Desde o blog de Xabier P. DoCampo:
“Todas as persoas amigas que algunha vez pasades por este lugar, xa sabedes de que a AELG dedicoume este ano a súa homenaxe O escritor na súa terra. Letra E, así que aforro descricións e explicacións sobre do asunto e aproveito tempo e espazo para agradecer o que foi, para min, un dia de felicidade.
O evento levoume aos lugares dos meus primeiros acordos: Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei – Lugo), alí xuntáronse xente da miña larga e cumprida familia, primeiro goce do día velos a todos e todas. Pero acudiron tamén as amigas e amigos máis queridos, que máis podo pedir que estar no medio deles?
Só agradecemento debo a AELG que quero facer público nos nomes de Cesáreo Sánchez Iglesias e de Mercedes Queixas Zas, respectivos presidente e secretaria da asociación. Pero tamén no dos outros membros da directiva: Marta Dacosta, Carlos Negro, Antonio Reigosa, Isidro Novo… E, como non, Ernesto e Ana, que, cheos de amor e xenerosidade, fixeron ese traballo de cada día e de cada intre que fai que todo funcione como debe.
E agradecemento debo tamén ao concello de Castro de Rei, que fago público no nome do seu alcalde Francisco Javier Balado, afectuoso e amábel, que fixo posíbel que Castro de Ribeiras de Lea garde agora a lembranza de min nunha pedra que contén as miñas palabras, nunha cerdeira que medrará para ser vida de min e dunha avenida que gardará o meu nome.
En fin, non é posíbel facer unha crónica axustada do día, porque habería ser posíbel facela das emocións, e estas escorren por entre as palabras e non se deixan fixar no papel, mais gárdanse na quentura da alma.
Outra emoción foron as bonitas palabras que me dedicaron: Cesáreo Sánchez Iglesias, no momento de descubrir o monólito e no acto da entrega da Letra E, palabras de poeta. As que dixo Mercedes Queixas ao ler a acta da concesión desta honra por parte da asemblea da AELG e cuxa cariñosa redacción translucía a autoría desta boa amiga. As que lle escoitei con emoción ao meu irmao Agustín Fernández Paz, que fixo unha laudatio á que o cariño lle poñía esaxeración, pero que era ben bonita de escoitar. Ao final falei eu para agradecer e para contar algo de min, do meu paso por Castro e polo mundo.
Grazas, amigas e amigos que organizastes este día para min. Obrigado fico coa miña familia que non faltou no medio doutras obrigas que chamaban por eles noutros lugares ou vinde ben lonxe só para me agasallar. Beizóns amigas e amigos de cada hora que o sábado estivestes comigo, para todos gardarei sempre un recanto ao quente no meu corazón (Verae amicitiae sempiternae sunt).
Para todas as persoas que asistiron ao xantar quixen eu tamén ter un agasallo especial e editei unha plaquette de 250 exemplares numerados e asinados por min, titulada Pedra e Tempo que contén o texto inscrito no monólito e cinco contos encadeados, penso que representativos dunha boa parte do meu xeito de escribir os relatos curtos. Para esa persoas, mais dedicado a todos os creadores e creadoras da patria da Lingua. Leva, non pode ser menos, na capa unha ilustración do meu irmao Xosé Cobas.
E grazas tamén a todas as persoas que me felicitaron por medio das redes sociais e con chamadas ou mensaxes telefónicas, imposíbel responder a todas, aínda que ben o merecían. Obrigado.
Como agasallo recibín unha fermosísima escultura de Silverio Rivas que representa unha letra E do século III, que me enche de orgullo ter na miña casa. Grazas tamén ao grande artista.”
Arquivos da etiqueta: Francisco Javier Balado
O escritor na súa terra: Xabier DoCampo. Castro Ribeiras de Lea, 2014, o sábado 21 de xuño
A Homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XX edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xabier P. DoCampo, que será homenaxeado en Castro de Ribeiras de Lea, terra onde se criou.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha cerdeira elixida polo propio autor), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado a un espazo público, neste caso á avenida da Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea e o Mercado de gando.
A AELG conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, da Consellaría de Cultura, do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e do Concello de Castro de Rei.
PROGRAMA DE ACTOS
– 11:30 h. Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea (Avenida da Terra Cha, 17).
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación da cerdeira (árbore simbólica do escritor).
Interveñen:
•Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
•Mario Outeiro, Deputado delegado de Cultura da Deputación Provincial de Lugo
•Francisco Xosé Fernández Montes, Alcalde de Rábade.
•Francisco Javier Balado Teijeiro, Alcalde de Castro de Rei.
•Xabier P. DoCampo.
Descubrimento da placa que atribúe o nome do homenaxeado á avenida (Avda. Xabier P. DoCampo).
Acto de entrega da “Letra E” (Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea).
Interveñen:
•Francisco Javier Balado Teijeiro, Alcalde de Castro de Rei.
•Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
•Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
•Agustín Fernández Paz: Laudatio.
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
•Intervención do homenaxeado: Resposta á laudatio por parte de Xabier P. DoCampo.
– 14:00 h. Xantar de confraternidade. Restaurante Río Lea (Avenida da Terra Cha, 54).
Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Castro de Rei e demais persoas interesadas. É preciso confirmar asistencia, até o 17 de xuño –inclusive–, en oficina@aelg.org ou 981 133 233, de luns a venres, de 09:00 a 14:30 h. As prazas no restaurante son limitadas: agradecemos que faga a súa reserva canto antes.