“Un veleiro nunha caixa de mistos”, por Beatriz Maceda Abeleira

Reproducimos a continuación o artigo elaborado por Beatriz Maceda Abeleira, publicado en Nós Diario, co que o Consello Directivo da AELG se sente plenamente identificado:

“A tarde de Nadal está a piques de rematar e a luz do día é xa unha invisible visión na negrura do mar, teimando co murmurio da súa existencia. Estou escribindo, e como un pano que se pecha de súpeto, no que o público, desconcertado, non sabe se seguir sentado ou marchar, a voz do meu compañeiro rompe o silencio –faleceu Lino– e escoitei a túa gargallada sincera, cómplice. E lembrei un de tantos encontros, que sempre eran de ledicia e aprendizaxe.
Unha tarde de chuvisca, na rúa da Estrela, pousaches o teu brazo sobre os meus ombreiros e, acompañándome até a miña casa, falaches de Valle–Inclán, asubiaches unha melodía e recitaches eses versos de Lois Pereiro que te emocionaban até as bágoas —sigo os pasos do sangue no meu corpo/ e coa unlla do dedo máis firme/ abro un sulco vermello en media lúa/ na vea que me acolle tan azul.
A consciencia de estar calada até os osos, chegou moito despois, mentres, só importaban as túas palabras, o teu xeito de contar historias, de mesturar o pasado co que está por vir nese o teu corazón inconformista.
Ao despedirte, agasalláchesme cunha das túas caixas de mistos nas que agochabas veleiros cun punto vermello no horizonte. Ese costume durou até hoxe, que máis que nunca serán os meus tesouros e os de tantas outras persoas. Os nosos veleiros amarrados no porto da memoria.
Quen tivo a sorte de coñecer a Lino Braxe, ten a fortuna de levar tatuada a súa ollada, a súa voz, no espazo no que vive o querer do común. Lino era o artista que ao temón do seu veleiro ía acollendo tripulación, aperta tras aperta, para levarnos cara ese punto vermello no ceo.
Amaba a poesía como un xeito de vivir a vida, de entendela e facérnola entender. Quixera vivir dela, así o dixo en moitas ocasións, pero por máis que nesta terra agroman poetas como chorimas no mes de abril…

DELICATESSEN
Nun país coma o meu
os máis sensibles pasan por parvos
e os máis cultos son insensibles.
Por iso no meu país
se devora aos poetas
con ignorancia canibal.

Lino Braxe. Do seu libro Alaridos (accésit de Poesía Miguel González Garcés, 2006)

Non hai actividade artística que puxese cancelas a súa creatividade. Poesía, narrativa, música, pintura, dobraxe, espazos radiofónicos, dramaturxia… Debutou como cantante de ópera no Teatro Colón coas obras: A Traviata, A somnámbula e A Bohème. Mesturou, xunto con Rómulo Sanjurjo (Avenida Atlántica), o poema Negra Sombra de Rosalía cos ritmos reggae.
No teatro quedará para sempre ese primeiro Hamlet (2006) en galego. Xunto con Manuel Rivas, adaptou a obra baseada na tradución ao galego de Miguel Pérez Romero. No elenco estaban, entre outros, os actores e as actrices Luís Tosar, Miguel Pernas, Manquiña, Flor Maceiras, Iolanda Muíños, Víctor Mosqueira… Foi o seu un Hamlet que chegou ao público, porque esa era a conexión que sempre buscaba Lino. El, que gustaba da soidade como da vida, coa mesma intensidade, establecía a súa comunicación nos escenarios, coas súas actrices e actores do teatro amador. Na actualidade, dirixindo a Compañía de Teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda.
Tamén fixo adaptacións doutros textos: A soldadeira, de Luís Seoane, do que era grande admirador e estudoso da súa obra, así como O paseo das esfinxes, de Luísa Villalta. Da súa autoría son Inverno Occidental (2012) Edit. Laiovento; A Actriz (1991) Gañadora do Teatro Breve do Facho; A promesa (1991) Edicións do Castro.
Lino, irmán, poeta, é tan difícil non volver falar de ti, da persoa! A túa ausencia golpea, como neste preciso instante, as gotas de chuvia no cristal da xanela.
É vinte e seis de decembro, saio do tanatorio, ese non lugar, e sinto que nos apertas a todas, e escoitamos a túa voz:
— Ollade, irmás, irmáns… alá, no horizonte… os mastros do veleiro do Vizconde de Mendiá!
E aperto na miña man a derradeira caixa de mistos que leva dentro un veleiro, cun círculo vermello no horizonte.
Até sempre, Lino!

Beatriz Maceda Abeleira. Escritora. Vogal da AELG pola Coruña.”

O FETEGA do Carballiño pasa a chamarse Festival de Teatro Galego Celso Parada

Desde Erregueté:
“Inclúe unha ducia de citas con destacadas compañías galegas, ademais de monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.
O Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño anunciou hoxe a súa programación, nunha edición que marca o trixésimo aniversario da súa existencia. A dirección do festival carballiñés rende homenaxe ao recentemente falecido Celso Parada rebautizándoo como Festival de Teatro Galego Celso Parada.
Unha ducia de compañías de teatro e de novo circo danlle forma ao cartel deste ano, que se despregará en diferentes espazos da localidade do 2 ao 6 de setembro e inclúe, así mesmo, actividades paralelas como monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.
Cinco compañías conforman a programación que acollerá o Auditorio Municipal: Iria Pinheiro con Anatomía dunha serea o 2 de setembro; Contraproducións con A compañeira de piso o día 3; Chévere con Curva España o día 4; Redrum Teatro con Idiota o día 5; e Enconarte Producións con Monstuación o día 6.
A estas función do Auditorio súmanse ás do anfiteatro da Veracruz con varios espectáculos de novo circo, clown e maxia: Catro segundos, da compañía IO o día 2, Don Gelati de Dani García o día 3, Cartoons de PT Excéntricas o día 4, Lume de Asacocirco o día 5 e 4.0 de Sue Moreno o día 6.
Ademais, na Casa da Cultura, haberá monólogos cómicos a cargo de Xan Veiga (día 2), Fran Campos (día 3), Víctor Grande (día 4) e Pepo Suevos (día 5). No mesmo lugar, o mércores 4 ás 12:00, Raquel Queizás presentará Toin toin, un espectáculo de contos con monicreques de mesa acompañado de instrumentos musicais sinxelos para gozo dos máis pequenos da casa e os seus pais.
Como en anos anteriores, o programa complétase cunha serie de actividades paralelas, entre as que se atopan pasarrúas diarios a cargo da compañía Barafunda, dous obradoiros de interpretación a cargo de Fernando Tato e Nekane Fernández e un coloquio de creadoras baixo o título Arte con nome de muller o venres 6, no que participarán a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, as actrices Belén Constela e Iolanda Muíños, a escenógrafa e iluminadora Silvia Penas, a dramaturga e directora da erregueté Vanesa Sotelo e a directora de escena Ánxeles Cuña, baixo a moderación de Inma López Silva.
A trixésima edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño pecharase na noite do venres coa gala de entrega dos premios Dorotea Bárcena, que será presentada pola directora e actriz Marián Bañobre no Auditorio Municipal.”

Campaña de crowdfunding para Implícate! Noite de música e palabra solidaria, que terá lugar o 12 de xaneiro de 2014

Está xa na rede a campaña de crowdfunding para a celebración da edición de 2014 de Implícate! Noite de música e palabra solidaria, organizada por Implicadas no Desenvolvemento.

Data: Domingo, 12 de xaneiro de 2014. Ás 20:30 horas.
Lugar: Teatro Principal de Santiago de Compostela (Rúa Nova, 22).
Presentan: A poeta Yolanda Castaño e o actor Luís Tosar.
Organiza: A ONG galega Implicadas/os No Desenvolvemento.

Obxectivos do festival:
O obxectivo do Implícate! Noite de música e palabra solidaria, no que as/os artistas colaboran de xeito desinteresado, é facer un chamamento á solidariedade das galegas e galegos, unindo nesa noite a cultura galega e a solidariedade galega. O propósito principal deste evento é dar a coñecer o traballo desta organización de cooperación ao desenvolvemento, invitar ao público a ver o mundo con outros ollos, a reflexionar, e a cambiar o mundo, dende Galicia, dende a conciencia crítica e a acción clara. Igualmente, os cartos recadados con esta iniciativa destínanse integramente a financiar proxectos de cooperación para o desenvolvemento de Implicadas.
Esta iniciativa lévase a cabo dende o ano 2006 en colaboración co Concello de Santiago, co Teatro do Morcego e con outras organizacións e institucións galegas. Dende o 2007 celébrase sempre no Teatro Principal de Santiago de Compostela e conta coa colaboración desinteresada dos artistas así como dos presentadores do festival. Consulta un vídeo resumo do festival Implícate! no 2013.
Ao longo da noite do Implícate!, o público pode gozar das actuacións dos artistas galegos e coñecer a filosofía de traballo de Implicadas, o tipo de proxectos de cooperación ao desenvolvemento que está a levar a cabo en comunidades do Sur e as actividades de sensibilización e concienciación que realiza no ámbito galego.

Este ano o cartel do Implícate! Noite de música e palabra solidaria está formado por:
MÚSICA:
Najla Shami.
Doa.
Ataque Escampe.
DANZA
Druída Danza.
LITERATURA
Olga Novo.
Cesáreo Sánchez.
Elvira Riveiro.
Daniel Salgado.
TEATRO
Camila Bossa e Iolanda Muíños.
David Perdomo.