Antonio M. Fraga: “Decidir que queres ser na vida é moita presión”

Entrevista a Antonio Manuel Fraga en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Cal foi a inspiración para este libro [santoamaro]?
– Antonio Manuel Fraga (AMF): No próximo, no que está preto de min. A praia que serve de escenario único a esta historia está a dez minutos da miña casa. E os personaxes que transitan polo libro están moi próximos á rapazada coa que traballo a diario, aínda que tamén teñen moito de min. Como Voldemort cos horrocruxes, deixei un anaquiño da miña alma en cada un deles.
– FV: Ten moitas referencias musicais…
– AMF: A música serviume de ponte interxeracional para me achegar aos rapaces e rapazas que protagonizan a novela. A min gústame moito a música, está moi presente no meu día a día. A medida que escribía a novela fun creando unha lista de reprodución cos temas que ían aparecendo na historia. Esa foi a banda sonora do meu proceso de escrita.
– FV: O libro ten un estilo lingüístico moi propio ou próximo á rapazada, foi difícil?
– AMF: Non sabería dicir se foi difícil. Tratei de ser moi rigoroso con este tema, iso si. Quería que os diálogos fosen o máis realistas posibles e, para iso, os personaxes tiñan que falar coma os mozos e as mozas desa idade. Con todo, non quería pasarme de freada e caer na parodia, así que tratei de abrir ben as orellas e escoitar como falan, que palabras e expresións son as que máis empregan. Iso axudoume tamén a definir os distintos caracteres, pois cada un, cada unha, fala dun xeito distinto porque, malia pertenceren á mesma cuadrilla, teñen tamén personalidades e intereses moi diferentes. Foi un proceso bonito.
– FV: Que pretendía conseguir con esta aproximación?
– AMF: Quería que cando alguén lea o libro lle resulte imposible pensar que David, Begoña, Marta ou Fer non existen, que son só personaxes de ficción. E tamén que cando unha rapaza de Redondela ou un rapaz de Rábade se meta na historia de santoamaro pense: “Vaia! Esta persoa lémbrame moito á miña amiga, ou ao meu compañeiro, ou ao meu namorado”. En resume, quería darlle vida propia aos personaxes.
– FV: O libro conta temas moi actuais nesas idades pero tamén comúns noutras xeracións. Que similitudes percibe con respecto á súa adolescencia-mocidade?
– AMF: Creo que a incerteza ante o futuro é común a todas as xeracións cando se achegan a esta idade, na que soportas unha presión enorme para que decidas quen vas ser na vida adulta. Eu trato decote con pais e nais que reciben os pequenos fracasos ou indefinicións dos fillos e fillas como unha traxedia. Sempre trato de lles subliñar que un ano non é nada na vida dunha persoa, e que, ás veces, necesítase tempo para decidir o camiño que se quere percorrer. (…)”

Ramón D. Veiga: “Botaremos en falta o Entroido pero podemos celebralo na casa”

Desde o Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Que pretende con este libro [Non pare a festa. É tempo de Entroido 2]?
– Ramón D. Veiga (RDV): Igual que co anterior, É tempo de Entroido!, queremos que a rapazada (e os non tan nenos) saiba da enorme riqueza etnográfica que temos en Galicia. Porque hai máscaras moi coñecidas coma os Peliqueiros de Laza, as Pantallas de Xinzo ou os Cigarróns de Verín, pero tamén existen outros Entroidos, se cadra máis agochados, como os Vixigueiros de Samede ou os Follateiros de Lobios –por citar só dous– igual de interesantes.
– FV: Tamén ten unha parte musical interesante… con que fin?
– RDV: A música é fundamental en calquera festa e se en É tempo de Entroido! lle pedimos a Isabel Fernández Reviriego (Aries) que lle puxese música ao texto do libro, neste caso foron Os Amigos dos Músicos os encargados de musicar Non pare a festa e non podemos estar máis contentos co resultado. Ademais, unha canción (e un vídeo realizado por Siradella Films) é un recurso interesantísimo para os colexios, onde os mestres e as mestras poden cantar e bailar co alumnado ao mesmo tempo que lles dan a coñecer o Entroido galego.
– FV: Entendo que o libro fai unha descrición das figuras do Entroido en Galicia, os nenos e nenas son conscientes ou é precisamente para achegarlles estas figuras tradicionais?
– RDV: Os nenos e nenas que viven en vilas e aldeas onde hai un personaxe típico do Entroido coñéceno e víveno intensamente. Porén, hai moitos lugares en Galicia onde o Entroido é máis urbano e viven a festa dun xeito diferente: disfrázanse, asisten aos desfiles ou mesmo participan nas comparsas e nos concursos, pero isto é moi diferente do que queremos amosar cos nosos libros. Aquí trátase o Entroido tradicional e, mediante as ilustracións de David Sierra, damos a coñecer como son esas máscaras, eses traxes e, en definitiva, eses personaxes tan excepcionais que forman parte da nosa cultura e da nosa tradición e que debemos reivindicar e respectar. (…)”