Entrevista a Alberte Blanco en La Región:
“(…)- La Región (LR): Semella que foi deixar a política e comezar a escribir. Foi unha vía de escape para esa inactividade?
– Alberte Blanco (AB): Non, a min dende sempre me gustou escribir. O que ocurre é que a miña actividade política, que comecei moi pronto, mo impediu dalgún xeito ata o de agora. A adicación á política non é compatible co exercicio dunha literatura pensada. Se estás respostando ás inquedanzas da cidadanía pola súa realidade non tés a necesaria tranquilidade para escribir.
– LR: Fálenos un pouco da nova obra, O códice esmeralda, que se está a distribuír estes días polas librarías.
– AB: É unha novela ambientada alá por principios do século XVIII, concretamente no ano 1702, o da batalla de Rande. Realmente son como tres historias entrelazadas, aínda que se poderían ler por separado, relacionadas coa tripulación de flota de Nueva España que atracou en Vigo. O achado dun antigo manuscrito familiar embarca a Xacobe nunha investigación que o retrotrae aos tempos da batalla de Rande. Xan Bieito, un antepasado seu, fora grumete na frota de Nova España e relatara as peripecias da longa viaxe, ademais da histórica batalla naval de 1702 na Ría de Vigo. O manuscrito deixaba entrever a existencia dun tesouro oculto, protexido por un estraño enigma que teóricamente deberían resolver os seus sucesores.
– LR: Con todo, non é o único xénero que cultiva. Digoo pola recente publicación do libro sobre o camiño de ferro na comarca.
– AB: Si, foi un traballo importante de investigación, como outros que teño asinado, tanto de xeito colectivo como a título particular. Fáloche, por exemplo, dun ensaio sobre o monte galego, froito en parte da miña experiencia nesa responsabilidade. (…)”
Arquivos da etiqueta: La Región
Entrevistas a Ana Acuña e Diego Ameixeiras en La Región
Coñécense os/as gañadores/as dos XXIV Premios Irmandade do Libro
Desde Sermos Galiza:
“Que Yolanda Castaño era a gañadora como autora do ano xa se adiantara uns días antes de que a Federación de Libreiros entregara este sábado os seus premios. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, sería o recoñecido como mellor libro do ano. (…)
Canda el, fixéronse públicos os nomes gañadores das outras edicións que recaeron no IES Castro Alobre de Vilagarcía como centro de ensino, na editorial Alvarellos polo fomento da lectura, Xiqui Xoque, Fiú fiú! (Galaxia) como libro infantil e xuvenil do ano e Urco Colección Gótica como Obra editorial.
Na modalidade de librarías foi premiada O Pontillón mentres que a La Región mereceu o recoñecemento de honra dos Premios Irmandade do Libro.
Entrevista a Ramón Nicolás sobre Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro
Entrevista a Ramón Nicolás en La Región, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – La Región (LR): Que foi o máis sorprendente que atopou no estudo [Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro]?
– Ramón Nicolás (RN): A época de mozo en Celanova porque a actividade política de compromiso coas Mocidades Galeguistas é fascinante. De feito, o grupo de Celanova converteuse na bandeira de toda Galicia daquela asociación xuvenil, e incluso con Pepe Velo dirixiu a propia Federación de Mocidades Galeguistas dende un posicionamento político galeguista, nacionalista e de esquerdas. No plano persoal, descubríuseme un personaxe moi afable, que sabía escoitar, cos seus evidentes momentos de arrouto pero cun carácter moi popular. Gustáballe gozar coa vida no posible, aínda que tamén é evidente que lle deu moitos golpes. (…)
– LR: Neste sentido, cre que se desvirtuou a figura do poeta?
– RN: Ó meu parecer, sufriu certo encaixe na faceta de carácter social ou reivindicativo, unha terminoloxía á que Celso Emilio lle fuxía moito. Aínda hoxe, é o escritor galego que máis musicacións de poemas ten e foi esa popularización a que puido causar un encasillamento ó meu xuízo falso porque tamén é un poeta sentimental, amoroso, intimista e, sobre todo, cun aguillón crítico extraordinario sen parangón na literatura do seu tempo e mesmo na actual. Isto é tamén froito dos moitos imitadores que viñeron despois e que agotaron o modelo. (…)”.
Ramón Caride: “O peor desta provincia é que se está indo xente moi preparada”
Entrevista a Ramón Caride en La Región:
“(…) – La Región (LR): En que está traballando agora?
– Ramón Caride (RC): Estou escribindo outro conto infantil e acabo de rematar O capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ambientado na cidade de Ourense, concretamente nas termas, e que presentarei en xaneiro do ano que ven. Ademáis, acaba de sair en Xerais unha recopilación de relatos e de novelas de serie negra: Sarou/Louzós, son libros para adultos que estaban esgotados, e que presentarei en novembro en Vilagarcía, aínda que xa está a venta nas librerías. (…)
– LR: Cómo lle afecta a crise ós escritores?
– RC: Os escritores estamos menos afectados pola crise porque a crise forma parte de nós en Galicia. Hai moi poucos que podan vivir de escribir, cóntanse cos dedos da man e sobran. A quen máis lle repercute é as editoriais, ós músicos, ós actores, ós deseñadores gráficos, en xeral, a todo o mundo, pero ós escritores menos porque xa estabamos mal, e onde non hai non se pode empeorar. A situación xa non permitía vivir da literatura porque o mercado galego é pequeno e non temos capacidade para vendernos fora, non temos medios nin axentes literarios que son os que fan que un autor poda vivir do que escribe.
– LR: E non ten solución?
– RC: Si, hai paises como Finlancia, Islandia ou Dinamarca, en xeral todos os nórdicos, nos que os gobernos consideran prioritaria a cultura e apostan moi forte pola política cultural.
– LR: Con este panorama, ata debe ser difícil inspirarse para escribir.
– RC: Escribir non é o resultado dunha inspiración, no meu caso responde a unha necesidade interior. Por exemplo, a situación de crise non me condiciona, o que quero é evadirme, escribir sobre un mundo imaxinario. Agora non é a mellor época pero tampouco é a peor, porque meus pais tiveron que pasar moitos apuros para pagar os estudios meus e do meu irmán, penso que a deles era unha vida peor que agora. Creo que non estamos no fondo do pozo, na historia houbo épocas moito peores. (…)”.