Eu son o monte, por Marga do Val

Artigo de Marga do Val en Nós Diario:
“O monte arde e nós con el. Hai fogo no monte! Era un berro de arrebato case sempre en agosto coa obriga de lle acudir. Toda a veciñanza armada con caldeiros, coas mangueiras das casas achegábase o máis posíbel ao lume, que en todos os sentidos era inalcanzábel pola auga, que só se podía facer chegar cos baldes. O monte dos Toubales, da Devesa Vella, máis alá dos espalleres do fondo do lugar do avó Feliciano, ficaba aínda lonxe, foi pai quen pensou nas máquinas de sulfatar e funcionaron… Cando ocorreu a catástrofe do Prestige sentín que a soidade fronte ao barco, contra o seu vómito pegañento e o medo a que arrasase con todo, era o mesmo que eu sentira de pequena, vendo como non había mans, nin mangueiras longas, o temor na casa cos irmáns na noite alumeada mentres non chegaban pai e nai. As imaxes destes días de homes e mulleres que ven como o tesouro da auga se vai baleirando polo camiño, a impotencia e saberse no máis absoluto abandono é a mesma imaxe de hai corenta e nove anos, cando aínda non se votaba por ninguén.
Os lumes apáganse no inverno, mantense o monte limpo, faise próximo e aténdese todo o ano, non só se lle acode co lume. A terra necesaria compañeira de vida aproveitase, ponse en mans de quen a cultive, non se vive de costas a ela, non se ignora. Cando eu era pequena deixar os campos de vello, a monte, era como unha traición. O monte non pode ser un lugar onde crecen rapidiño os eucaliptos, un negocio descerebrado sen futuro, os campos enterrados chaman por mans para ver a luz. Admiro as comunidades de montes en man común que traen o valor do territorio aos días de hoxe, que o actualizan, que saben que é un ben necesario, riqueza comunal, futuro. De todas estas cousas debemos acordarnos cando votamos, de quen sabe estar co monte e coa terra para traballala, de quen lle dá valor á agricultura, ao gando, ás carballeiras, aos soutos, as fragas.
O monte é unha continuidade da casa, que ás veces só comtemplamos desde a fiestra, sen nos atrever; outras atravesámolo en paseos por camiños asfaltados para non nos perder, como fai a parella protagonista do libro, Eu son o monte (Euseino? Editores), da escritora, nacida en 1994 en Cidade de México, Sara Guerrero, homenaxeada como A Nosa Señora das Letras 2025 polo colectivo A Sega, este 15 de agosto en Mondariz. Antes de ler este libro, que me prendeu desde a primeira páxina, nada sabía da súa autora, despois lin na súa bitácora, Rehabitar o rural, no diario O Salto; procurei entrevistas, souben do seu teatro. A narración breve e contundente, atravesoume desde o título; comprendín e identifiqueime coa transformación da voz narradora, de fóra, que desexa entrar na comunidade, contra a adversidade, coa lingua nova que fai propia e coa terra en que tamén bota patacas; ela limpa a casa e iso é traela de volta á vida, como aprender a tocar a terra, fronte ao que lle impide ser e estar, é unha intrusa. Atende o relato de Carme que lle desenterra o monte onde a avoa do seu compañeiro botaba millo, aprende que os ocos das árbores son cartos nos petos, que hai unha temporada para que a lapa lamba a serra no horizonte e que non lle dan lexitimidade ás súas palabras. Lean este libro en que a casa desaparece entre os eucaliptos, coma quen di desaparecemos Nós, entre o dereito á terra, o dereito da terra e a casa do corpo diferente.”