Entrevista a Ramón Nicolás no Faro de Vigo, desde Xerais:
“- Faro de Vigo (FV): Tendo en conta que unha das túas facetas máis coñecidas é a de crítico literario, estrearte como novelista é cáseque unha ousadía. ¿Que foi o que te animou a escribir O espello do mundo? ¿Como naceu esta historia que contas?
– Ramón Nicolás (RN): Na nosa tradición literaria, e noutras, creo que non son o primeiro caso que conxuga traballos creativos deste tipo. Na realidade sempre entendín tanto a crítica como o ensaio como unha faceta creativa máis, sen dúbida pola que circulei con máis intensidade nos últimos anos, iso si. As diferenzas entre a práctica da crítica e enfrontarse á creación dunha novela son evidentes, claro, e talvez a máis importante sexa que para esta última cómpre ter unha historia, ou varias, e manexar os recursos apropiados para contala…, e a deste libro asaltoume case se querelo. Participo da opinión, con todo, que a crítica tamén é un exercicio de creación aínda que o seu obxectivo sexa interpretar, orientar ou informar. A idea da novela naceu hai anos e xurdiu tras coñecer un territorio concreto como foi a igrexa de San Pedro de Ramirás nas Terras de Celanova: a única memoria conservada do que foi un cenobio feminino medieval, rodeado hoxe polas instalacións dunha residencia xeriátrica. Aí había unha metáfora vinculada co tratamento que se lle dá e deu ao noso patrimonio, tamén coa nosa memoria. Alí había unha historia que tentei contar. Talvez a darlle forma contribuíu tanto o feito de decatarme de que levaba máis de dúas décadas dedicado á interpretación doutros textos como de abordar un desafío cun proxecto se se quere de índole máis persoal. (…)
– FV: Sorprendeume algo que dixeches nunha entrevista: que as mulleres que eran abadesas na Idade Media chegaron a ostentar un gran poder. ¿Como se explica isto nunha sociedade que, agás excepcións, en xeral ignoraba ás mulleres?
– RN: Basicamente porque, ao meu xuízo, se reiterou unha única lectura do medioevo que é etnocentrista e patriarcal, onde as mulleres foron varridas e borradas da historia oficial. Isto aconteceu nalgunha medida con figuras fascinantes como a propia Hildegarda von Bingen que protagoniza boa parte da novela. Daquela…, que ía ocorrer con aquelas abadesas de conventos como o de San Pedro de Ramirás, o de San Salvador de Sobrado de Trives ou o de San Salvador de Ferreira de Pantón, todos eles conventos femininos…? O seu poder, derivado da relevancia que no seu tempo representaban as ordes relixiosas ás que pertencían, era absoluto e total, indo máis alá do que hoxe chamariamos modos de produción e de organización. A óptica coa que entendían o mundo era irrebatible, eran cabezas espirituais e señoras temporais das terras e das xentes que vivían nelas, de aí o xogo de espellos que quixen reflectir nesta novela. Fórono naquela época e fórono mesmo, no caso das monxas de Ramirás, ata despois de 1499 cando tras a reforma bieita foron anexionadas a San Paio de Antealtares en Compostela, gozando alí e mesmo despois de privilexios e prerrogativas especiais. A intención era rescatar, desde a ficción, este mundo. (…)”
Arquivos da etiqueta: Faro de Vigo
Anxo Fariña: “Son un contador de historias que usa varios medios para expresarse”
Anxo Fariña: “Un libro pode facer esquecer a un neno a historia máis terrible da súa vida”
“Os Xerais premian con 30000 euros tres novelas con profunda raizame social”
Carlos Negro: “O feminismo é unha das revolucións pendentes do século XXI”
Ledicia Costas e Xosé Fernández gañan o premio Antón Losada Diéguez 2016
Desde Faro de Vigo:
“Ledicia Costas foi a gañadora do Premio Antón Losada Diéguez, coa súa obra Un animal chamado néboa, no apartado de creación literaria. No de investigación e ensaio correspondeu a Xosé Fernández Fernández, polo seu libro Vicente Risco. Mestre de mestres. A decisión foi adoptada por unanimidade, no primeiro caso, e por maioría no segundo, despois dun intenso debate, debido á alta calidade das obras presentadas.
O xurado considera que os relatos de Un animal chamado néboa “conseguen demostrar a condición global da memoria dos traumas da nosa historia recente, grazas a un uso de innumerables fontes documentais. A autora ofrece unha crónica do mellor e do peor da condición humana”. E destaca que as historias que forman este libro “suscitan en nós un abano de emocións que chegan a deixarnos case sen alento”. (…)
O xurado reuniuse na Casa do Concello de Boborás para proceder ao fallo da XXXI Edición do Premio Antón Losada Diéguez. Estaba integrado por Ana Patricia Torres Madureira, Diego Fernández Nogueira, Xosé Luís Regueira Fernández, Pegerto Saavedra Fernández, Francisco Calo Lourido, Manuel Doval Soto, Dolores Vilavedra e Xosé Ramón Freixeiro Mato, como vogais. Actuou como secretario Fernando Torre Comesaña. Non puido asistir á reunión Xosé Henrique Costas González.”
Anxo Angueira: “Sempre se vai poder dicir algo novo de Rosalía de Castro”
Ramón Caride: “Se podes contar unha historia nunha páxina, para que vas escribir catro?”
Ledicia Costas e Marcos Calveiro inician as charlas en centros de ensino vigueses promovidas por Faro de Vigo
Desde Xerais:
“O Faro de Vigo publica unha información sobre as charlas que os escritores Ledicia Costas e Marcos Calveiro imparten en nove centros de ensino vigueses sobre a súa obra literaria dentro dunha programación promovida polo devandito xornal e o Faro da Escola.”