Eva Veiga: “O interesado abandono da nosa lingua é síntoma do triunfo da mediocridade”

Entrevista a Eva Veiga en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A poesía, Eva, é esencial na túa obra, moito máis que o ensaio, a narrativa ou o xornalismo?
Eva Veiga (EV): Si, supoño que cada quen ten o seu hobby-horse como escribiu Sterne, o seu cabalo de batalla, o seu especial modo de abordar a realidade e pensar o mundo. A fiestra pola que me gusta mirar ou esculcar a vida e o modo que escollo para unha comunicación profunda teñen que ver sempre coa poesía. Porén, a poesía nútrese de todo canto chega á conciencia e poida que aínda máis do que non somos conscientes. Tamén o outro se percibe atravesado, iluminado, pola visión poética. De xeito natural. (…)
GH: O intimismo poético, pode resultar unha arma de combate contra o terror institucionalizado polos entes da burguesía?
EV: O intimismo poético é revolucionario. Non hai revolución que non comece no individuo. A poesía manifesta por principio unha relación afectiva co mundo. É cando non amas ou non prestas atención a algo é difícil que o comprendas ou que o defendas. A publicidade empéñanse en que sintan os obxectos –os coches, os lavavaixelas- e que sexamos os homes e as mulleres cousificados: por que será? A poesía é ademais un ámbito privilexiado da liberdade e do sentido. É a linguaxe en crise, en permanente creación.”

Bernardino Graña: “Un premio da natureza”

Entrevista a Bernardino Graña en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A literatura para un escritor é ó mesmo tempo profesión e hobby?
Bernardino Graña (BG): É exactamente o que é.
GH: O escritor sempre ten un libro debaixo do brazo?
BG: Sempre ten algún libro, ás veces para documentarse sobre algo, e outras como unha lectura.
GH: Cando un está de vacacións adoitan vir á mente boas ideas para un vindeiro traballo?
BG: Ó estar de vacacións as ideas que fuches tendo durante o inverno valas plasmando máis e mellor.
GH: Como é o primeiro día de escritura tras a temporada de vacacións? Custa arrancar?
BG: Parece que eu fose un oficinista (risos). Son escritor, estou sempre coa profesión e co hobby, e sempre lle estou dando á cabeza, non me custa nada de traballo porque sempre estou traballando.”

Ana Romaní: “A poesía desvélase”

Entrevista a Ana Romaní en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Ten algún proxecto para a próxima temporada?
Ana Romaní (AR): Seguirei traballando no programa (Diario Cultural), e no que respecta a escribir imaxino que sairá cara a outono un novo libro de poemas. O libro titúlase Estremas e resúltame difícil explicar como é. Supón unha certa ruptura con respecto a libros anteriores ó tempo que continuidade. De tódolos xeitos creo que é moi recoñecible o universo de Arden. É o resultado dunha necesidade, teño unha relación cíclica coa escrita e escribo cando vexo que necesito dicir algo. Os poemas chegan, chegan eles e desvélanse. Empecei a escribilo hai un ano pero non porque fora unha decisión previa, senón porque tiven necesidade de escribir un poema e ese levou a outro, etc. (…)
GH: Para un escritor escribir é á vez unha profesión e un hobby?
AR: Non sei para outros, pero para min non é ningunha das dúas, non responde a esos modelos a miña vivencia. Creo que é unha necesidade, realmente.
GH: O escritor sempre ten un libro baixo o brazo?
AR: Non sei. Haberá quen o teña, haberá quen non… Eu sempre procuro ter algún libro na mesiña de noite, no bolso, na bolsa da praia, no coche… En fin, a man.”

Chus Pato: “Vocación de voz”

Entrevista a Chus Pato en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A literatura para un escritor é á vez profesión e hobby?
Chus Pato (CP): É unha chamada á que hai que estar atenta e require unha atención continua. Ademais de ser unha chamada, é unha vocación de voz.
GH: O escritor sempre ten un libro debaixo do brazo?
CP: Non o sei, eu normalmente si. Creo que un escritor pode estar rañando a barriga moitas veces, coma todo o mundo.”

Francisco Fernández Naval: “Nunca o poder lle fixera tanto mal ao galego na autonomía”

Entrevista a Francisco Fernández Naval en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A poesía, Chisco, é para ti unha arma de amor e combate, un reto á vida e mais á infamia…?
Francisco Fernández Naval (FFN): Para min, a poesía segue sendo o argumento principal do home diante da vida, unha forma de coñecemento dos misterios a través da intuición e da metáfora, o único xeito de nos aproximar ao que non comprendemos. Amais diso, tamén é unha arma e un xeito de estar no mundo.
GH: Poeta, narrador, ensaísta… En que terreo estás máis a gusto…?
FFN: Empecei escribindo versos, logo pasei ao teatro, que deixei pola narrativa. Gústame ler poesía e, ás veces, necesito escribila, pero tamén me gusta contar e que me conten historias. Quixera seguir traballando os dous xéneros, sen ter que renunciar a ningún e nestes últimos anos regresei con gusto ao teatro.
GH: Hai unha obra de grande calado que está a agardar aínda pola túa escrita?
FFN: Non o sei, sobre todo porque non sei cal é o gran calado dunha obra ou dunha historia. Eu procuro, sobre todo, que os libros que escribo teñan dimensión humana, que comuniquen algo, que procuren complicidades nos lectores.”