Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
A Coruña: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O
xoves 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Nova Colón (Rúa San Andrés, 112) da Coruña, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. O acto, no que estará presenta o propio autor, está enmarcado na ruta Da Gaiteira a Monte-Alto. A viaxe ao Gran Sol sen saír da Coruña, nunha cita reencontrármonos co talento submarino de Urbano Lugrís e Antón Avilés de Taramancos. Parella prodixiosa cuxa presenza iluminou nos anos cincuenta estas rúas do centro da cidade (o poeta Antón Avilés residía nunha pensión na praza de Santa Catarina, Urbano Lugrís na propia rúa de San Andrés). Este acto quere ser tamén un adianto dos fastos do V Día Lugrís que se desenvolverá o vindeiro sábado, promovido por In Nave Civitas, Asociación O Mural e AELG, e que deixará como pegada gráfica, na veciña praza de Sellier, unha gran reprodución de dúas obras do propio pintor Urbano. Como sempre, alén da palabra, haberá toque de cornas e acordeón.
Xabier Quiroga: “Zapatillas Rotas é un retrato do noso tempo, do esencial”
Entrevista
de Cris Mosteiro Reboredo a Xabier Quiroga en Galicia Confidencial Tendencias:
“(…) – Galicia Confidencial Tendencias (GCT): Un inicio dunha produción literaria que fai que se che considere un dos autores consolidados en lingua galega.
– Xabier Quiroga (XQ): Si, teño a sorte de que as novelas que lle levo á editorial, neste caso Xerais, mas publica e se o fai é porque considera que, ao mellor, teñen o nivel necesario. Pero si, estou moi agradecido ós lectores, que teño unha especie de público, parece, que me le, outra cousa é que me compren ou non.
– GCT: Mostra deses lectores fieis son os bos resultados que está tendo o seu último libro Zapatillas rotas tanto para eles coma na crítica. Unha novela que tivo que agardar dous anos para ser publicada.
– XQ: Había case máis de dous anos que lla entregara á editorial e díxome (de publicala) pero que a tiña que poñer na súa programación, loxicamente; eu non son un primeira espada. Son un escritor un pouquiño clandestino, ando ó meu, non ando metido nos círculos literarios e iso provoca que teñan máis présa outros escritores que poden vender máis. Obviamente, unha editora é unha empresa, e tal e como están os tempos agora, que están sufrindo moito, é normal que se decantaran por outros textos. (…)
– GCT: Xabier denuncia a falta de compromiso das institucións políticas na promoción da lingua galega e na literatura escrita nela.
– XQ: Os poderes políticos, por Constitución e polo Estatuto de Autonomía, debían defender e evitar que se perda a lingua. É certo que tamén vai en funcion do que temos, dos politicos, é dicir se un politico di “é o que pide a sociedade”, entón se a sociedade pide que se supriman eses elementos que son importantes da cultura…
– GCT: Ademais, o escritor fala dese pouco interese e das mínimas axudas que existen para traducir as obras en lingua galega a outros idiomas.
– XQ: Un dos problemas que temos é, por que non se traducen máis os escritores galegos? Porque hai unha fornada de bos escritores, de boas novelas. Eu teño enviado algunha das miñas novelas a algunha editorial cunha proposta para traducila ao castelán e ninguén axuda, nin se interesa. Somos un recuncho da penincula, refuxiados en nós mesmos. Non hai axentes literarios que te coloquen. (…)”
Lugo: presentación de Galicia: un pobo con futuro?, en edición de Manuel Blanco Desar
O
mércores 17 de decembro, ás 20:00 horas, na Librería Biblos (Rúa Salvador de Madariaga, 1, Local 4) de Lugo, preséntase o libro Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico, do Instituto de Estudos das Identidades en edición de Manuel Blanco Desar, publicado en Xerais. No acto participan Xosé Ramón Gómez Besteiro, Xosé Manuel González Reboredo, Manuel Bragado e o editor do mesmo, Manuel Blanco Desar.
ZigZag Eirado: entrevista a Suso de Toro por mor da publicación de Somnánbulos
María Reimóndez presenta Dende o conflito, no Diario Cultural
Fran Alonso presenta Silencio no Culturgal
Pontevedra: Vermú entre libros con Pemón Bouzas, arredor de A voz do vento
Ramón Vilar: “Hoxe os nenos do rural galego visten coma os de Nova York”
Entrevista
de César Lorenzo Gil a Ramón Vilar Landeira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Os televisores estrábicos remata cun relato, ‘Diario de Caión’ que, ao meu ver, funciona coma un colofón, un texto moi diferente aos outros, no que se retrata un xornalista que acaba de ficar no paro, que se separa da muller e que decide capitalizar o subsidio e dedicarse “profesionalmente” á literatura. Primeiro, recoméndolle que tire dese fío en futuros proxectos. E segundo, dado que é un exercicio de ficción coas raíces moi cinxidas á súa propia vida, gustaríame saber como xestionou o pudor a expoñerse.
– Ramón Vilar Landeira (RVL): É certo que ese relato ten paralelismos coa miña propia vida pero é ficción, tan ficción coma o resto do volume. Claro está que o lector percibe máis de min nel ca noutros. Houbo quen me chamou todo alarmado para preguntarme se de verdade me separara. En realidade, tanto ese coma os outros relatos falan de fracaso, ao redor da crise e a soidade. Non tiven que esforzarme máis nel ca noutros. Si me pasou de haber lectores que o destacan moito sobre os outros; pero na mesma proporción están os que pensan que o mellor é ‘O orballo no retrovisor’, cun estilo e argumento que non teñen nada a ver con este outro do que falamos.
– B: Son relatos sobre o fracaso pero escritos co humor como lubricante. Non é que sexan historias humorísticas pero o humor mastígase no ambiente das narracións.
– RVL: Non está buscado a mantenta pero si considero o humor como unha válvula de escape para situacións que sen el poderían ser abafantes de máis. Para min, o humor é o que evita que crebemos, xa non só como recurso literario senón á hora de encarar a propia vida.
– B: Outro ambiente, o espacial, está moi definido. Non se escribe moito en Galicia sobre ese territorio máis vilego ca aldeán, o deses pequenos núcleos xa non tan rurais, con tendas e bares e incluso sucursais bancarias.
– RVL: Grandil, que é o espazo recorrente en todo o libro, quere ser unha amálgama de todos eses lugares en Galicia que non chegan a ser grandes vilas pero que tampouco son aldeas; núcleos de poboación a 20 ou 30 km de espazos urbanos dos que son satélites. Unha das miñas obsesións é reflectir o cambio social que se produciu nestes núcleos nos últimos 20, 30 anos. Di moitas veces miña nai: “Cando erades pequenos tiñades coloretes. Hoxe xa ninguén ten coloretes”. E é certo, será da alimentación ou non sei pero os nenos xa non teñen a cariña colorada. Neste tempo nada diferencia un neno do rural galego dun nacido en Nova York. Visten igual, coñecen as mesmas cousas… Cando eu era cativo xogabamos ao futbolín no bar da aldea; agora van xogalo a Ordes ou á Coruña. As aldeas convertéronse en suburbios, en arrabaldos, en urbanizacións das que desapareceu a vida económica e social. (…)”
Compostela: presentación de Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre
O
xoves 11 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Berta Dávila e Manuel Bragado.

