
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Vigo: presentación de A distancia do século, de Ánxel Huete
Presentación de Mazarelos, de Manuel Portas, en Compostela
Ourense: presentación de Agora non é antes, de Antón Baamonde
Presentación de A distancia do século, de Ánxel Huete, en Vigo
A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do seu socio Manuel Caamaño Suárez
Manuel Caamaño Suárez, escritor, arquitecto técnico e grande activista cultural, faleceu o 5 de abril. Na súa traxectoria, marcada pola posta en valor da arquitectura popular e o seu compromiso político, destaca tamén a dinamización da cultura galega a través da súa participación significativa no Centro Galego de Barcelona, a Agrupación Cultural O Facho, Editorial Galaxia, SEPT, Sociedade Cultural Escola Aberta, ADEGA, Fundación Castelao, as revistas Teima e Tempos Novos e a Fundación Pedrón de Ouro, sendo tamén un dos fundadores do Partido Socialista Galego.
Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra lida polo autor na súa propia voz, das que salientamos estas dúas entrevistas realizadas en 2022. A súa obra escrita xirou arredor da reivindicación e actualización da arquitectura galega e a teimosía afectuosa e constante na construción dun país máis xusto e identificado consigo mesmo.
O seu exemplo vital, sempre na busca de novos horizontes para Galiza e a súa cultura partindo do seu inmenso legado, queda como referencia ineludíbel para o presente e o futuro.
Antón Baamonde: “O optimismo económico e social axudaría á identidade nacional galega”
Entrevista de Francisco Cortez-Lobão Sineiro a Antón Baamonde en Tempos Dixital:
“(…) – Tempos Dixital (TD): Concibes este libro como unha culminación?
– Antón Baamonde (AB): É unha peza máis dun puzzle que comecei con A derrota de Galicia, onde intentaba captar a transformación social nestas décadas e chamar a atención sobre o grao de urbanización e outra morea de aspectos que quedaban na sombra. A conciencia dunha Galicia contemporánea basicamente urbana e periurbana. Un país que se desagrarizou e cuxa poboación vive nas cidades e periferias urbanas. Foi o comezo dun diagnóstico para apreixar o cadro social e propoñer unha mudanza na autopercepción colectiva. Cando escribín Unha nova Olanda introducín elementos proactivos, pensando como en España existe un debate sobre o eixo mediterráneo que ignora o da continuidade poboacional de Ferrol ao Porto ou mesmo a Lisboa. E non existe porque Galicia e Portugal forman parte de dous Estados distintos e porque aquí non está tampouco na cerna do debate, aínda sendo fundamental para traballar unha economía de agrupación. Hai moitas empresas galegas ligadas a Portugal e viceversa. As interrelacións son enormes e é obvio que Galicia e o norte de Portugal deben ir en paralelo en termos económicos. Aquí entra a cuestión do AVE e de todas as conexións que deben existir entre as cidades para ligalas unhas con outras. O trazado entre a Coruña e Vigo foi desde que se construíu o máis exitoso de España, pero aínda está pendente o de Ferrol coa Coruña ou a continuidade Vigo-O Porto. Ou de Lugo e Ourense. De aí a idea dunha nova ‘Olanda’. Porque en que se parecen Galicia e Holanda? Na ausencia dun París ou dunha Barcelona, de cidades xerárquicas no sistema urbano, substituídas por unha rede de cidades que hai que tecer coa axuda do tren.
– TD: Dis que son aspectos na sombra.
– AB: Hai moito que se pode facer para mellorar a calidade de vida das urbes e do ámbito periurbano. Temas fundamentais que non se atopan no imaxinario porque este tende a desterrar o urbano e ignorar as transformacións das últimas décadas. Esa idea proactiva do anterior libro tamén estaba en Galicia distrito industrial, cun necesario rexistro dun tecido industrial que non adoita estar na conciencia cando resulta moito máis importante do que temos na cabeza. (…)”
Carmen V. Valiña: “Na novela mesturo a memoria da Illa de San Simón coa das familias”
Presentación de Agora non é antes, de Antón Baamonde, en Ourense
Tamara Andrés: “Sentía a necesidade de reparar a historia e a identidade de Matilde Lloria a través do libro”
Entrevista de María Amigo a Tamara Andrés en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como descubriu Matilde Lloria e que foi o que lle espertou tanto interese sobre a súa figura?
– Tamara Andrés (TA): O seu nome xa estaba na miña tese de doutoramento, pero apenas puña datos sobre ela. Marchei a vivir uns meses a Valencia, que é xusto a cidade onde ela morreu. Como estaba alí, entráronme ganas de investigala. Metín o seu nome no buscador e aparecían fotos de poetas que non eran ela. Tiña moita curiosidade, porque todas as pistas me levaban a sitios erróneos, eu quería saber quen era Lloria e por que a súa identidade non transcendera, nin na literatura galega, nin na valenciana. Confundíase moito a súa figura coa de Pura Vázquez ou coa de Ángela Figuera Aymerich. Sentía a necesidade de reparar a súa historia dalgún modo.
– ND: Todo o proceso de investigación descrito no libro, até que punto sucedeu na realidade?
– TA: É verídico na base, pero no libro está ficcionado en virtude da materia literaria. Eu marcho a Valencia e aí comezo o meu proceso de investigación e cando volvo á Galiza investigo os poemarios que fixo aquí. Tiña todo o tempo a sensación de que esta muller estaba fragmentada en dúas partes, de aí tamén o título do libro.
– ND: Como influíu a súa formación de tradutora á hora de crear este libro?
– TA: Un dos primeiros libros que lin que a mencionaban foi unha antoloxía de poesía valenciana de Joan Fuster, aí aparecía un título que era ‘Caixeta de música’, un poemario supostamente inédito. Cando cheguei á Galiza vin que un dos seus poemarios en galego chamábase ‘Caixiña de música’, e si que estaba publicado. Creo que isto foi unha auto-tradución, aínda que non hai ningunha indicación que remita a isto no texto en galego. (…)”




