Artigo de Amaia Mauleón en Faro de Vigo:
“Flores, música e poemas para lembrar a Rosalía. A poetisa galega segue presente no corazón dos galegos e así se demostrou onte nos numerosos actos que, por toda Galicia, homenaxearon á autora no día en que se cumprían 178 anos do seu nacemento. (…)
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) tratou ademais de implicar aos mozos na homenaxe animándolles a utilizar as redes sociais e Internet para difundir a súa figura baixo a lema “Eu son Rosalía“. Así, numerosas persoas subiron á rede vídeos nos que cada lector se identifica cunha faceta da vida e obra de Rosalía de Castro.
Pero en todas as cidades galegas escoitouse nalgún momento onte a voz de Rosalía. En Vigo, o IES San Tomé de Freixeiro acolleu unha lectura pública da obra da autora na que participaron escritores, profesores, alumnos e todas as persoas que se animaron a ler algún dos seus poemas. En Bueu, A Estrada, Tui, Poio, Lugo, Ferrol e A Coruña, entre outras, tamén se celebraron lecturas e recitais deste tipo. Mesmo a Madrid chegou onte a literatura rosaliana. O Grupo Bilbao convocou a lectura dos poemas na rúa Ballesta 13, a que foi a súa residencia na capital española. (…)”
Arquivos da etiqueta: Faro de Vigo
Armando Requeixo: “Un crítico non debe deixarse levar por preferencias persoais”
Agustín Fernández Paz: “A paixón por escribir non se me esgota, o que se esgota é o tempo”
Luís García Soto: ´A filosofía axúdache a entender o mundo pero a Lomce maltrátaa´
Entrevista de P. Pérez a Luís García Soto en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Por que escolleu a figura de Roland Barthes para este ensaio?
– Luís G. Soto (LGS): Eu fai anos fixen a miña tese en Doutoramento en Filosofía sobre este autor. Sempre publiquei cousas para especialistas e con isto quixen facer algo diferente. Pregunteime: ¿como lle presentaría a Barthes ás novas xeracións? Quixen mostrar en conxunto a obra de Barthes e a súa filosofía e explicalo da forma máis sinxela que puiden, coma se llelo explicase aos meus alumnos. Ademais en España hai moi pouco publicado sobre este autor.
– FdV: E como explicaría entón a importancia e trascendencia deste escritor e filósofo?
– LGS: A súa celebridade é porque con Umberto Eco é un dos fundadores da semiótica moderna. A semiótica é o estudio dos signos, de todo este mundo dos medios da comunicación, das imaxes… Barthes estudiou a literatura como un campo e, por outro, o mundo da imaxe. Ten por exemplo, un texto moi denso e moi duro, sobre a imaxe da moda. (…)
– FdV: Barthes era filósofo tamén… Pero, ¿está a filosofía agora en ameaza de extinción?
– LGS: Interese non está perdendo. Aínda que nos dous últimos anos o número de alumnos da Facultade de Filosofía baixou un pouquiño, de media nos últimos cinco e seis anos está por riba dos 50 alumnos, unha cifra máis que respetable porque tampouco sería óptimo que chegara aos 100 alumnos.
– FdV: Está ben tratada a Filosofía no ensino?
– LGS: A Lomce maltrata a asignatura de Filosofía porque pasa de ter presenza en Primeiro e en Segundo con duas materias obrigatorias, que ademais é opcional en Selectividade con Historia. Pero a nova lei mantén a obrigatoriedade en Primeiro pero a de Segundo empeza a ser optativa. Hai unha minoración. E a filosofía axúdache a entender como é o mundo. É moi formativa e necesaria nos sistemas educativos. En países emerxentes como Brasil ou a India danlle moita importancia á Filosofía nos seus sistemas educativos.”
Eli Ríos gaña con Remexido de patacas o premio Modesto Rodríguez Figueiredo
Desde Faro de Vigo:
“A escritora galega nada en Londres, Eli Ríos, coa súa obra Remexido de patacas, foi a escollida como gañadora do certame galego de narracións breves Premio Modesto Rodríguez Figueiredo tras o fallo do xurado reunido o sábado 27 de decembro en Catoira. O premio, organizado pola Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro coa colaboración, nesta corenta edición, do Concello de Catoira.
O xurado estivo presidido por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro. Actuou como secretario o escritor David Otero. Tamén participaron no veredito os escritores Antonio Reigosa, Isidro Novo, Anxos Sumai e o crítico literario Armando Requeixo, en representación das diversas institucións que colaboran como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o PEN Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, Concello de Catoira e o Pedrón de Ouro.
A obra gañadora levará 1000 euros, que nesta ocasión recaerán en Eli Ríos. O xurado, e dada a alta calidade estimada nos textos presentados, decidiu conceder tamén dous accésit, dotados de 400 euros cada un, ás narracións Boxcar blues, do ribeirense Antonio Piñeiro, e a Gran Sol, do compostelán César Carracedo.
O acto de entrega terá lugar o sábado 17 de xaneiro no concello catoirense.”