Vigo: presentación de Sete de Biblos

O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno), preséntase o libro Sete de Biblos, obra que recolle cadanseu relato das cinco autoras e dous autores que gañaron as primeiras edicións do Premio Biblos-Pazos de Galicia: Iria López Teijeiro, Alberto Ramos, Patricia Casas, Berta Dávila, Pablo García Martínez, Elena Veiga e Iria Morgade. O acto, ao que asistirán a maioría dos autores, será presentado por Agustín Fernández Paz e Tucho Calvo.

Declarado deserto o 8.º Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela para menores de 25 anos

“O fallo, de carácter unánime, foi dado a coñecer na cea anual celebrada na Casa Grande do Bachao na tarde-noite do venres 20 de xullo con asistencia de máis dun cento de persoas entre as que figuraban representantes de todos os sectores da cultura do país. O xurado, do que formaban parte a escritora María Xosé Queizán, que sería a titora desta edición, Iria Morgade como gañadora da anterior, e Tucho Calvo, lamentou a baixísima participación rexistrada “cando vivimos tempos en que a cultura e a imaxinación son máis necesarias que nunca” e, compartindo coa organización que “quizais non se acertou este ano na comunicación das bases á mocidade”, fixo un chamamento “á colaboración de cantas persoas poidan estar en contacto coa xuventude para acadar unha maior participación nos vindeiros anos”.
Antes de se servir a cea e da actuación do dúo formado por Dorothea Nicholas, violín da Orquestra Sinfónica de Galicia, e Fernando Gracia Gómez, profesor de frauta no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, deuse a coñecer o gañador do 4º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura, que organiza a asociación Pazos de Galicia. O galardón, que visualiza unha escultura do artista Luís Loureira, correspondeu a Alfonso Blanco Torrado, no que se recoñece un traballo de décadas tanto no campo social como na cultura de base, en especial en varias parroquias do concello de Guitiriz.” Desde Biblos Clube.

Pontevedra: presentación-debate de Verbas no ar, de Iria Morgade

O venres 9 de marzo, ás 19:30 horas, na Libraría Paz (Rúa da Peregrina, 29) de Pontevedra, terá lugar unha presentación-debate sobre a novela Verbas no ar, de Iria Morgade, obra gañadora do VII Premio Biblos. Este encontro pretende crear un lugar de debate, de encontro de ideas e de reflexión. O encontro comezará cunha breve proxección documental, seguido dun pequeno diálogo coa novela.

Santiago: presentación de Verbas no ar, de Iria Morgade

O xoves 19 de xaneiro 2012, ás 20:0 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Verbas no ar, gañadora do VII Premio Biblos-Pazos de Galicia de Novela, de Iria Morgade, publicada por Biblos. No acto intervirán, xunto á autora, Tucho Calvo, Elena Veiga Rilo e Pablo García Martínez.

Iria Morgade: “Textos curtos e condensados parécenme o máis apropiado para unha literatura activa”

Entrevista a Iria Morgade en Letra en Obras:
“Iria Morgade Valcárcel (Pontevedra, 1988) vén de rematar a última versión da súa novela Verbas no ar, que usa as revoltas do último ano en diferentes sociedades asfixiadas para tecer un relato no que pretende explicar que “a humanidade ten algo en común”. A novela serviulle para gañar o VII Premio Biblos – Pazos de Galicia e estará nas librarías do país antes do nadal, despois de ter colaborado na fase final co escritor Xabier P. Docampo. Estudou Ciencias Políticas entre Compostela e Madrid e cando fala sobre a formación da afección á lectura recoñece que “de pequena sempre me gustou moito e a miña nai gústalle moito escribir polo que collo dela o gusto pola literatura, como tamén o gusto de escribir”. Desfruta lendo e se lle pedimos que chame a atención sobre xente que escribiu libros nos que naufragou felizmente di Lovecraft, Kundera, Ferrín, Auster, Fernández Paz, Rosalía ou Celso Emilio Ferreiro.
– Letra en Obras (LeO): De que maneira pode contribuír a literatura a cambiar o mundo?
– Iria Morgade (IM): Non se trata de abrir mentes, porque iso é un proceso propio de cada un pero axuda a reflexionar, ás veces utilizando as situacións límite para que se faga remover algo. Eu estudei políticas e vendo como a xente tenta concienciar doume conta de que ás veces é metódico, pouco atraente, unha simple exposición de ideas, máis de tese que outra cousa. Aí é onde xoga a literatura, ofrecendo un achegamento diferente.
– LeO: Que efecto pretendes producir no lector cando escribes?
– IM: Concienciar non é unha palabra que me guste, porque vexo que ten algo de imposición para que a xente pense dunha forma ou outra. Pero si que, ás veces, eu vexo as cousas dunha maneira clara e simple e tento achegar esa visión xa que ás veces semella que todo ao redor complica a nosa mirada, hai moito ruído que nos impide chegar ao fondo. As situacións límite axudan porque hai cousas que nós agora vemos máis difuminadas e podemos atopar nas situacións límite paralelismos nos que non pensaramos. (…)”

Iria Morgade gaña o 7.º Premio Biblos-Pazos de Galicia coa obra Verbas no ar

‘Iria Morgade Valcárcel, unha moza de Poio (Pontevedra) de 23 anos que vén de licenciarse en Políticas en Madrid, é a gañadora do 7º Premio Biblos-Pazos de Galicia que se fallou o 22 de xullo do 2011 no transcurso da tradicional cea que reúne cada ano na Casa Grande do Bachao (a quince quilómetros de Compostela) a máis dun cento de persoas relacionadas co mundo da cultura e do sector turístico galegos. O premio achégalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela coa colaboración de Xabier P. Docampo como titor e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano. (…)
A novela Verbas no ar, da que é autora Iria Morgade Valcárcel, resultou gañadora por unanimidade ao considerala o xurado unha obra “actual e oportuna que procura relacionar as revoltas nos países do norte de África coa actitude de descontento e protesta da xuventude protagonista dos movementos que estamos a contemplar no noso entorno”. Para o xurado, integrado por Xabier P. DoCampo, Elena Veiga e Tucho Calvo, “a obra está escrita cunha vocación de estilo que acode a unha linguaxe directa, construída cunha disposición do texto baseada nas frases curtas e nos parágrafos de pouca extensión, que procuran máis a suxestión cá descrición. Seguindo un estilo case propio do panfleto, por agresivo, mesmo incendiario, Iria Morgade sabe o que fai disparando verbas ao ar”. Segundo o fallo, Verbas no ar “amosa o texto que as florituras non son necesarias para que nos desgarre, abríndonos os ollos ante un mundo en conflito a golpe de linguaxe tweet. E a autora sabe tamén que son tempos de combate, de manifestarse contra a inxustiza, como ela o fai a través das palabras dun Ayat que sufre lonxe pero que o sentimos preto grazas a ese certo ton de crónica que impregna a novela”. Verbas no ar, engade, “zóupanos con imaxes duras, facéndonos partícipes á forza dunha novela real. Percíbese tamén a tentativa da autora da incitación á loita, filosofando sen cortapisas, e instigándonos a filosofar a nós tamén. Así, o sabor agridoce que nos deixa a súa lectura é un dano colateral necesario, como moitos dos que sufren os personaxes. E, á fin e ao cabo, estes danlle voz a un manifesto que debera ser universal…”. O xurado “valora tamén positivamente os outros traballos finalistas e anima a Iria Ameixeiras Cundíns e a Andrés Carrasco Solla a rematar os seus respectivos proxectos dadas as moitas posibilidades que se apuntan neles”. Ambos autores recibiron cadansúa placa como finalistas. E Fina Casalderrey e Xabier P. Docampo recibiron cadansúa escultora creada por Ramón Conde para os titores do premio. O acto concluíu coa entrega doutro galardón, o 3º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura, que organiza a asociación Pazos de Galicia e que visualiza unha escultura do artista Luís Loureira, que este ano correspondeu ao exconselleiro Vázquez Portomeñe polo seu labor de recuperación do Camiño de Santiago.’ Vía Biblos Clube.