Escribir nas marxes, por Lara Rozados

ReportaxeA Sega de Lara Rozados na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Outro setembro volvémonos xuntar en Salvaterra do Miño para partillar poesía, música, encontro, e si, tamén bebida. O XXVIII Festival de Poesía do Condado, co lema “Escrever nas margens”, xuntou unha chea de xente unha vez máis a pasada fin de semana, o venres 5 e sábado 6 de setembro, acampando arredor da Muralla, montando postos de artesanía, de pequenos negocios, asociacións ou colectivos, recitando, tocando, cantando, bailando, ou ben paseando e gozando da festa sen máis. Unha festa destas que nacen da xente e para a xente.
A Sociedade Cultural e Desportiva do Condado continúa, case tres décadas e varias xeracións despois (ás que roldamos a trintena empeza a desacougarnos a cantidade de cativada e pre-cativada, ou barrigas, para ser máis clara, que se atopa no festival), loitando por esta festa, con escasos apoios institucionais, pero moito da propia xente. Dicía Lara Soto (quen loce unha das barrigas destas das que falo) cando presentaba a Blues do País, ao inicio da Noite nas Minas, que custa traballo facerse ver, pero aí seguen. Pouca xente, pero con moita gana e moito que dicir. E así arrincou, desde esa marxe física e simbólica que é a fortaleza á beira do Miño, unha nova edición do festival. (…)”

Orlando. Unha biografía, de Virginia Woolf, por Lara Rozados

Artigo de Lara Rozados para A Sega:
“(…) É unha moi boa noticia a aparición desta nova editorial, pequena e independente, dedicada á tradución ao galego de clásicos da literatura universal. Irmás Cartoné, creada por Carlos Valdés e Celia Recarey, preséntase ante as lectoras e os lectores cunha novela [Orlando. Unha biografía] que constitúe, en palabras de Nigel Nicolson (fillo, por certo, de Vita Sackville-West) na contracapa, “a máis longa e encantadora carta de amor da literatura…” O libro foille dedicado pola súa autora, Virginia Woolf, a Vita Sackville-West, e en efecto preséntase como un canto de amor e liberdade, escrito coa intelixente ironía, co afán experimental e co bo facer técnico que caracterizan á escritora.
Baseada en pasaxes da vida da propia Sackville-West, a novela preséntanos os paradoxos da sociedade patriarcal e tamén da historia británica: @ protagonista (a arroba aparece aquí cargada de significado) vive, ao longo de catro séculos e dos dous sexos, todas as emocións e pensamentos posibles, nun impecable exercicio de creación de ficción. “A natureza e as letras parecen terse mutua antipatía: se un as xunta, esnaquízanse unha á outra”. (p. 16). Comeza o biógrafo situando a quen le na época isabelina para leval@, da man do seu/da súa Orlando, a través dos séculos. Un mozo nobre e ilustrado vive libre de preocupacións, até que, a piques de contraer matrimonio, chega unha Grande Xeada. Orlando escribe, antes de facer vinte e cinco anos, “unhas corenta e sete obras, relatos, novelas, poemas” (p. 59), posuído pola “enfermidade” da escrita. E con trinta anos, “este xove nobre non só vivira todas as experiencias que a vida ten que ofrecer, senón que vira a futilidade de todas elas”. (…)”

Lanzamento da plataforma de crítica literaria A Sega

A escritora María Reimóndez, a poeta Susana Sánchez Arins e a Concelleira de Igualdade do Concello de Vigo presentaron hoxe A Sega, unha plataforma de crítica literaria feminista que pretende crear un espazo de referencia para a crítica, ata o momento monopolizada por voces masculinas e en moitos casos patriarcais.
O obxectivo desta plataforma, que se presenta no mes do nacemento de Rosalía de Castro e na cidade que conmemora o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, é visibilizar as obras escritas por autoras e realizar novas lecturas de todo o acervo literario en lingua galega. A plataforma, no seu esforzo de tecer redes, colaborará co Centro de Recursos Feministas do Concello de Vigo doando ao seu fondo aquelas obras recensionadas que sexan de interese para esta iniciativa da cidade. Tamén colaborará activamente coa Libraría Lila de Lilith de Santiago de Compostela.
No manifesto de fundación (que se pode consultar completo aquí) recóllese que A Sega “nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición e pola falla de análise crítica dos textos das autoras”.
A plataforma recollerá recensións críticas sobre obras de autoras galegas e foráneas e tamén textos de teoría da crítica “para compartir as ferramentas e os discursos críticos” con quen queira sumarse á “destreza segadora” das críticas.
No inicio da andaina d´A Sega participan Andrea Nunes Brións, María Reimóndez, Marga Romero, Lara Rozados, Susana Sánchez Arins e Beatriz Suárez Briones. É esta unha plataforma aberta á que se irán incorporando novas voces.