Xosé Cid Cabido álzase co XX Premio de Narración Curta Ánxel Fole

Desde o Concello de Lugo:
“(…) O xurado profesional do XX Certame de Narración Curta Ánxel Fole, posto en marcha polo Concello de Lugo, decidiu este venres outorgar o premio a Xosé Cid Cabido, residente en Vigo, pola obra Tres pintores.
Os membros do xurado reuníronse esta tarde no Salón de Comisións baixo a presidencia, con voz e sen voto, da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Estivo composto pola filóloga, escritora e guionista Carmen Conde, o mestre, dramaturgo, poeta, narrador oral e contador de historias Lois Pérez, e o ensaísta, crítico e editor, director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado.
A entidade local convoca cada ano este premio para novelas breves ou libros de relatos, que está dotado cun único premio de 4.000 euros, ademais da publicación da obra premiada a cargo da editorial Edicións Xerais de Galicia.”

Jorge Emilio Bóveda: “Eu escribo por puro amor á arte e por tratar de preservar a lingua galega”

Entrevista a Jorge Emilio Bóveda en La Región:
“(…) – La Región (LR): Cal é a temática da novela?
– Jorge Emilio Bóveda (JEB): As sete mortes de Leopoldo Pardo responde a un proxecto que xa vén de atrás, de combinar a cultura e os xéneros populares coa literatura máis profunda. É o terceiro volume da saga que comezou con Asasinato no centro comercial vencellado ao libro de peto; e seguiu con A morte vén en chancletas, baseado na novela policial do século XIX, basicamente nas de Agatha Christie. Nesta ocasión, o texto ten moito da novela negra americana de finais do século XX, en combinación con elementos da cultura galega.
– LR: Cales?
– JEB: Sieiro, o antagonista de Leopoldo Pardo, é unha persoa obsesionada coa cultura galega, polo que saen referencias a Curros Enríquez, Vicente Risco ou Blanco Amor. Nalgún momento, Manolo Bragado chegou a comentar que era unha edición moderna do Divino Sainete de Curros Enríquez.
– LR: Despois de dous libros, é máis doado agora escribir sobre Leopoldo?
– JEB: Penso que estou máis preto, porque habita na miña cabeza. A cuestión é facelo andar. O máis complicado é dotalo dun contido orixinal, e penso que o conseguín bastante ben.
– LR: Cal é a súa vinculación con Celanova?
– JEB: Son o xefe de estudos do colexio Curros Enríquez da localidade e, por amor á cultura, coñezo a existencia deses marabillosos poetas que son Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luis Méndez Ferrín, aínda que este último presume de ser de Vilanova dos Infantes.
– LR: Cantos libros leva publicados?
– JEB: De xeito profesional e dende o ano 2010, nove. Con anterioridade autoeditei varios libros, é algo do que non me arrepinto. De todos os xéneros polos que pasei, incluído o ensaio, quédome co de agora, mesturar cuestións populares co ideal literario.
– LR: En que está traballando agora?
– JEB: O ano que vén está previsto que saia publicada unha novela cómica, que mestura a sociedade pre-castrexa, a política galega e a mitoloxía local, que penso que é moi didáctico porque non se sabe moito dela.
– LR: Como está o sector da literatura en galego?
– JEB: En Galicia para nada é rendible a literatura. Hai dous ou tres “bestseller” e nada máis. Eu escribo por puro amor á arte e por tratar de preservar a lingua galega. A xente escasamente le en castelán, moito menos en galego.”

Suso de Toro fala para Biblos do seu regreso á novela con Fóra de si

Entrevista a Suso de Toro en Biblos:
“− Biblos (B): Coa volta ás aulas non semella que se resentise en nada a súa produción literaria ao abandonar a profesionalización como escritor que procurara na etapa anterior.
− Suso de Toro (SdT): Foron oito anos sen publicar e nos que unicamente escribín uns corenta folios de literatura (un texto inédito, “Negocios de familia” dentro dun volume de tres textos, Somnámbulos), de modo que eu creo que o músculo e o pulso literario forzosamente se tivo que resentir. De feito custoume sentar de novo a escribir un libro enteiro, un romance.
− B: Como valora o cambio xa con perspectiva?
− SdT: Non sei se hai cambio, as consecuencias dese parón. Este libro paréceme que leva dentro todos os temas doutros libros meus, as relacións familiares, a investigación do pasado… Outra cousa é se hai unha perspectiva vital distinta sobre eses temas. Supoño que sería lóxico, os escritores van modificando o seu punto de vista segundo a época da vida na que están, eu tamén me fixen máis vello…
− B: Como di o psiquiatra Adolfo na novela “primeiro vives a vida e logo dáslle voltas á cabeza por ver de entendela”. Ao remate da existencia, só quedan preguntas?
− SdT: Coido que non, coido que o que non hai é todas as respostas ás nosas preguntas. Mais, iso que máis ten. Non ten importancia, o que importa é poder coñecer o conxunto da nosa vida, o relato, aínda que sempre haberá cousas que descoñezamos. E, se callar é así porque así debe ser.
− B: Fóra de si está o que se descontrola, máis tamén é todo canto nos rodea alén nós. O protagonista está desorientado pero o mundo tampouco é como el o coñecía.
− B: Se chegas a unha idade, se sobrevives, o mundo nunca é como ti o coñeciches…
− SdT: Pásanos a todos, todas, acabamos por sentírmonos fóra de época, que o noso tempo xa pasou, aínda que non queiramos. Outra cousa é se falamos do momento actual, no que efectivamente estamos a vivir unha época de crise profunda do que nos rodea e sobre todo do que está por encima nosa, esmagándonos.
─ B: Hai algo de caricaturesco e inverosímil na novela. Por que?
─ SdT: Coñezo bastante a este autor, levo lendo nel desde que publicou o seu primeiro conto no ano 1983 e sempre percibín que, aínda que utilice técnicas do realismo, sempre hai algo de mítico, de grotesco e de cómico no que escribe. Non é un escritor realista aínda que o pareza, máis ben é un escritor de historias de fantasmas.”

Compostela: Semana da novela negra, do 6 ao 15 de abril