Cambados: Xornada Vocacións e ideais de Plácido Castro

Desde o Consello da Cultura Galega:
“Plácido Castro (1902-1967) é un dos símbolos máis sobranceiros do universalismo galeguista. Pola súa orixe e a súa formación, foi unha rara avis no galeguismo dos anos trinta. Humanista, anglófilo e erudito, ao longo da súa vida desenvolveu tres vocacións principais: a tradución, o xornalismo e o compromiso político con Galicia.
Na súa traxectoria son de grande importancia os períodos británicos. O primeiro discorreu na súa nenez e mocidade e influíu na súa formación humanista e intelectual. O Plácido de “sólida cultura e fondas inquedanzas”, como recoñecían os seus coetáneos, acreditouse como un admirador do respecto dos británicos pola identidade, radicando nesa actitude de autoaprecio a principal forza do seu espírito. Na rica vida cultural da súa contorna, Plácido desenvolveu as súas arelas polas artes, o teatro, a música, a poesía etc., que conservaría ao longo de toda a súa vida.
A segunda etapa británica discorreu tras a Guerra Civil. Os camiños da vida levaron de volta a Plácido a Londres, onde colaborou varios anos coa BBC, sen perder o contacto con Galicia. Dende alí participou nos primeiros programas en galego do mundo da radiodifusión e tamén nos emitidos en español e inglés, ao tempo que mantiña a colaboración con algúns outros medios estranxeiros.
O universalismo é a chave que permite acceder ao seu pensamento, quizais un dos máis estruturados do galeguismo de comezos do século pasado. Plácido non é só universalista por convicción política, senón porque ese é o seu xeito de existencia, fondamente interiorizado e derramado en todos os ámbitos. Desde Londres ou O Salnés, Plácido apostou sempre por modelos de modernización de Galicia que preservasen o noso contorno e fixesen da nosa forma de ser e de estar un patrimonio universal.
Esta xornada, organizada pola Comisión de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega e o Concello de Cambados, en colaboración coa Fundación Plácido Castro, e coordinada por Xulio Ríos, pretende afondar nos tres eixes que marcaron a vida de Plácido Castro: tradución, xornalismo e universalismo.

PROGRAMA

Centro ExpoSalnés
Paseo da Calzada, s/n
36630 Cambados
22 de febreiro

16:00 horas
Inauguración
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega
Fátima Abal Roma, alcaldesa de Cambados
Xulio Ríos, coordinador da Comisión de Acción Exterior do CCG
16:20 horas
Plácido Castro e a tradución
Modera: Xulio Ríos
Laura Linares, Irish Research Council Government of Ireland Postgraduate Scholar
María Jesús Lorenzo Modia, catedrática de Filoloxía Inglesa, Universidade da Coruña
17:20 horas
Pausa
17:45 horas
Plácido Castro e o xornalismo
Modera: María Jesús Lorenzo Modia
César Lorenzo, xornalista e editor de Biosbardia
Luís Álvarez Pousa, xornalista e director de Tempos Novos
18:30 horas
Plácido Castro e o universalismo
Modera: Laura Linares
Xulio Ríos, coordinador da Comisión de Acción Exterior do CCG
Rubén Camilo Lois González, catedrático de Xeografía, Universidade de Santiago de Compostela
19:30 horas
Clausura

A inscrición pode facerse aquí.”

Bases do Premio de Tradución Plácido Castro 16ª edición

“A Fundación Plácido Castro da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación de Tradutores Galegos e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade.
Poderán participar na convocatoria da décimo quinta edición do Premio Plácido Castro de Tradución todas as persoas que envíen algunha obra traducida ao galego para ser incluída na biblioteca virtual http://tradutoresgalegos.com/bivir.html, mesmo se xa foron editadas con anterioridade en formato papel. As obras deberán necesariamente estar libres de dereitos e pertencer ao dominio público no momento en que sexan enviadas a Bivir. Tamén poderán concorrer aquelas obras editadas en formato papel e non publicadas en bivir.com que sexan remitidas polos seus autores á Fundación a efectos de participar no premio.
Asemade poderán concorrer as traducións para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas
As obras que concorran ao premio enviaranse á sede da secretaría da Fundación Plácido Castro: IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) Centro Cívico Sur, rúa Luís Braille, 40, 36003 Pontevedra ou por correo electrónico a info@tradutoresgalegos.com, antes do 1 de maio de 2017.
O xurado do Premio estará composto por cinco persoas representantes de cada unha das seguintes institucións: Fundación Plácido Castro, Asociación de Tradutores Galegos (ATG), Real Academia Galega, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e Administración Autonómica. Actuará como secretario con voz e sen voto unha persoa en representación do IGADI.
O xurado terá en conta fundamentalmente os seguintes criterios: corrección lingüística e ortotipográfica, calidade da versión, criterios de lectura e interpretación do orixinal, relevancia da obra nas culturas de orixe e chegada e adaptación ao destinatario.
O xurado dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada e fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves.
A entrega do Premio terá lugar no lugar e data que sinale a Fundación Plácido Castro.”

Laura Linares Fernández: “Todas as facetas de Plácido Castro xiran arredor da dignificación do galego”

Entrevista a Laura Linares en La Voz de Galicia:
“A figura do mestre de inglés de moitos vilagarciáns volve o xoves 12 a actualidade na súa vila natal, Corcubión, coa presentación na Capela do Pilar (19.30 horas) do libro Verbas Atlánticas. Poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro. A tradutora Laura Linares Fernández (Vigo, 1987), que fixo un máster en Cork (Irlanda) sobre o traballo do escritor, editor, xornalista e galeguista, encargouse da edición deste volume publicado pola Fundación Plácido Castro recompilando os poemas e ocupándose da introdución. Canda ela hoxe estarán a presidenta da entidade, Susi Castro; o seu director, Xulio Ríos, e o concelleiro de Cultura de Corcubión, José A. Louro.
– La Voz de Galicia: ¿Cal foi o seu papel nesta obra?
– Laura Linares: Son a editora realmente porque os autores son os propios poetas irlandeses, ingleses e demais que crearon eses poemas, ademais o protagonista principal é o tradutor, Plácido Castro, un intelectual moi importante de primeiros e mediados do século XX. El fixo estas traducións e moitas outras para dignificar a lingua galega e promocionar a idea de que era unha lingua ben válida para a literatura, a poesía e todo o que quixéramos. O meu traballo foi compilar os poemas, porque moitos deles aínda non foran publicados nunca e recoller os que si apareceran en diferentes medios e facer un pequeno estudo de introdución para que a xente entenda un pouco de onde veñen eses poemas, de onde vén o galego de Plácido Castro e cales eran as súas intencións con estas traducións. (…)”

Convocada unha nova edición do Premio de Tradución Plácido Castro

A Fundación Plácido Castro, da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación de Tradutores Galegos e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego que quixo estimular coas súastraducións a recuperación explícita da nosa identidade.

1. Poderán participar na convocatoria da decimoterceira edición do Premio Plácido Castro de Tradución tódalas persoas que envíen algunha obra traducida ao galego para ser incluída na biblioteca virtual Bivir. As obras deberán necesariamente estar libres de dereitos e pertencer ao dominio público no momento en que sexan enviadas a Bivir.
2. Unicamente entrarán a concurso as obras traducidas e enviadas espontaneamente, quedando excluídas as encargadas expresamente pola Asociación de Tradutores Galegos (ATG).
3. As obras que concorran ao premio enviaranse á sede da secretaría da Fundación Plácido Castro: IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) Avda Joselín 7 P3 4B 36300 Baiona (Pontevedra) ou por correo electrónico a info@tradutoresgalegos.com, antes do 1 de maio de 2014.
4. O xurado do Premio estará composto por seis persoas representantes de cada unha das seguintes institucións: Fundación Plácido Castro, Asociación de Tradutores Galegos (ATG), Real Academia Galega, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Editorial Rinoceronte e Administración Autonómica. Actuará como secretario con voz e sen voto unha persoa en representación do IGADI.
5. O xurado terá en conta fundamentalmente os seguintes criterios: corrección lingüística e ortotipográfica, calidade da versión, criterios de lectura e interpretación do orixinal, relevancia da obra nas culturas de orixe e chegada e adaptación ao destinatario.
6. O xurado dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada e fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
7. O premio está dotado con 2.000 euros en metálico e a publicación da obra por parte de Rinoceronte Editora, entidade colaboradora desta convocatoria. Ademais, contará cun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o evento, obra de Xaquín Chaves.
8. A entrega do Premio terá lugar no lugar e data que sinale a Fundación Plácido Castro.”

Plácido Castro: Unha vocación internacional

Desde Cultura Galega:
“Malia non ser un dos persoeiros máis coñecidos do galeguismo de preguerras, a vida e a obra política e intelectual de Plácido Castro (Corcubión, 1902; Cambados, 1967) merecería por si soa un filme británico. Políglota, viaxeiro e activista político, foi o principal responsable do recoñecemento internacional de Galicia como nación antes da Guerra Civil. Tres novos libros editados pola Fundación Plácido Castro botan luz sobre este descoñecido intelectual.
A Fundación Plácido Castro vén de editar tres curiosas e interesantes publicacións que divulgan a obra e o pensamento do corcubionés Plácido Castro. Un galego en Irlanda, 101 máximas e reflexións de Plácido Castro e 1933-2013. 80 anos da participación e admisión de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas. Os tres libriños permiten coñecer a personalidade e as accións poliédricas e acceder a importante documentación interna da Sociedade de Nacións que permite coñecer a estratexia dos galeguistas para o recoñecemento internacional de Galicia como pobo.
Plácido Castro naceu en Corcubión no seo dunha das familias máis adiñeiradas da área. Os seus pais enviaráno a estudar, cando aínda era moi neno, aproximadamente aos seis anos, ao colexio Scarborough de Glasgow. Nesta cidade escocesa tamén cursaría os seus estudos universitarios. A súa vida en Inglaterra compaxinaríase coas súas vacacións en Galicia, onde tomou conciencia da identidade, da lingua e da cultura. Militaría no Partido Galeguista e participaría da prensa da época, onde remitiu numerosas crónicas da vida e da cultura inglesas.
Un galego en Irlanda é unha compilación de seis crónicas de viaxes que Plácido Castro remitiu ao xornal vigués El Pueblo gallego, e nos que detalla unha viaxe á illa -de especial relevancia no discurso cultural e político dos galeguistas do momento- na que remata por convivir cos illeiros do arquipélago de Blasket. As crónicas, cheas de lirismo, anécdotas e un perspicaz talante, son unha viaxe de ida e volta entre Galicia e Irlanda, nos seus parecidos e diferenzas.
O libriño 101 máximas e reflexións de Plácido Castro introduce aos lectores no pensamento galeguista e político do escritor e tradutor, no que se evidencia a súa demanda de conciliar tradición e identidade coa modernidade para ser visibles no mundo. A vocación internacional de Castro tamén se advirte na escolma de documentos publicados en 1933-2013. 80 anos da participación e admisión de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas; a través dos documentos pódese seguir o proceso da inclusión e participación dos galeguistas no Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna en 1933. (…)”