O venres 15 de abril, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, continúa o “Ciclo Escritas 2011 Sargadelos“, que, baixo o título de “Circunvolucións”, consiste nunha serie de charlas na que se abordará a experiencia que coa(s) escrita(s) manteñen diversos autores, tratando de atravesar a partir das diferentes liñas de universo dos/das conferenciantes/conferenciantas a proliferación das inscricións que fan con nós comunidade. Nesta terceira charla, Fran Cortegoso falará sobre O lugar do corvo: “O corvo como símbolo da morte é aparición última da vida. Só lucubramos a morte a través da alteridade. É inexistencia do ser, e inexistencia mesma é. Así é o corvo síntese de vida, de proceso concluso, e por tanto de recordación, de percurso vital como histórico e relato. O corvo como símbolo dun proceso estético e ético.”
Arquivos da etiqueta: Galería Sargadelos
Ferrol: conferencia de Ramón Loureiro na Galería Sargadelos
O xoves 8 de xullo, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María), desenvolverase a conferencia de Ramón Loureiro De León de Bretaña ao Camiño de Santiago: os camiños dos vivos e dos mortos nos libros da Terra de Escandoi. Diálogo de Ramón Loureiro con Manuel Vivero e Esperanza Piñeiro de San Miguel. Ao finalizar o acto o autor asinará exemplares das súas últimas publicacións.
Campaña de animación á lectura do Concello de Santiago e Kalandraka
A Campaña de Animación á Lectura que organizan ata o 22 de maio o Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA, en colaboración coa Galería Sargadelos, cumpre unha década ao servizo da comunidade escolar e educativa da bisbarra compostelá. Co lema “Un gran soño”, que non só é o título da obra galardoada co II Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, senón tamén a expresión do camiño percorrido nestas dez edicións, a Campaña vólcase un ano máis en desenvolver actividades gratuitas para escolares, educadores, bibliotecarios e promotores da lectura, público familiar e, por primeira vez, prelectores e futuros creadores artísticos. A programación durará ata o 22 de maio na Galería Sargadelos, nas escolas infantís de Conxo, As Fontiñas, San Roque e Polígono do Tambre, e tamén no IES de Sar.
Máis información aquí.
Ferrol: presentación de libros na Galería Sargadelos
Mañá xoves 11 de marzo na Galería Sargadelos de Ferrol terá lugar a presentación dos libros de Edicións Embora titulados O país dos mandóns, A urna dos desexos e O segredo de flora. No acto participarán Paloma Rodríguez e Cristina Justo (autoras) e Spela Trobec (ilustradora).
Ferrol: actos na Sargadelos polo Día da Muller Traballadora
Mañá venres 5 de marzo ás 20.00 horas a Galería Sargadelos de Ferrol conmemora os 100 anos do Día da muller traballadora e os 125 anos da morte de Rosalía de Castro, nun acto no que se falará sobre a problemática dos servizos sociais e o modo en que afecta á muller. Participarán no acto: Ana Luisa Bouza, Deputada no Parlamento Galego, Jéssica Fernández Polo, responsable da muller en Galiza Nova, e Mª Paz Díaz, profesora de lingua e literatura galegas.
Ferrol: Yolanda Castaño presenta o libro Punver de volta
Mañá sábado 27 de febreiro ás 12 horas na Galería Sargadelos de Ferrol terá lugar a presentación do libro PUNVER DE VOLTA, coa participación da autora Yolanda Castaño e o ilustrador Eduardo Hermida.
A Coruña: recital da poeta venezolana Estrella Gomes
Hoxe luns 4 de xaneiro ás 20 horas na Galería Sargadelos da Coruña terá lugar un recital presentación da poeta venezolana Estrella Gomes (Miranda, 1990). Acompáñaa no acto a escritora galega Yolanda Castaño. A entrada é libre.
A Coruña: xornadas sobre as mulleres no sector textil na Galería Sargadelos
A Coruña: presentación dun libro de Luís G. Soto
A Coruña: remata o ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos
Remata o ciclo Escrita(s) coa mesa De corpos e palabras. Tendencias escénicas para o século XXI. 20 anos de teatro contemporáneo na Galiza (1989-2009) na que intervirá o escritor Roi Vidal Ponte. As características que definen a estética contemporánea no teatro occidental e como esta estética ten ou non repercusión, aceptación e seguimento nas compañías e públicos do sistema teatral galego serán algunhas das cuestións que se aborden. Será na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) mañá xoves 18 de xuño a partir das 20:00.