Arquivos da etiqueta: Iñaki Varela Pérez
Xosé Iglesias gaña a 9ª edición do Premio Victoriano Taibo de Poesía
“O xurado do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Iñaki Varela e Miguel Anxo Mouriño, acaba de acadar o acordo de concederlle o galardón ao poeta fisterrán de Cee Xosé Iglesias Lamela polo poemario titulado A relixión do mar. Trátase dun libro que, sen abandonar a linguaxe poética, constitúe un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar. Desfilan por estas páxinas aparellos, artes de pesca, coñecementos de navegación, embarcacións, carpintería de ribeira, lugares, sucesos e un grande etcétera que o autor aproveita habilmente rebordando a súa intención didáctica e presentándonos, a través de imaxes ricas e suxestivas, un proxecto de vida na que cicela a súa propia identidade. Versos con recendo a marusía que evidencian coñecemento profundo e vivencia delongada do mundo mariño nesta “homenaxe á fe infinita que teñen os nosos mariñeiros por este anaco de océano. Unha fe a se representar en distintos rituais que van converxendo ao longo da costa e do tempo”, en palabras do autor que participou con temas tamén relacionados co mar nun feixe de publicacións colectivas ademais de contar cun poemario propio, Transfusión oceánica, editado por Caldeirón en 2014.”
Do outro lado das portas, primeiro libro de poemas de Iñaki Varela
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Con este poemario gañou o VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
O vigués Iñaki Varela Pérez gaña o VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns
Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local Menor de Morgadáns acadou este ano unha importante participación, como vén sendo costume dende a súa institución, con corenta e dous orixinais presentados. Na primeira quincena de setembro reuniuse o xurado, que resaltou a importante calidade de moitos deles e elixiu, en primeiro lugar, as obras finalistas, que resultaron ser as citadas a continuación por orde de entrada, as que ostentaban os seguintes títulos e lemas ou pseudónimos:
– Camuflaxe (Campos de néboa eléctrica).
– Exhumación.
– Do outro lado das portas (O Miño).
– Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (Vita da Vita).
– Culpable (Nüwa).
A continuación acordaron concederlle o galardón desta convocatoria ao poemario titulado Do outro lado das portas valorando que estamos ante un libro que trata os temas máis actuais dende unha perspectiva social, nunha especie de épica actual, en que o autor nos dá a súa particular visión do que nos preocupa hoxe sen que os poemas se resintan na súa construción lírica. A cidade de Vigo ou o Miño adquiren personalidade propia neste poemario que engancha a lectura dende as primeiras páxinas.
O autor da obra premiada é Iñaki Varela Pérez, natural de Vigo cidade na que exerce como profesor de Xeografía e Historia. Afeccionado á literatura dende moi novo, este é, non obstante, o seu primeiro libro, que será publicado polo IEM na súa colección Victoriano Taibo como parte do premio acadado, consistente, ademais, en tres mil euros en metálico, unha peza escultórica conmemorativa, obra do artista miñorán Fino Lorenzo, e a presentación do autor e o poemario nunha gala que se celebrará ao longo do mes de novembro, en data que se anunciará oportunamente.”