Antón Riveiro Coello gaña o Premio Álvaro Cunqueiro

Desde Galaxia:
“Reunido o xurado do I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela, nas dependencias da Biblioteca Pública de Mondoñedo, constituído por Armando Requeixo, en calidade de Coordinador, Patricia Arias Chachero, Malores Villanueva, Marcos Calveiro e Carlos Loureiro, como vogais, e Abel Vigo actuando como secretario.
Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría o premio do concurso ao orixinal presentado baixo o título Hotel Carioca. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Antón Riveiro Coello.
O xurado destaca en Hotel Carioca a construción literaria do texto que alterna, con mestría, tempos e espazos e incorpora un fino xogo metaliterario, para levarnos da man das vidas dunha saga familiar con personaxes dunha gran fondura psicolóxica e emotiva.
Novela plural, fai converxer as augas de diversas subtramas, nas que os sucesos acontecidos no gurgullante Brasil dialogan, nun vitral de espellos, coas circunstancias da Galicia máis próxima.
Dotada dunha escrita tremendamente áxil, Hotel Carioca atrapa desde as primeiras páxinas, acompañando ao lector na súa descuberta duns labirintos familiares cheos de silencios, fracasos e derrotas ata un final sorprendente e impactante ante o cal ningúen pode ficar indiferente.
O Concello de Mondoñedo en colaboración coa Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e a Editorial Galaxia, convoca este certame coa finalidade de honrar a memoria do escritor Álvaro Cunqueiro e, asemade, axudar á promoción da escrita literaria en lingua galega e á divulgación das súas autoras e autores. (…)”

A Asociación Galega de Editoras renova a súa xunta directiva

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de renovar a súa Xunta Directiva. O presidente, Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, renova o cargo ao cumprirse dous anos da súa elección. Na asemblea extraordinaria celebrada na biblioteca do Consello da Cultura Galega, o presidente da AGE fixo balance destes dous anos á fronte da Asociación, nos que destacou o saneamento das contas, a ampliación da base asociativa ata un número de 44 editoriais, a presenza activa e xestión do espazo da AGE nas máis importantes Feiras Internacionais do Libro e a continuidade da AGE na Xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE).
A renovación da directiva da AGE produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada en Compostela, e convocada expresamente con esa finalidade. A directiva da AGE encabezada por Henrique Alvarellos -única candidatura presentada-, foi renovada por unanimidade das persoas asistentes.
Canda Henrique Alvarellos, a dirección da AGE complétase con Ana Guerra, de Obradoiro, como vicepresidenta; Paz Castro, de Kalandraka, como secretaria; Miguel Toval, da editorial Embora, como tesoureiro; e como vogais, María Xesús Gómez, de Rodeira; Laura Rodríguez, de Hércules de Ediciones, Francisco Alonso, de Edicións Xerais de Galicia, e Francisco Castro, da Editorial Galaxia.
A directiva destaca pola variedade das editoras representadas, tanto na súa procedencia xeográfica –Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña e Vigo– como na temática das súas respectivas producións: literarias e xeneralistas, libro educativo, grandes proxectos e literatura infantil e xuvenil.
Entre os obxectivos do renovado equipo figura a consolidación e posta en valor do papel das editoras e do libro galego, con especial atención á proxección exterior e ás actividades que se programarán en 2023 para a celebración dos 40 anos da Asociación Galega de Editoras.
O libro galego ten por diante varios retos, entre eles, superar ese 17% de cota actual de mercado en Galicia; por outra banda, desenvolver novas e efectivas estratexias de internacionalización que permitan que os nosos contidos poidan darse a coñecer noutros mercados, e viceversa.
O grupo que preside Henrique Alvarellos aspira a continuar trazando sinerxías co resto de colectivos que integran a cadea do libro, a lectura e a cultura en xeral, ademais de normalizar a relación existente coas administracións públicas.
A Asociación Galega de Editoras foi creada en 1983. Está formada actualmente por 44 empresas que publican máis do 90% da produción editorial galega.
Na imaxe, a nova directiva trala asemblea extraordinaria: Henrique Alvarellos, Ana Guerra, Paz Castro, Francisco Castro e Fran Alonso.”

Xavier Queipo: “Este libro contén a ‘queipostura’, a miña postura ética e estética”

Reportaxe de Santiago Jaureguizar en El Progreso:
“”Cando eramos rapaces cortababamos a mondadura completa dos kiwis para lanzala ao chan. Mirabamos a forma na que quedara porque a letra que se podía ler era a inicial do nome da futura namorada”, conta Xavier Queipo.
O escritor compostelán, asentado en Vigo tras unha vida de biólogo da Unión Europea en Bruxelas, fai súa unha frase do editor Constantino Bértolo: “Os algoritmos son a ideoloxía do noso tempo”. Seguindo esa premisa, escribiu Algoritmos (Galaxia), que presentou en Lugo. “O libro é fragmentario, multuiforme, contén varios estilos e tamén microcontos, notas, poesías e reflexións”, indica.
Todo contén esa secuencia de datos que é un algoritmo sometidos a un caos controlado, como pode ser a influencia da gravidade na caída dunha mondadura para conducir cara ao amor. O texto de Queipo móvese de xeito aleatorio. “Falo das librerías de vello, onde podes atopar unha obra excepcional”, como lle aconteceu a el con Prehistoria dos estiarios do francés Hubert Nyssen, “un poeta que coñecía”.
Salta dese asunto de tesouros de segunda man a contar sobre outros tesouros, como os descubertos en persoa por Marco Polo. O explorador veneciano “nunha escribiu un libro, o relato das súas viaxes contoullo no cárcere a alguén que sabía escribir en francés, que era o idioma da época para estas cousas”. Os tesouros conviven coa descrición que Xavier Queipo fai do día “no que morreu Julio Cortázar”, o 12 de febreiro de 1984, “cando me sentín tan mal como se perdera un amigo meu”, ou coa estadía de Hemingway en Cuba.
O escritor, xubilado este ano, viaxou incesantemente durante a súa vida laboral. “Había tempadas nas que collía tantos voos que non sabía se vivía nun avión ou na miña casa”. A única vantaxe de estar continuamente desprazándose dun país a outro era que aproveitaba “os resquicios de tempo para escribir textos, unha boa parte deles recollidos neste libro”.
Ese condicionante determina que Algoritmos teña carácter fragmentario, conectado sen solidez. “Hai notas de lectura, artigos, entradas sobre cinemas, exposicións; iso vai acompañado de digresións culturais e políticas”.
Xavier Queipo define o ton do seu libro como “prepandémico pola ledicia coa que escribo, ao estar redactado entre 2011 e 2018, cando pensabamos que viviamos no mellor dos mundos posibles”. Polo que “non ten a angostura”, en referencia a medicina que se usa como licor, “senón a queipostura, que é a posición ética, estética e política do seu autor”.
Daquela, “estaba lendo a autores franceses, como Pascal Quignard e o seu Vida secreta, a Roland Barthes, a Jean Daniel e mesmo a Fernando Arrabal, co seu O enterro da sardiña; uns libros que, entende, influíron en que “a sintaxe de Algoritmos teña máis que ver co francés e mesmo co inglés” que co galego no que foi escrito orixinalmente.
A maiores do idioma, hai presenza galega no volume a través de “pizzicatos de Cunqueiro“. Aclara que, a maiores da técnica para tocar o violín, “a palabra pizzicato fai referencia en italiano ao acto de esparecer un condimento, como pode ser o pirixel, sobre unha comida”.”