Cuestionario Proust: Helena González

DesdeHelena González Fernández o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Helena González:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O entusiasmo emprendedor. Abrir portas. Anoar redes. Lousar prazas. Resistir o baleiramento dos saberes e das prácticas que produce a factoría universitaria e alimenta o fordismo intelectual. Sempre co pensamento crítico atravesando corpos, comunidades, emocións…
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Promover o vínculo valorando a distancia. Pactar o común sen perder pé no lugar propio.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Risa e xogo. Complicidade e discrepancia. Terapia, cando cómpre. E partillar todo o que pasa pola boca e caricia.
4.– A súa principal eiva?
– A constancia, a paciencia, a prudencia… e todas as virtudes marianas.
5.– A súa ocupación favorita?
– Abrirlles rodeira á fascinación e á pregunta, aquí e acolá.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Prendo na felicidade pública de Hannah Arendt que turra polo presente e propicia os cambios. Prendo na “Penélope” de Xohana Torres como se fose unha bandeira ao nordés: “non terás medo”, “eu tamén navegar”.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sucumbir ao medo (Sara Ahmed, Judith Butler). Esquecer a herdanza e os espazos de liberdade para as mulleres e os corpos (Fina Birulés, Rosi Braidotti). Sachar a penas na horta propia, sen procurar outros lugares de labor, outros horizontes (Marta Segarra). Facer do pasado un coxín confortábel de nostalxia ou proxección intereseira do presente (Encarna Sanahuja, Dolors Molas). Desatender a responsabilidade debida ás voces novas, á xente nova (Elena Losada, Rosa Rius).
8.– Que lle gustaría ser?
– Imposibilitada para formular identidades futuras… vou indo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Antes respondería por Manuel Rivas: “aquel que dea boa sombra”. Agora vou pola Ana Romaní de Estremas: “unha urdidume líquida / para este tránsito de caudais”. Ou sexa, aquela comunidade que se rexe polo dereito a decidir, todiño.
10.– A súa cor favorita?
– O branco da cicatriz de Margarita Ledo. O negro de Rosalía de Castro, por Roger Mas e mais a Cobla Sant Jordi. O branco-azul da lámpada de tampóns de Joana Vasconcelos. Os Monocromos de Olga Novo. O laranxa na cuberta de Isué de Mercedes Peón. O violeta, e o verde, e o arco da vella…
11.– A flor que máis lle gusta?
– A do xenxibre, polo rizoma. A da árnica, para a dor.
12.– O paxaro que prefire?
– Entre as aves poetas: Chus Pato. Entre as paxariñas do tempo detido: a da “Cantiga CIII” de Alfonso X. Entre as aves rapaces que voan a gran altura: o cóndor que descende en O navio negreiro de Castro Alves. E ese Ave que me é tan familiar…
13.– A súa devoción na prosa?
– Non gasto devocionarios. Enriba da mesa: Carol Bensimon, Fran Lorenzo, María Reimóndez, Murasaki Shikibu e o epistolario francés de Maria-Mercè Marçal sobre Renée Vivien. E no ordenador: Galeg@s sen fronteiras de José Colmeiro,
14.– E na poesía?
– Nestes tempos éme imprescindíbel o poema á lingua “Lépida e leve”, da Gilka Machado. Enriba da mesa: Luz Campello García, Gonzalo Hermo, Miriam Reyes. E no ordenador: Poétic@ de Fran Alonso.
15.– Un libro?
– Un, só? Agora mesmo: Pretty Deadly, vol. 1, de Emma Ríos e Kelly Sue DeConnick (“queremos máis!”).
16.– Un heroe de ficción?
– A viúva de vivo de Rosalía de Castro, que ao final do libro V de Follas novas tamén decide emigrar. Ou sexa: aquela que abandona a espera e perde o medo. Léase o derradeiro poema.
17.– Unha heroína?
– A mesma.
18.– A súa música favorita?
– Mudo a miúdo. E procuro con ansia a posibilidade do silencio (vivo na cidade, móvome en metro, participo na educación sentimental das veciñas do primeiro andar polo patio de luces). Agora: Satie, Diana Krall, Madredeus, Elis Regina, Arvo Pärt.
19.– Na pintura?
– Os corpos de Claudia Rogge. Os retratos de Andrea Costas. As instalacións de Pipilotti Rist. As cadeiras de Antón Patiño. As colaxes de Rebeka Elizegui. O corazón de Francisco Remiseiro para Método cardiofónico. O naufraxio da memoria de Miguelanxo Prado. O Sinsonte de Víctor Escandell. As flores de Georgia O’Keefe… Sigo?
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Tantísimas nómades nos non-lugares. Nos desertos, nas fronteiras, no bandullo dos caiucos, nos centros de internamento, nos campos, nos barcos en augas internacionais…
21.– O seu nome favorito?
– Esmeralda: xitana en Victor Hugo, vampira labrega en Rosalía de Castro.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O uso de uniformes con naftalina.
23.– O que máis odia?
– Seguindo a Risco, “ascender de porco a marrán”. E seguir sumando nomes e homes ao listado de aportacións decisivas que Galicia fai á historia (carca) de España.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O señor patriarca na cadeira (trincheira) de veludo. O homicida que é feminicida.
25.– Un feito militar que admire?
– “Que la música militar, / nunca me supo levantar”.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O olfacto do esquío. A xeolocalización da abella. A suavidade branca do croio.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Por vontade propia. Eutanasia. E lonxe, ben lonxe, das factorías do coidado que deshumanicen e amalloen os corpos e a vontade aos protocolos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Centrifugada.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Indulxencia? Estou incapacitada para este termo eclesiástico, xerárquico, e chantado na lei.
30.– Un lema na súa vida?
– Un, só? “Nosoutras decidimos”.”