Gondomar: obradoiro Na agra da poesía, impartido por Javier Rodríguez González

Desde o Instituto de Estudos Miñoráns:
“O Instituto de Estudos Miñoráns, coa colaboración do Concello de Gondomar, organiza o obradoiro literario Xeracións de poesía, impartido por Javier Rodríguez González, gañador do XIV Certame de poesía Victoriano Taibo.
O obradoiro, de carácter gratuíto, comezará ás 11 horas do sábado 14 de xaneiro de 2023, na sede do IEM en Gondomar.
A esta sesión presencial seguiranlle 6 sesións online, todos os luns de 18 a 20 horas. O obradoiro pecharase o sábado 11 de marzo cunha derradeira sesión presencial. O prazo de inscrición comeza o luns 2 de xaneiro e permanecerá aberto ata completarse as prazas dispoñibles.
Preténdese que o obradoiro sexa eminentemente práctico, onde as/os asistentes poidan crear novas composicións ou incluso mellorar as que xa teñen, mediante o análise e uso das técnicas que levaron a Javier a vencer na última edición do xa senlleiro certame miñorán.
O grupo PUGA do IEM espera que o obradoiro serva tanto para a promoción do uso do idioma galego mediante a poesía así como a creación dunha canteira de poetas da que poidan saír futuras/os participantes e gañadoras/es do Certame de poesía Victoriano Taibo.
As inscricións faranse preferentemente no formulario da ligazón seguinte.
En caso de ter algún problema pódese chamar ao número de teléfono 687553651 para recibir axuda.”

Javier Rodríguez González gaña o XIV premio de Poesía Victoriano Taibo

Desde Editorial Galaxia:
“Reunido o xurado do XIV premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado polas escritoras Marica Campo, Oriana Méndez e Arancha Nogueira, gañadora da edición anterior; así como polo escritor e editor Marcos Calveiro, en nome da Editorial Galaxia e tamén por Miguel Anxo Mouriño, en nome do IEM, resolve por maioría que o libro gañador desta XIV edición sexa o presentado co título Xeración (Breve tratado de males inespecíficos), que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Javier Rodríguez González.
O xurado valora que a obra constitúe a crónica dunha xeración que se trascende a si mesma, chegando a expresar un auténtico manifesto contra a cultura da cancelación na medida en que a memoria, tamén a recente, marca o momento actual e proxéctase nun diálogo cara ao futuro. O poemario contén un alto interese histórico-cultural, ao mesmo tempo que se expresa cun léxico depurado e un ritmo áxil, ofrecendo unha proposta poética do devalar da existencia.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas As palabras do sur, 831-urb, Para a misa do can esta torsión e Porque a noite é longa e é a noite.”

Santa Baia das Donas (Gondomar): presentación de Arquitecturas de intermediación no Val de Miñor. Cruceiros e petos de ánimas, de Antonio Soliño Troncoso e María Xosé Pérez González

O 23 de setembro, ás 19:30 h, na igrexa Santa Baia das Donas, municipio de Gondomar, preséntase Arquitecturas de intermediación no Val de Miñor. Cruceiros e petos de ánimas, de Antonio Soliño Troncoso e María Xosé Pérez González, publicado polo Instituto de Estudos Miñoráns.