“Micromitos” chega ao seu remate con máis de 200 relatos

Entrevista de Gloria Montenegro a Antonio Reigosa en Nós Diario:
“A sección de Antonio Reigosa, “Micromitos“, que vén de formar parte da contracapa desde o 1 de setembro do ano pasado, chega ao seu fin con máis de 215 breves relatos relacionados coa mitoloxía galega.
“Foi todo un reto, ao comezo do proxecto, sintetizar tantos temas relacionados coa mitoloxía galega en tan só 1.000 caracteres”, expón Reigosa en conversa con Nós Diario. Desde as lendas de diversas orixes a personaxes como os trasnos foron tratados por Reigosa durante estes meses.
Os traballos están baseados na experiencia do columnista, “teño moitos anos e fun realizando investigacións e publicacións tanto en colectivo como a nivel individual”. Toda esta información foi “complicada de resumir, xa que non quería que fose moi esquemático e que ademais fose un relato, para que as lectoras atopasen unha historia con comezo e final”, explica.
Outro dos contratempos que Reigosa foi atopando ao longo destes meses para realizar os “micromitos” foi “escoller o tema, aínda que tentei adaptarme o máximo posíbel ao calendario e así adaptar a temática á actualidade”, sinala. Por exemplo, durante a semana da festividade de San Xoán “busquei que os relatos xirasen ao redor desta temática, como a flor da auga, o solsticio e demais”.
Debido a que “existían certas temáticas ou personaxes que era imposíbel resumir nun só ‘micromito’ decidín que faría unha especie de series sobre algúns temas en concreto, como foi o do trasno ou Pepa a Loba”, conta Reigosa.
Esta última, “foi unha das miñas personaxes favoritas de contar, malia que me custou moito resumir os aspectos fundamentais e relevantes sobre Pepa a Loba, é unha historia tan potente e interesante, que por iso tiven que dedicarlle cinco relatos”, especifica o escritor da columna. Ademais, tamén salienta os ‘micromitos’ relacionados cos medos dos nenos, como o Coco.
Reigosa considérase un “apaixonado do ‘inútil’, entendo que igual isto pode considerarse así por falta de interese ou coñecemento sobre a mitoloxía galega, por iso espero que este espazo contribuíse a achegar a aquelas persoas que non tiñan a curiosidade de coñecer este mundo que é tan rico e que reflicte o que foi e segue a ser a nosa cultura popular en cuestión de literatura de tradición oral”, sinala.
Esta mitoloxía galega “continúa viva”, afirma Reigosa. “Existe unha tendencia a considerar que este coñecemento está só ligado ao mundo rural, estando este  demograficamente case afundido, mais a mitoloxía está asociada ao territorio. Temos exemplos con personaxes moi coñecidos como os mouros e as mouras, relacionados con mámoas ou covas con restos de ocupación, polo que esa mitoloxía segue asociada a ese lugar, pero hai menos xente con capacidade de transmitila, porque a contorna estase a despoboar ou está xa despoboada”, explica Reigosa.
Malia a isto, “existe unha mitoloxía nova, entendida como lenda urbana, que está máis asociada ao mundo urbano e que se transmite entre a veciñanza destes territorios”. Como exemplo, o columnista explica as lendas relacionadas coa xente estranxeira. “Asóciase á xente que vén de fóra, dependendo moito do tempo histórico, que se converte nun ser terrorífico e ao que se lle culpa, entre outras cousas, de ser traficante de órganos, que matan nenos e xente para vender as súas vísceras no mercado negro”, expón Reigosa.
Outro exemplo que destaca o especialista sobre esta mitoloxía vén relacionado cos construtores de edificios. “Existe unha lenda relacionada con Noia e a igrexa de San Martiño, á cal lle falta unha torre, porque o seu construtor orixinal, segundo conta o mito, morreu accidentalmente do alto da igrexa e non puido rematala. Por iso contan que se alguén tentase levar a cabo esta obra da segunda torre, pasaríalle o mesmo. O director de cine Claudio Guerín simulou a realización desta parte da igrexa, con cartón-pedra, para un filme e morreu nun accidente ao caer desde o alto do inmóbel. A xente achaca este falecemento ao atrevemento de tentar crear a segunda torre de San Martiño”, conta Reigosa.
Para o escritor, esta é a actualización dunha lenda, que “consegue que a cidadanía reafirme máis estes mitos polos feitos acontecidos en Noia, por exemplo”, conclúe Reigosa.
Para o autor da sección de “micromitos” existe mitoloxía que “se está a crear a día de hoxe, pero aínda estamos moi perto do seu tempo como para decatarnos de que serán mitos”, expón. Sobre isto, destaca a lenda que se “está a formular sobre a pandemia desatada pola Covid-19”, asevera. “Se repasamos un pouco o que se contou sobre este tema, o que agora son consideradas fake news, van creando especulacións na xente. Xeitos de transmisións, consecuencias da enfermidade ou o mito xigante de que nos poñen chips coas vacinas forman parte dos aspectos da nova mitoloxía que se está a crear na actualidade, pero é tan fresca que non somos capaces de separala. Pero isto vai decantar co tempo e quedará na memoria da xente estas ideas, que son única e exclusivamente mitos, ou fake news, como se di agora”, sinala Reigosa.”

Miriam Couceiro Castro: “Unha parte do feminismo ten presente Rosalía e outro identifícase con Pardo Bazán”

Entrevista de Gloria Montenegro a Miriam Couceiro Castro en Nós Diario:
“Desde que comezou a súa carreira en Socioloxía na Universidade da Coruña, Miriam Couceiro Castro (Ordes, 1985) “tiña claro que quería realizar unha tese sobre o feminismo e centrado nas mulleres galegas”, expresa en conversa con Nós Diario. Así foi que na mesma universidade realizou o seu doutoramento en Ciencias da Educación e de aí nace o libro que vén de publicar a editorial Galaxia, A Galiza feminista. Tebras e alboradas.
Na carreira coñece a Rosa Cobo, a súa profesora de Teoría Sociolóxica, quen lle espertou esa inquedanza feminista e “despois decateime de que aquí tiñamos unhas grandes referentes e que facía falta seguir investigando”. Ademais, descubriu, grazas ao feminismo, que “corría o perigo de afogar en min mesma, de non ter unha boa relación co meu corpo e incluso medir os obxectivos da miña vida por outras cousas que non son os propios desexos de liberdade”. A todo isto sumouse a película Criadas e señoras, “onde a protagonista preguntaba a mulleres negras a súa vida e, grazas a este filme, tiven claro que a miña tese tiña que ser baseada en historias de vida, neste caso, en mestras e o que elas me falaban”.
A Galiza feminista ten o obxectivo de “achegar o feminismo a todas as mulleres que, por calquera razón, ou non o comprenderon ou as asusta un pouco, a pesar de precisalo e, por outra parte, encher o feminismo, que tan atomizado está agora mesmo, cun pouquiño de afecto. Un afecto que nos una a todas as compañeiras que estamos nas rúas, nas manifestacións, nos sindicatos, partidos políticos e demais sectores da vida que ás veces viven enfrontados sobre este tema”.
Este libro serviulle a Castro para decatarse de que “existe un elitismo moi forte dentro do movemento, que existe moita intelectualización do discurso, e iso fai que moitas mulleres ‘se boten cara a atrás’ porque non comprenden”. Por iso a autora buscou crear “un nexo entre as academias e as rúas -a realidade das nosas nais e avoas- falando dos dereitos civís, políticos e sociais, da resistencia ao feminismo e as novas tendencias e desafíos, así como tamén realizando unha reflexión sobre o papel que teñen os homes no feminismo”.
De todos os aspectos que trata Castro no seu libro, o concepto de feminismo atomizado é o que máis sinxelo lle resultou realizar. “Este concepto xorde cunha conversa coa profesora María Pilar García Negro, quen trata a polarización do feminismo galego”, conta a escritora. “Hai unha parte que vai máis cara á esquerda e o nacionalismo, tendo o universo de Rosalía de Castro moi presente, e outra parte que se identifica co de Emilia Pardo Bazán. Logo tamén xorden outras historias como a eterna batalla entre as que pensan que a prostitución debería regularizarse e as que non queren nin oír nin falar disto, onde os enfrontamentos son bastante violentos en redes, ou mesmo as mulleres trans, onde existen pensamentos máis abertos e outros que non as identifican como mulleres, aquí tamén se discute sobre a eliminación de xénero”.
Estes son algúns dos aspectos “dos grandes bloques que nos están enfrontando unhas ás outras e ás veces están a darse respostas moi duais cando aínda queda moito por falar entre nós”, asevera Castro.
Malia a existencia desta dualidade e que “aínda queda moito por facer en prol do feminismo”, a escritora alberga unha “esperanza nas novas xeracións”. As rapazas novas “xa non queren ver estruturas tan verticais, queren algo máis horizontal, colaborador e conciliador”.
Sobre a situación actual do feminismo no país, Castro explica que existe un risco “tanto positivo como negativo”. “Calquera tipo de partido político galego ten a necesidade de utilizar o feminismo en todo momento, incluso a dereita precisa dicir que é feminista, malia que poden chegar a deslocalizar o concepto porque as políticas que seguen non son para nada feministas. Todo o mundo quere facer uso del con maior ou menor información ou implicación”.
Para Castro, entre as moitas cousas que quedan por facer a favor do feminismo, o esencial sería que “todas as mulleres nos sentásemos a falar e estabelecésemos unha serie de obxectivos e pautas a seguir que trasladásemos a todas as institucións”. Sobre esta “posíbel utópica reunión”, a escritora gustaríalle realizar unha segunda parte deste libro, mais centrada sobre as mulleres no ámbito rural, “que, como en moitos outros aspectos do noso día a día, é o ámbito que máis esquecido está no noso país”, conclúe.”