Ourense: actividades destacadas do 4 de xuño na Feira do Libro 2021

O 4 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. David Navarro asina O soño de Liam, publicado por Excellence Editorial.
19:00 h. Arancha Nogueira asina A mestra corremundos, publicada por Cuarto de inverno, e #hashtags para un espazo / confinamento agónico, publicada por Positivas.
20:00 h. Antonio Tizón asina Os incurábeis, publicado por Xerais.
21:00 h. Jorge Emilio Bóveda asina O libro cero, publicado por Galaxia.

Ourense: Feira Virtual do Libro 2020, actividades do 9 e 10 de outubro

Obradoiro de creación literaria O insólito no día a día, con Jorge Emilio Bóveda, en Ourense

O obradoiro de creación literaria O insólito no día a día, impartido por Jorge Emilio Bóveda, e cunha sesión maxistral a cargo de Ramón Caride, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Liceo de Ourense e o patrocinio da Xunta de Galicia.

A literatura insólita procede de tentar dar resposta ás grandes cuestións da humanidade dende a orixe dos tempos coñecidos: o efémero do ser, a morte, a vida noutros mundos, o alén… Unhas preguntas cuxas respostas foron dadas pola imaxinación nunha época que as vinculou a un xénero mal chamado Ciencia Ficción pero que hoxe en día, grazas á súa enorme transcendencia, constitúen temas recorrentes da literatura con maiúsculas.
Ofrecemos unha viaxe que cubra varias estacións de paso, dende as novelas de anticipación ás modernas distopías, das viaxes fabulosas de diversas mitoloxías aos libros populares de heroes máis ou menos verosímiles. Dende as viaxes no tempo de certas obras medievais ata os actuais multiversos, das xestas e eddas nórdicas á moderna fantasía épica.
Un periplo fabuloso con paradas nas nosas propias achegas creativas que demostrará como o literario flúe sen cancelas ao longo do noso existir atendendo ás nosas teimas.

Terá 6 sesións de 3 horas cada unha, en horario de 10:00 a 13:00, que se celebrarán os sábados:
26 de setembro.
3, 10, 17, 24 e 31 de outubro.
E 1 sesión final de 2 horas, en horario de 11:00 a 13:00, que se celebrará o sábado 7 de novembro.
Terá lugar no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5).

Hai 20 prazas, gratuítas, para maiores de 18 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude.
A inscrición, gratuíta, pode realizarse, até o 24 de setembro de 2020, no correo electrónico oficina@aelg.org

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.


O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Jorge Emilio Bóveda le un texto de Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero, por parte de Jorge Emilio Bóveda, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Jorge Emilio Bóveda somérxenos nun western galego en Deserto García

Entrevista a Jorge Emilio Bóveda no Zig-zag da Televisión de Galicia:
Deserto García é a nova novela do escritor Jorge Emilio Bóveda. É un western galego cheo de violencia dunha sociedade embrutecida. O protagonista, un garda civil retirado, foxe do seu pasado mudándose a unha aldea. A entrevista pode verse aquí.”