No reino da mourindade, por Armando Requeixo

Recensión de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Como cada ano destes últimos ―e vai alá xa un lustro, que neste paisiño de noso non é cativa cifra― a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega publica un novo número da súa revista Escrita Contemporánea recollendo as intervencións das Actas das V Xornadas de Literatura de Tradición Oral, coorganizadas pola propia a AELG e mais a AS-PG co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.
Nesta ocasión, o volume leva por subtítulo o que foi tema do congreso que tivo lugar o pasado mes de outubro en Lugo, isto é, Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, tema apaixonante onde os haxa para todos os interesados nesta cuestión etnográfica, histórica, mitolóxica e literario oral que vertebra un dos mitos perennes da nosa cultura.
Para disertar sobre este particular os organizadores do evento (os industriosos Isidro Novo e Antonio Reigosa) convocaron desta volta o antropólogo, escritor e músico Rafael Quintía Pereira; o tamén antropólogo e comunicador Alexandre Parafita, profesor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; a historiadora e investigadora arqueolóxica Mar Llinares García, docente na Universidade de Santiago; e mais o filólogo e responsable do Arquivo de Tradición Oral do Muséu del Pueblu d’Asturies Jesús Suárez López.
Quintiá Pereira dedicou a súa intervención aos Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos. Na súa longa e moi documentada disertación tentou clarificar como xorde o mito da mourindade, quen son os mouros, onde viven, cal é a utilidade deste mito, quen son as mouras, de que atributos se revisten, cal é o seu hábitat e a súa escatoloxía e que relación poden ter coas Tríades, virxes ou deusas primitivas.
Pola súa banda, Parafita centrou o seu relatorio nos Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementariedades, detallando con acuidade como se foron tecendo eses pretos viortos que unen os ‘mouros’ históricos (é dicir, os invasores árabes) cos mouros mitolóxicos, atribuíndo a estes últimos características negativas nunha clara campaña de desprestixio cara aos primeiros.
A profesora Llinares García ilustrou os asistentes sobre Mouras e mulleres. As imaxes femininas na mitoloxía popular galega, unha moi interesante comunicación que deixou claro a figura mítica da moura foi deliberadamente empregada dentro da cultura de noso para desenvolver todo un programa sociodidáctico de como deben ser as mulleres e como non deben ser, de cal debe ser o seu comportamento xenérico e/ou sexual e que se espera delas no seo da comunidade.
Por último, Suárez López disertou sobre Os mouros e os seus tesouros no imaxinario popular asturiano, achegando valiosos datos orais e literarios sobre a presenza destes neste territorio irmán e analizando a súa función e características sobre todo en relación ao subtema da procura de tesouros.
O libro complétase coa transcrición dos longos diálogos suscitados a través de dúas mesas redondas, os limiares e saúdas de rigor e uns anexos nos que se reproducen o Seminario de conclusións, os Datos biográficos dos/as intervinientes, un mínimo Apéndice fotográfico e unha sucinta Bibliografía.
Este número de Escrita Contemporánea dedicado a Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular (que, como noutras ocasións, incorpora un dvd coa gravación de todas as xornadas) é un perfecto vademecum co se guiar polo complexo e fascinante mundo da nosa mourindade, territorio meigo e imprevisible que segue a cativarnos, imperecedoiro, neste novo milenio.”

Lugo: V Xornadas de Literatura de Tradición Oral: Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, o 19 e 20 de outubro

As V Xornadas de Literatura de Tradición Oral, baixo o lema Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, organizadas pola Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co patrocinio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e a colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, terán lugar o venres 19 e sábado 20 de outubro no Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).
Coordinadas por Antonio Reigosa e Isidro Novo, teñen como obxectivo revisar os avances que as novas investigacións foron achegando sobre este amplo tema.

Obxectivos previstos:
•Identificar os seres míticos mouras e mouros como expresión simbólica singular da cultura popular galega e doutras culturas populares.
•Identificar o pouso destes seres míticos na toponimia, orografía, nos xacementos de interese arqueolóxico e, en xeral, na memoria cultural colectiva.
•Analizar o vencello da nosa mitoloxía popular coa nosa historia, nomeadamente os relatos de mouras e mouros coas manifestacións culturais das épocas prerromana e romana.
•Compresión do poder da narración oral como sistema básico e imprescindible de comunicación cultural.
•Capacitar o profesorado para comprender e transmitir os valores da nosa cultura e da nosa mitoloxía popular, así como a súa potencialidade para a educación en valores e a integración do alumnado procedente doutras culturas.

Metodoloxía que se vai empregar:
•Análise temática e simbólica das lendas de mouras e mouros: claves para a súa interpretación.
•Estudo dos tipos e subtipos destes relatos.
•Análise da función destes relatos de mouros e mouras na sociedade actual rural e urbana.
•Incentivar o traballo de campo: metodoloxías a empregar para a recompilación, arquivo e divulgación destas narracións transmitidas oralmente.

Hai dous modos de inscribirse, ambos gratuítos:
1. No caso de facer parte do profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario. Está solicitada a homologación ante a Consellaría de Educación por 10 horas, e a matrícula, que seguirá o criterio de orde de inscrición, é preferente para Socios/as da AELG e da AS-PG. A matrícula farase desde hoxe até o 16 de outubro de 2012 a través desta web.
Para as persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación resérvanse 25 prazas.
2. Para o resto das persoas a entrada é libre, e poderán solicitar antes do día 16 de outubro en oficina@aelg.org a emisión por parte da AELG dun certificado de asistencia.

PROGRAMA

19 de outubro, venres
17:00 h.- Acto de inauguración.
17:15 h.- Conferencia: Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos, por Rafael Quintía.
18:30 h.- Conferencia: Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementariedades, por Alexandre Parafita.
De 20:00 a 21:00 h.- Mesa redonda: Imaxinarios compartidos, historias separadas. Con Rafael Quintía e Alexandre Parafita. Modera: Antonio Reigosa.

20 de outubro, sábado
10:00 h.- Conferencia: Mouras e mulleres: as imaxes femininas na mitoloxía popular galega, por Mar Llinares.
11:30 h.- Conferencia: Os mouros e os seus tesouros no imaxinario popular asturiano, por Jesús Suárez López.
De 13:00 a 14:00 h.- Mesa redonda: Mito e realidade: sexo e poder na cultura popular, con Mar Llinares e Jesús Suárez López. Modera: Isidro Novo.
De 16:30 a 18:30 h.- Seminario de conclusións.
Unha sesión práctica na que mediante o diálogo, a intervención e participación de relatores/as, asistentes e organizadores se poñen en común os coñecementos adquiridos sobre o tema. Atenderanse aspectos como a didáctica e a investigación, así como a narración de lendas relacionadas con mouros e mouras.

Moitas e moitos, sobre todo quen ten algún vencello coa Galicia rural, se preguntan desde ben pequenos quen eran esas mouras e eses mouros dos que tanto nos falaban os vellos.
Definición. A moura, dicíannos, fía, asolla o ouro que posúe, lava, tende, pode ser vella e xigante, aínda que case sempre é nova e boa moza. Está encantada e encanta, pois ofrece amor e riqueza a aquel que ouse desencantala. O mouro é o construtor, ou iso se di, de case todo o que nos deixou o pasado: castros, mámoas, petróglifos, castelos, túneles…, vive so a terra que nós pisamos, ten moito ouro e pode agasallar con el ao afortunado que se cruce no seu camiño.
A toponimia. En Galicia existen infinidade de topónimos relacionados con penedos, fontes, pozos, pontes, outeiros e, en xeral, case todos aqueles lugares con pegadas dos nosos devanceiros… que ‘deberon’ pertencer a algún mouro ou a algunha moura.
Hipóteses. Quen veñen sendo esas mouras e eses mouros? Serán as pegadas que se agochan na memoria colectiva de antiquísimas deidades? Serán os espíritos dos nosos devanceiros mortos? Serán un paradigma de nós mesmos, un retrato do ideal que anceiamos e non damos acadado? E por que lle chamamos mouras e mouros se quen os viu os describe coa figura dun humano, aínda que máis feita, de pel branca e beleza delicada? Os mouros e as mouras non son coma nós, son seres míticos, máxicos e enigmáticos, pertencentes a unha realidade, ou dimensión, diferente á nosa, dos que sempre falamos cunha mestura de medo e respecto, a medio camiño entre a incredulidade e a esperanza na súa verdadeira existencia. Os múltiples traballos de recompilación realizados ata o de agora por diferentes investigadores en épocas distantes achégannos retratos bastante precisos sobre onde moran, que fan ou que comen, como visten, como van e veñen, gustos, afeccións, habilidades, que artes e maxias dominan -e tamén os males que os afectan, as penas que os deprimen-. Reflíctese neles todo o humano, pero non son humanos, así que nos seguimos preguntando, quen veñen sendo esas mouras e eses mouros? Sempre que un mouro ou unha moura tratan algo con un humano, aparecen dúas condicións que para eles son innegociables: hai que gardar o segredo e hai que cumprir o acordado. Mais o humano, ou sexa nós, cada un de nós, endexamais somos quen de cumprir ese mandado. Será por iso, polo que non acabamos de entender en realidade quen son eses mouros e esas mouras? Só os poñentes que interveñen nestas V Xornadas de Literatura Oral, todos eles/as especialistas recoñecidos tanto en Galicia, como en Portugal e Asturias, son quen de darnos as respostas precisas. Só eles son quen de desvelarnos o misterio que envolve a figura destes máxicos enigmáticos que chamamos mouros e mouras.