Entrevista a Ledicia Costas en Cíes Podcast sobre A lebre mecánica

Entrevista a Ledicia Costas en Cíes Podcast:
“(…) “Oxalá este novo libro chegue a moitas mans e de pé a debater sobre unha cuestión tan preocupante como é a ludopatía na adolescencia”. Entrevista en Cíes Podcast sobre: A lebre mecánica. Pode escoitarse aquí.”

Inma Otero: “O mito do matriarcado en moitas ocasións existía para camuflar o machismo na narrativa”

Entrevista de Laura Veiga a Inma Otero Varela en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cal é a necesidade a cubrir con A materialidade das fillas de Lupa?
– Inma Otero Varela (IOV): Constatei que unha das características fundamentais da narrativa a partir do ano 2000 eran as protagonistas femininas e intereseime polos seus trazos. Isto cruzouse cun novo marco teórico ou xiro filosófico cara ao realismo. A literatura sempre foi vista como representación e poucas veces como un obxecto da realidade.
É dicir, unha vez que está escrita é un obxecto dificilmente modificábel como unha mazá ou un ser humano, e así o son as protagonistas. Madame Bovary, unha vez escrita e rexistrada como elemento da realidade, tampouco pode ser modificada. Isto implicaba preguntarse que significa ser en feminino e volver á pregunta filosófica: que é ser muller?
Así, escribín primeiro O obxecto muller e o xiro ontolóxico (Euseino? Editores), porque non podía avanzar e pescudar en como estaban feitas as personaxes sen saber antes que era ser en feminino, mais os dous fóronse facendo en paralelo.
– ND: Cales son esas características que definen as personaxes?
– IOV: A principal é o feito de marcalas como un obxecto en conflito simplemente por ter esa marca de xénero. Moitas das protagonistas aparecen fragmentadas polo que implica a educación social e intentan reconstruírse. Outras, fan do “defecto” a virtude e constrúense como obxectos reivindicativos cunha personalidade moi marcada. Isto é especialmente importante para a literatura, porque é o conflito o que nos interesa.
Unha personaxe sen arestas sería un obxecto para a felicidade, mais non habería progresión narrativa. O feminismo desde logo é unha das propiedades que marca moitas destas personaxes. Algunhas delas decláranse abertamente feministas e aí está parte do seu conflito.
Outras, aínda que non o declaran ou dinse anti feministas tamén están marcadas por esa propiedade, posto que se reconstrúen no medio dese discurso social. A cousificación tamén é unha propiedade común: mulleres traballadoras desprezadas, mal pagadas e un corpo taxado, así como o aspecto físico. Aparecen moitos espellos porque saben que a imaxe que reflicten ten un prezo no mercado laboral, inclusive nas redes sociais cando falamos de it girls, un termo que xa di moito. (…)”

Lois Pérez viaxa á súa infancia para atopar respostas en A gruta da torre

Desde El Progreso:
“”Este libro nace nun momento complicado, no confinamento, movido polo medo a perder os nosos seres queridos, polo noso fillo. Nunha época na que vimos que a necesidade dunha resposta é unha cuestión esencial na condición humana e, se non a temos, a vida non ten sentido. Esa falta de resposta moveume a escribir para lerlle á noite ao meu fillo. E ten sentido que esa resposta a atopara na infancia, esa etapa na que todo está resolto”. Así explicou Lois Pérez o xerme de A gruta da torre, obra coa que se proclamou vencedor do V Premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil e xuvenil pola igualdade e que se presentou este venres en Vilalba.
Nese acto, o autor recordou eses veráns que gozou co seu irmán en Ribadeo, onde está ambientada a historia, falou sobre o concepto de igualdade -“o único movemento político que pode ser capaz de mellorar o mundo”, dixo- e reflexionou sobre ese paso “do concreto ao abstracto, do individual ao social” que se dá entre a infancia e a adolescencia.
“Quería plasmar todo iso e falarlle ao meu fillo do neno que fun e do neno que nunca deixamos de ser”, sentenciou ante o numeroso público que se congregou na tarde de este venres na casa da cultura da capital chairega.
Previamente, Marisa Barreiro, presidenta do Iescha -entidade que convoca o premio, dotado con 3.000 euros e a publicación da obra, en colaboración co Concello de Vilalba e Edicións Xerais-, asegurou que este libro “vai ter un gancho importante neste tramo de idade porque ten ingredientes como a intriga, o colegueo, os amoríos, o misterio… e unha serie de cousas que o fan entrañable”. Destacou tamén que os cinco gañadores que tivo ata agora o certame son “persoas con compromiso coa igualdade, a nosa cultura e a nosa lingua”.
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, fixo fincapé en que, con seis edicións, o Premio Agustín Fernández Paz “consolídase como un referente na nosa lingua e é un exemplo de colaboración entre entidades, que traballan unidas para preservar o importante legado de Agustín“.
A ese mesmo legado fixo referencia Manuel Bragado, membro do xurado, sinalando que o nacemento deste premio debeuse á idea de fomentar a creación literaria no ámbito infantil e xuvenil e “revitalizar a memoria de Fernández Paz e os seus libros”. (…)”