáñez





















