O
venres 21 de decembro, ás 20:30 horas, na Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3) de Allariz, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Luís Martínez-Risco. Haberá acompañamento musical de José Luis Fernández Carnicero.
Arquivos da etiqueta: Fundación Vicente Risco
Alberto Ramos gaña o XIII Premio Vicente Risco de Creación Literaria con Todos os días
“O
escritor Alberto Ramos foi elixido polo xurado do XIII Premio Vicente Risco de Creación Literaria como o gañador da nova edición deste tradicional galardón que promoven o Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco. A obra Todos os días foi escollida entre os orixinais presentados a concurso por reflectir a novela «a crise económica e social e os seus efectos sobre a mocidade universitaria dos nosos días e en como esta falta de horizontes inflúe na autoestima das personaxes e condúceos á destrución persoal». O xurado tamén salientou da novela que na mesma «van aparecendo como elementos secundarios os ERE, o peche de medios de comunicación escritos, a rivalidade profesional, a falta de expectativas vitais e a contraposición entre a realidade laboral doutros países emerxentes economicamente e a nosa propia». O xurado do premio, que está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra, estivo composto por Adelaida Vidal, Ánxela Gracián, Serafín Alonso e Soedade do Muíño.” Desde Sotelo Blanco Edicións.
Allariz: II Festa do Libro Galego, do 12 ao 14 de outubro
Allariz acollerá esta fin de semana a segunda Festa do Libro Galego na que se porán á venda as últimas novidades en galego. Organizada polo Concello de Allariz, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Anselmo Lorenzo e a libraría Aira das Letras. Desenvolverase na Praza de Abastos, cun horario de 11:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h. (o sábado pola mañá, se chove, non haberá feira). O programa literario é o seguinte:
Venres 12 de outubro:
– 13:00 h. Inauguración da Festa por Miguel Anxo Fernández e entrega dos premios do concurso de micro-relatos Aira das Letras.
– 19:00 h. Presentación do libro Olladas, de Adelaida Vidal, Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2011.
Sábado 13 de outubro:
– 18:00 h. Presentación do cómic Titoán, premio Castelao de banda deseñada 2011.
– 19:00 h. Presentación do libro Queer-mos un mundo novo, de Teresa Moure. Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2011.
Domingo 14 de outubro:
– 13:00 h. Presentación do libro infantil O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, e lectura contada do mesmo.
Allariz: conferencia Cataláns en Galiza, por Pere Tobaruela
Convocado o XIII Premio Vicente Risco de Creación Literaria
O Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco en colaboración coa Editorial Sotelo Blanco, convoca un premio anual de Creación Literaria, co fin de abranguer os diferentes campos da obra, non só de quen foi veciño ilustre desta vila, don Vicente Martínez-Risco e Agüero, senón tamén a do seu fillo, don Antón Martínez-Risco Fernández, veciños que foron desta ilustre cidade.
Ao Premio Risco de Creación Literaria, poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc. Exclúense, polo tanto, teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais.
Para este fin, e tendo en conta a colaboración e opinión da Fundación Vicente Risco, redactáronse as seguintes
B A S E S
Primeira. Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, de acordo coa normativa oficial vixente e cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300.
Segunda. Os orixinais presentaranse por sextuplicado en soporte de papel en tamaño DIN-A4 mecanografados en letra Times New Roman de corpo 12 por unha soa cara e a dobre espazo. O prazo de entrega remata o luns día 1 de outubro, data do nacemento de don Vicente, de 2012, no Rexistro Municipal do Concello de Ourense.
Terceira. Cada orixinal irá acompañado dun sobre pechado, co título ou lema no seu exterior, cos seus datos (nome completo, enderezo e teléfono) e o título definitivo da súa obra.
Cuarta. A obra gañadora será premiada con 6.000 euros e a publicación do libro.
Quinta. O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura. A presidencia será exercida pola persoa designada polo Concello de Ourense.
Sexta. A composición do xurado darase a coñecer pública e oportunamente pouco antes da data de emisión da súa decisión, o venres 16 de novembro.
Sétima. Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
Oitava. O Excmo. Concello de Ourense, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición desta en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considérase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O/A beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada. Asemade, a persoa gañadora do premio formará parte do xurado na seguinte edición.
Novena. Os orixinais que non resulten premiados seranlles devoltos aos seus autores e autoras se os requirisen por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.
Décima. A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes Bases, así como a decisión do xurado que será inapelable.
Ourense, 30 abril de 2012
Vicente Risco en versión aberta
“A
Fundación Vicente Risco é unha das entidades das súas características que maior número de iniciativas e proxectos desenvolve ao longo do ano en Galicia, senón a que máis. Aos cursos universitarios, exposicións, presentacións, edicións de publicacións propias ou en colaboración (o proxecto máis recente é a edición de Pan Negro en galego, en libro e deuvedé) e outras propostas, a fundación engade agora unha nova iniciativa: o acceso ás obras de Vicente Risco en rede e de forma totalmente gratuita para que se podan consultar ou descargar en formato pdf, por unha banda, e aos documentos que forman parte do fondo da entidade, dispoñibles no mesmo formato e características. Na páxina web da fundación habilitouse un acceso, no apartado que figura baixo o nome de interactivo, denominado Textos de Vicente Risco. Ao entrar no mesmo o internatua ten a posibilidade de consultar ou imprimir 32 obras ou coleccións de textos do autor. Nesta sección foron incorporados textos de referencia de Risco e algunhas das súas obras máis senlleiras. Dende estudos como a Historia de Galicia, Mitteleuropa, Satanás. História do diabo, El problema político de Galicia, Teoría do nacionalismo galego, Os europeos en Abrantes ou El Oriente contado con sencillez a obras como O porco de pé, Dédalus en Compostela (en galego e nas súas versións en francés, inglés, alemán e castelán) ou O lobo da xente. Os artigos que asinou nas revistas Céltiga e La Zarpa tamén están dispoñibles neste enlace.” Vía La Voz de Galicia.
Ourense: presentación de Viaxes e construción do pensamento. Viaxes e viaxeiros na Galiza anterior a 1936, editado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián
O
21 de marzo, ás 19:30 horas, no Museo Municipal de Ourense (rúa Lepanto), terá lugar a presentación das actas do curso Viaxes e construción do pensamento. Viaxes e viaxeiros na Galiza anterior a 1936, publicado pola Universidade da Coruña e a Fundación Vicente Risco, sendo responsábel da edición Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora da Universidade da Coruña e membro da Fundación Vicente Risco. O presente volume é o resultado das ponencias e debates do curso de verán que, baixo o mesmo título, foi organizado pola Fundación Vicente Risco en colaboración coa UdC e que se desenvolveu en Ourense entre o 13 e 16 de setembro de 2010.
Xosé Manuel González Reboredo gaña o XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
ACTA DO XURADO DO XVII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS
“Reunido
o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por unanimidade:
1.- Valorar o incremento de orixinais presentados, así como a súa calidade científica e ensaística.
2.- Conceder o XVII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co lema Cando os homes non poden, que axuden os santos e co título Os santos titulares de parroquia en Galiza. Pasado, presente e perspectivas de futuro. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Xosé Manuel González Reboredo, domiciliado en Santa María de Biduído-Ames.
Trátase dun rigoroso ensaio no que se analiza a antigüidade e a singularidade do sistema galego das advocacións parroquiais comparado co de diversas áreas da Península Ibérica. Nesta obra reivindícase a inclusión dos santos titulares das freguesías como patrimonio cultural galego, máis alá dos valores especificamente relixiosos.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora publicaraa Sotelo Blanco Edicións.
En Santiago de Compostela, a 10 de marzo de 2012″
Adelaida Vidal Vizcaya gaña a XII edición do Premio Vicente Risco de creación literaria
No Concello de Ourense, sendo as trece horas do día vinte e seis de novembro de dous mil once, reúnese o xurado nomeado para o Premio Risco de Creación Literaria de Ourense na súa duodécima edición, e que estivo composto polas seguintes persoas: Arturo Lezcano Fernández (envía a súa valoración por escrito), Xulio García Golpe, Constantino Pazos Sobrino, Fernando Méndez e Ánxela Gracián, en representación da editorial Sotelo Blanco; actuando como secretario Luís Martínez-Risco Daviña, da Fundación Vicente Risco, sendo a Presidenta do Xurado a Concelleira de Cultura, Festas e Festival de Cine, Auditorio e Normalización Lingüística, Isabel Pérez González (sen voz nin voto). O Secretario fai constar o agradecemento a todos os membros do xurado pola súa participación.
Tras unha ampla deliberación, acordouse conceder o XII Premio Risco de Narrativa ao traballo presentado co título: Olladas. O xurado cualifícaa como unha novela na que cómpre salientar un relato minimalista, cheo de realismo e frescura narrativa. Con personaxes moi contemporáneos que apostan polos soños. A trama está sostida por un narrador omnisciente que “todo o sabe”, e no entanto non emite xuízos de valor, deixando que os personaxes teñan autonomía e identidade propias.
O secretario procede á apertura do sobre correspondente, resultando autora da obra gañadora: Adelaida Vidal Vizcaya. En proba de conformidade, subscríbese a presente acta da que eu como Secretario dou testemuño no lugar e data arriba citados.
Ourense, 26 de novembro de 2011
Luís Martínez-Risco Daviña.



