Josi Lage: “Precísase poñer en valor o feito de que o FETEGA sexa o único festival integramente dedicado ao teatro galego”

Entrevista a Josi Lage en Erregueté:
“Josi Lage anunciou que despois desta edición deixaba a dirección do Festival de Teatro Galego do Carballiño (FETEGA) para dedicarse de cheo á súa profesión de actriz. Nos moitos anos que leva á fronte deste encontro, o FETEGA medrou, mais a costa de pasar por moitas vicisitudes que ela tivo que enfrontar sen contar con axudas institucionais, só co apoio do seu equipo. A presente edición semella deixar atrás as ameazas que se cerniron sobre o encontro en anos anteriores, cando a continuidade estivo en perigo. Lage fai un balance do seu traballo nun festival que cumpre agora tres décadas. | Manuel Xestoso |
– Erregueté (E): Este ano o Fetega celebra o seu 30 aniversario, despois dos problemas do ano pasado e cun mellor orzamento nesta nova edición, como afrontaron esa dificultade?
– Josi Lage (JL): O feito de que este ano o concello case dobrase o orzamento, coas axudas da AGADIC e o apoio tanto da Deputación, que sempre está, como da empresa Montañesa e os establecementos do Carballiño que colaboran con nós, a vida vese doutra cor. O Festival estivo a piques de desaparecer en dúas ocasións e sempre tivo que ver coa falta de axudas de Agadic; e o ano pasado pasámolo realmente mal. Somos o único festival de teatro galego, exclusivamente en lingua galega, e é unha mágoa que iso ás veces non se considere como un valor. Nós tratamos de ser fieis ao noso nome e ser profesionais. Iso require tempo, require unha programación e require un esforzo durante todo un ano. No Fetega non temos a sorte doutros festivais subscritos a un concello que pon o seu persoal e os seus técnicos en funcionamento. Nós contamos cun equipo que fai todo e que leva 30 anos sacando este proxecto adiante. É difícil pero estamos satisfeitos de que todo o que fixemos é pola xente, polo Carballiño e polos compañeiros que teñen unha praza máis onde mostrar en verán os seus traballos. Que o festival desaparecera ou que estivese a piques de desaparecer, a min doíame sobre todo polos compañeiros, independentemente do traballo de tantos anos. Que non se tivera en conta no seu momento, evidentemente, a min fíxome sacar as unllas. Pero tamén son unha persoa agradecida e se digo cando as cousas non están ben, tamén as teño que dicir cando están ben e estoume referindo tanto ao apoio de Agadic como polo feito de que o concello dobrase o orzamento este ano.
– P: De feito, na rolda de prensa do luns apelaban á vontade das institucións para que o festival non dependese dos vaivéns políticos.
– JL: Ten que estar claro e sempre o tivemos claro e é que o festival non podía politizarse. Soa político o de dicir que isto é do pobo e para o pobo, pero concibiuse así, como se concibiu a MIT en Ribadavia. Entón imos respectar esa idiosincrasia e imos a respectar a lingua galega. Non é de ninguén máis, de ningún partido político e imos loitar para que se siga mantendo así. É unha das cousas que máis teño en conta de cara á sucesión: que non se politice e que siga no Carballiño. Que despois siga medrando e que se poida algunha parte noutra cidade, estupendo porque eu aspiro a que a persoa que veña o faga medrar. Ese polbo, nunca mellor dito, con ese concepto estamos traballando agora. O epicentro é o Carballiño pero pode haber tentáculos que se estendan. Eu quero que o festival medre e eu creo que a persoa que veña o vai conseguir.
– P: Aínda que está fóra do programa, como valoras o que esta sucedendo agora no FITO?
– JL: Unha tristeza. Tanto a nivel particular como a nivel de festival porque son compañeira, e porque eu estiven nesa situación. Eu sei o que doe non ter as axudas, non ter as colaboracións das institucións e esa é unha das cousas que a min máis me cansaron nestes 20 anos de traballo; lidar coas autoridades é o máis duro.

O que lle pasa ao FITO é inconcibible. Un festival que leva tantos anos que leva e que é un referente a nivel galego en que ser apoiado. O concello debería facelo a súa bandeira. Dóeme a súa situación do FITO e gustaríame mostrarlles o meu apoio como compañeira e como directora do festival de teatro galego. (…)”

Premios no Festival do Teatro Galego do Carballiño en 2019

Desde Sermos Galiza:
“A 30ª edición do Festival de Teatro Galego ‘Celso Parada’ (Fetega) do Carballiño puxo esta sexta feira o ramo á súa edición de 2019, que se celebrou na primeira semana de setembro. A entrega do seu premio de honra ao actor e cofundador da compañía Chévere Miguel de Lira, pola súa achega “imprescindíbel” ao mundo das artes escénicas marcou o acto de clausura.
Non foi o único premio entregado na gala de feche do Fetega. Así, o xurado escolleu como mellor monologuista a Pepo Suevos, 4 segundos da compañía ÍO recibe o galardón a Mellor Espectáculo de Rúa, Machi Salgado a Mellor Actor e Patricia Vázquez a Mellor Actriz. Curva España, da compañía Chévere leva o premio a Mellor Espectáculo.
O Fetega do Carballiño fai tres décadas. Cinco compañías conformaron o groso da programación da edición número 30, do 2 ao 6 de setembro e que tamén incluíu monólogos, novo circo e animación de rúa. Este ano ampliou o seu nome e pasa a chamarse Festival de Teatro Galego Celso Parada.”

Miguel de Lira, Premio de Honra do FETEGA do Carballiño

Desde Erregueté (foto do autor: Rosinha Rojo):
“A 30ª edición do Festival de Teatro Galego (Fetega), que se celebra dende o día 2 ata o 6 de setembro no Carballiño, entregará o seu premio de honra ao actor e cofundador da compañía Chévere Miguel de Lira, pola súa achega “imprescindible” ao mundo das artes escénicas.
Así o explicou este luns a directora do evento, Josi Lage, durante a rolda de prensa de inauguración do Festival. Na mesma, a actriz volveu a anunciar a súa retirada da dirección do Festival e asegurou o “compromiso total” de que o Fetega continúe celebrándose no Carballiño, como un do requisito que deberá adquirir o seu predecesor ou predecesora no cargo, aínda por coñecer.
Na mesma liña, pediu á Axencia Galega dás Industrias Culturais (AGADIC), o Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e as empresas e establecementos privados que continúen coa súa colaboración para facer posible a continuidade do festival. A este respecto, Lage non puido evitar lembrar que a pasada edición “pasaron un mal momento e o festival resentiuse”, cando Agadic non colaborou co mesmo. Por todo iso, agradeceu a achega de 15.000 euros este ano e pediulles que sigan na mesma liña.
Neste contexto, a xefa territorial de Cultural e Turismo de Ourense, en representación de Agadic, recolleu a testemuña despois de destacar que se trata dunha “cita obrigada para os amantes das artes escénicas” e un “reclamo para que a cidadanía consuma cultura”.
Durante a convocatoria tamén estiveron presentes varios membros do xurado que entregará os premios do Festival. Un “xurado de altura”, como os definiu Josi Lage, cunha “tarefa complicada”.“Os grupos e compañías participantes son do mellor do noso teatro galego”, explicou Mariana Carballal, para a continuación agradecer o traballo de Josi Lage para converter ao festival xa “maduro” en todo un “referente”, con “moitas posibilidades para ser viable”.”

O FETEGA do Carballiño pasa a chamarse Festival de Teatro Galego Celso Parada

Desde Erregueté:
“Inclúe unha ducia de citas con destacadas compañías galegas, ademais de monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.
O Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño anunciou hoxe a súa programación, nunha edición que marca o trixésimo aniversario da súa existencia. A dirección do festival carballiñés rende homenaxe ao recentemente falecido Celso Parada rebautizándoo como Festival de Teatro Galego Celso Parada.
Unha ducia de compañías de teatro e de novo circo danlle forma ao cartel deste ano, que se despregará en diferentes espazos da localidade do 2 ao 6 de setembro e inclúe, así mesmo, actividades paralelas como monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.
Cinco compañías conforman a programación que acollerá o Auditorio Municipal: Iria Pinheiro con Anatomía dunha serea o 2 de setembro; Contraproducións con A compañeira de piso o día 3; Chévere con Curva España o día 4; Redrum Teatro con Idiota o día 5; e Enconarte Producións con Monstuación o día 6.
A estas función do Auditorio súmanse ás do anfiteatro da Veracruz con varios espectáculos de novo circo, clown e maxia: Catro segundos, da compañía IO o día 2, Don Gelati de Dani García o día 3, Cartoons de PT Excéntricas o día 4, Lume de Asacocirco o día 5 e 4.0 de Sue Moreno o día 6.
Ademais, na Casa da Cultura, haberá monólogos cómicos a cargo de Xan Veiga (día 2), Fran Campos (día 3), Víctor Grande (día 4) e Pepo Suevos (día 5). No mesmo lugar, o mércores 4 ás 12:00, Raquel Queizás presentará Toin toin, un espectáculo de contos con monicreques de mesa acompañado de instrumentos musicais sinxelos para gozo dos máis pequenos da casa e os seus pais.
Como en anos anteriores, o programa complétase cunha serie de actividades paralelas, entre as que se atopan pasarrúas diarios a cargo da compañía Barafunda, dous obradoiros de interpretación a cargo de Fernando Tato e Nekane Fernández e un coloquio de creadoras baixo o título Arte con nome de muller o venres 6, no que participarán a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, as actrices Belén Constela e Iolanda Muíños, a escenógrafa e iluminadora Silvia Penas, a dramaturga e directora da erregueté Vanesa Sotelo e a directora de escena Ánxeles Cuña, baixo a moderación de Inma López Silva.
A trixésima edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño pecharase na noite do venres coa gala de entrega dos premios Dorotea Bárcena, que será presentada pola directora e actriz Marián Bañobre no Auditorio Municipal.”