Redelibros: Os máis destacados de 2012

Desde Redelibros:
“Un ano máis, tras votación popular, toca facer a solemne proclamación dos que son, para todos vos, os máis destacados deste 2012. Grazas a tod@s por participar e parabéns aos seleccionados, de seguro teñen méritos dabondo!
– Editorial galega: Contos Estraños Editora.
– Obra literaria en galego: Os abismos da noite eterna I. O morador da fenda, de Roberto A. Rodrigues.
– Libro infantil e xuvenil en galego: O mundo secreto de Basilius Hoffman. Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila.
– Obra non literaria en galego: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás.
– Banda deseñada en galego: Ardalén, de Miguelanxo Prado.
– Banda deseñada en castelán: El héroe 2, de David Rubín.
– Autor en galego: Agustín Fernández Paz.
– Autor en castelán: Miguel Otero Furelos.
– Ilustrador: Iván Valladares.
– Tradutor: Tomás González Ahola.
– Libro mellor editado: Abecedario das mantenzas, de Fausto Galdo (Xerais).
– Mellor proxecto ou evento cultural: Contos Estraños.
– Libraría: Cartabón (Vigo).
– Blog: Criticalia, de Armando Requeixo.
– Crítico máis destacado: Armando Requeixo.”

A Coruña: homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz no seu bicentenario

“Hai agora cen anos a Real Academia Galega rendía homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, 1811-Madrid, 1863) cunha ofrenda na súa vila natal e dedicándolle ao intelectual o número 50 do seu emblemático Boletín. Naquel exemplar de setembro de 1911 escribían enormes eloxios ao poeta e político de Viveiro Manuel Murguía, entón presidente da RAG, e Uxío Carré Aldao. Tamén se recuperaban para os lectores da época discursos e poemas de Pastor Díaz, mesmo unha curiosa peza en francés titulada Vie et mort. Un século despois, a Academia mantén viva a súa memoria e volverá lembrar ao autor de Alborada. Nesta ocasión a homenaxe non terá lugar no Viveiro de Pastor Díaz, senón na sede da Real Academia Galega na Coruña (Rúa Tabernas, 11). A Academia contará tamén coa colaboración da Universidade, que se sumará aos actos programados para o 1 de decembro. A xornada arrancará ás 17:00 horas cunha ofrenda floral na rúa Nicomedes Pastor Díaz, na que intervirán o sucesor de Murguía na presidencia da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé María Barja, e a poeta Luz Pozo Garza. Ás 18:00 h. terá lugar o acto central da homenaxe na sede da RAG, na coruñesa rúa Tabernas. Luís Caparrós, vicerreitor da UDC e editor da poesía de Pastor Díaz, analizará o seu labor poético, faceta literaria na que afondarán tamén o investigador Emílio Xosé Ínsua e o académico Henrique Monteagudo. O doutor Fausto Galdo, pola súa banda, lembrará a relación do intelectual coa súa vila natal e, por último, o académico e historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández dará conta da intensa actividade política do deputado Pastor Díaz.” Vía La Voz de Galicia e Cultura Galega.