Xosé Neira Vilas: “José Martí ten moitas referencias a Concepción Arenal e Pardo Bazán”

EntrevistaXosé Neira Vilas a Xosé Neira Vilas en La Voz de Galicia:
Xosé Neira Vilas (Gres-Vila de Cruces, 1928) é moito máis que Memorias de un neno labrego. É a memoria de moitos persoeiros: Nicolás Guillén, Alejo Carpentier, Ernesto Che Guevara, Luís Seoane, Díaz Pardo… Con moitos deles mantivo correspondencia: «Pero por cada unha das súas cartas hai tres miñas, porque eu quería saber moitas cousas», dicía onte. «O número non importa moito», asegura, pero vai polos 50 libros publicados, «contando as traducións». Os dous volumes últimos presentounos onte na Feira do Libro da Coruña: Isaac Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade (Edicións Bolanda) e Días de Cuba (Galaxia).
– La Voz de Galicia (LVG): Son as lembranzas de Cuba?
– Xosé Neira Vilas (XNV): É a memoria dos meus 31 anos na illa de Cuba, da vida laboral, xornalística, sindicalista, a relación co Che Guevara… (…)
– LVG: ¿Desde cando coñecía a Isaac Díaz Pardo?
– XNV: Coñecino en Arxentina no ano 1955 e estiven na fábrica de cerámica que fixo nas aforas de Bos Aires. Logo reencontramos aquí, en Galicia, e a miña compañeira, Anisia Miranda, e mais eu vivimos ano e medio en San Marcos; alí ten alí habitacións e ocupámolas nós mentres facían a nosa casa en Gres. Foi unha experiencia moi rica. Logo presenteino varias veces, demos conferencias conxuntas e no libro aparece tamén o que dixen o día do seu enterro en Santiago.
– LVG: Escribíanse moito?
– XNV: Son 110 cartas que me mandou e acumulei e 175 que eu lle mandei a el; é a correspondencia de medio século, onde está toda a vida cultural, política e social de Galicia. Eu faláballe de Cuba, que lle interesaba moito como era a evolución institucional xa que todo era novo, e el falábame do que estaba pasando entonces en Galicia, o que eu quería saber. (…)
– LVG: Segue escribindo?
– XNV: Ata que o corpo aguante. Estou con Roi Casal traballando nunhas letras. E teño un libro disco con poemas e cancións cantadas por Galinova que se titula Cantos de sol a sol e sairá en setembro. E Mini e Mero tamén están con cantos de emigrantes de retorno.”

A Coruña: actos literarios destacados do venres 8 na Feira do Libro

OFederación de Librarias de Galicia venres 8 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:

19:00 h. Xosé Neira Vilas fará a presentación dos seus libros Isaac Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade, publicado por Bolanda e Días de Cuba, publicado por Galaxia. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares dos libros e do resto da súa obra.
20:00 h. Lemos, cantamos, gozamos. II Semana da música infantil da Coruña. Xiqui Xoque Fiú Fiú!, de María Fumaça.
20:00 h. O escritor Francisco X. Fernández Naval presenta o seu libro As crebas, outro xeito de andar ao mar, publicado por Baía Edicións, con fotografías de Maribel Longueira. No acto participan, xunto aos autores, Manuel Rodríguez e Belén López Vázquez.
21:00 h. Presentación do libro Salseiros, do actor e escritor Suso Lista, publicado por Edicións Embora.