O
venres 15 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12), en Vigo, preséntase Os fillos da fame, de Ismael Ramos, publicado por Xerais. No acto intervirán, xunto ao autor, Malores Villanueva e Fran Alonso.
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
“A estrea da Esmeraldina de Ledicia Costas”, por Manuel Bragado
Desde
Brétemas, o blogue de Manuel Bragado:
“O salón da Casa do Libro de Vigo encheuse de lectores e lectoras de todas as idades para participar na presentación de Esmeraldina, a pequena defunta, a precuela de Escarlatina, a cociñeira defunta, novela coa que Ledicia Costas obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015. Víctor Rivas, o ilustrador de ambas as dúas novelas e creador gráfico do universo do Alén Mundo, confesou que lle encantaba ilustrar por encargo, asumindo cada encomenda como un reto creativo. «No proxecto de Escarlatina / Esmeraldina utilicei a estética victoriana, que sempre me gustou moito, así como unha recreación clásica do macabro».
Ledicia Costas comezou lendo os primeiros parágrafos da novela. «A precuela naceu da demanda das lectoras novas que me pedían unha segunda parte de Escarlatina. Quixen que fose protagonizada por Esmeraldina, o que supuxo o reto de darlle personalidade a esta rapaza, independente e sensible.» «Cando souben que unha filla de Buffalo Bill morrera da febre escarlatina elexín o espazo e o tempo do Salvaxe Oeste. Permitiume incorporar figuras como a de Bill, que estaba en contra da escravitude, e outras literarias como a lenda de Sleepy Hollow, o xinete decapitado, o relato de terror de Washintong Irving». Sinalou Ledicia que na novela, ademais dunha aventura de auténtico terror, quixo abordar os temas da asunción da morte e da soidade, «Esmeraldina ten que aprender a vivir sen a súa familia e ser capaz de poñerse no lugar das outras persoas». Por último, salientou a importancia da cociña na serie e confesou que a receita que pecha O libro d’ A Tremenda, a de Pasteis de Belém, era unha homenaxe a Portugal.”
A Coruña: presentación de De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal, de Mercedes Queixas
Caride en Pontevedra, por Manuel Bragado
Desde
Brétemas, o blogue de Manuel Bragado:
“Presentamos na Feira do Libro de Pontevedra Liquidación de existencias de Ramón Caride. O presentador do libro, o escritor Xesús Constela, comezou referíndose ao centro comercial e o polígono outlet como metáforas da sociedade actual, onde todo está rebaixado, onde todo está descatalogado ou de saldo. “Ao polígono outlet van parar todas as excrecencias da sociedade, os seres humanos convértense alí en mercadorías, xente que está de rebaixas como prostitutas, mulleres maltratadas, desempregadas, estafadas ou desafiuzadas”. “Ese é o espazo onde Caride localiza os seus relatos, todos eles cheos de realidade, en boa parte tirados das noticias dos xornais”. Seguiu Constela referíndose a “Dous de copas”, a micronovela fragmentada ao longo da obra, “onde Caride manexa a intriga, a retranca e a linguaxe dunha maneira perfecta, creando unha atmosfera envolvente para dous rapaces que pretenden dar un golpe que lles solucione a vida”.
Ramón Caride confesou que boa parte dos relatos naceran de noticias do xornal. “O arranque de “Dous de copas” foi un titular que lin na Voz de Galicia referido a dous mozos simpáticos e de boa familia que sufriran un accidente de tráfico”. “Todos os relatos do libros comparten unha atmosfera apocalíptica, onde todo está en venda, tanto mercadorías como persoas”. “Liquidación de existencias é unha tentativa de escribir despois da cicloxénese low cost da crise que nos afectou en todos os ámbitos das nosas vidas, nos culturais e nos outros. Mudaron os séculos, pero seguimos cos mesmos distribuidores. Sei que todo non cabe nos contos, pero as novelas acaban como acaban. Liquidación de existencias supón un berro neste deserto emocional”.
Marcos Calveiro: “Veño falar do lixo”
Entrevista
a Marcos Calveiro en Radiofusión:
“Puntual chegou o escritor Marcos Calveiro ao colexio Centieiras de Fene a mañá do luns 4 de abril. Ás nove xa estaba proxectando na pantalla da biblioteca do centro, a portada do seu libro Unha casiña branca. Propoñíase falar aos alumnos e alumnas do “lixo” porque diso trata a obra, duns nenos que viven nun vertedoiro. A de Marcos Calveiro é a terceira visita dun escritor ao colexio Centieiras, onde pretenden que exista unha interlocución entre autores e lectores. (…)
O escritor Marcos Calveiro visitaba o centro fenés coa pretensión de demostrar aos pequenos e pequenas de 8 a 10 anos que os autores das obras que len ” estamos vivos”. El expón o que quixo contar na historia e logo escoita o que os rapaces entenderon ou sentiron con ela, nunha aprendizaxe de ida e volta. (…)
A entrevista pode escoitarse aquí.”
Álex Alonso: “Este libro é froito da indignación”
Vigo: presentación de Esmeraldina, a pequena defunta, de Ledicia Costas
O
venres 8 de abril, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase Esmeraldina, a pequena defunta, de Ledicia Costas e ilustrado por Víctor Rivas, publicado por Xerais. No acto, xunto á autora e ao ilustrador, participa Manuel Bragado.
Santiago de Compostela: presentación de A cacería, de Amadeo Cobas
O
xoves 7 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase o libro A cacería, de Amadeo Cobas, publicado en Xerais, novela gañadora da VI Edición do Concurso Internacional de Novela Cidade Centenaria de Ribeira. No acto participa, xunto ao autor, Ánxela Gracián.
Pontevedra: actos destacados do xoves 7 na Feira do Libro
O
xoves 7 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados:
– 18:00 h. Presentación dos libros infantís O Mago de Oz e Drácula, traducidos por Tamara Aymerich, publicados por Baía Edicións.
– 19:00 h. Presentación do libro A horta sen químicos, de Xan Pouliquen, publicado por Baía Edicións.
– 19:00 h. Tamara Andrés asinará exemplares da súa obra na caseta da Libraría Paz.
– 20:00 h. Presentación de Liquidación de existencias, de Ramón Caride, publicado en Xerais. Acompañarán ao autor Xesús Constela e Manuel Bragado.
Vigo: presentación de A cacería, de Amadeo Cobas
O
mércores 6 de abril, ás 20:00 horas, no Café de Catro a Catro (Rúa Girona, 3), en Vigo, preséntase o libro A cacería, de Amadeo Cobas, publicado en Xerais, novela gañadora da VI Edición do Concurso Internacional de Novela Cidade Centenaria de Ribeira. No acto participan, xunto ao autor, Franco Cobas e Helena Pérez.

