Lugo: fin de festa da I edición #EnredandoCoGalego, concerto de Verto e entrega de premios

O xoves 10 de xuño foi un día moi especial. As entidades organizadoras desta actividade, a Área e Cultura do Concello de Lugo e a AELG, acompañamos a rapazada do IES Leiras Pulpeiro e IES Muralla Romana que participou en EnRedando co galego, actividade de normalización da nosa lingua, creación literaria e afectos, cunha sorpresa moi especial que lle encantou ao alumnado: o concerto dos VertoTemazos. #Enredamos un pouco e parolamos coas rapazas e rapaces participantes canda Antonio Reigosa, e entregamos canda Fer e Verto, o tenente de alcalde Rubén Arroxo e Felipe Rivas, concelleiro de Educación, os agasallos e premios do certame. É xusto sinalar que encontramos novísimas escritoras cun futuro moi prometedor e intuímos que esta iniciativa pode ser o comezo de algo moi bo para a nosa lingua, a mocidade e tamén para Lugo, cunha actividade potente e de referencia. E debemos agradecerlle finalmente ás profesoras e profesores o seu traballo, esforzo e apoio para que todo saíse ben.

Aquí pode verse unha pequena crónica fotográfica, a cargo de Alba Díaz. Pode accederse nesta ligazón á crónica completa.

Crónica fotográfica do recital Versos na baixamar, o 17 de maio, en Barreiros

Estas son algunhas das fotografías do recital Versos na baixamar en Barreiros, que tivo lugar o 17 de maio, iniciativa da AELG e o Concello de Barreiros. A crónica fotográfica completa (a autora das fotos é Alba Díaz) pode verse aquí.