Antón Patiño: “Para chegar a Lois hai que ter a intensidade que el tiña”

Entrevista a Antón Patiño en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Despois de todo un ano de falar de Pereiro, ¿cales son as chaves para chegar a el?
– Antón Patiño (AP): Hai que ser fieis á súa identidade. Para chegar a Pereiro hai que ter a intensidade que el tiña para todo.
– LVG: ¿O formato dicionario favorece ese achegamento?
– AP: É axeitado porque pretendo achegar a Lois desde diferentes perspectivas. É un achegamento á súa obra e á súa circunstancia, pero tamén é un xeito de explicar o impacto das mutacións do mundo na segunda metade do século XX. É, ademais, unha achega á miña xeración. O dicionario respecta a simultaneidade das influencias nas 320 entradas que ten. Incorpora material de Piedad Cabo, a que foi a súa compañeira, que completa a visión sobre Lois.
– LVG: ¿Quedan cousas por dicir sobre o escritor?
– AP: Un poeta como Lois Pereiro non se esgota nunca. O carácter da súa obra está blindado conta a xibarización ou contra o esquematismo. É unha obra que nace dun proceso de subtracción e polo tanto mantén vivo o enigma, esas zonas de penumbra luminosa. Pereiro resiste calquera proceso de banalización.
– LVG: ¿No seu caso, quédanlle cousas por dicir sobre o poeta?
– AP: Unha vez que entregue o texto da miña intervención no congreso, creo que cumprín un ciclo de explicar a Lois Pereiro desde a miña proximidade xeracional, pero tamén desde a fascinación pola súa obra, pola súa relación con outras obras.”

Debate, proxección audiovisual e novos libros sobre Lois Pereiro

O xoves 24 de novembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Rúa (R/ San Pedro, 24) de Santiago de Compostela, terá lugar un evento, baixo o título Lembrando a Lois Pereiro, no que participarán Xosé Manuel Pereiro, O Leo, Iago Martínez e Daniel Salgado, moderados por Alberto Ramos. Antes da conversa, está previsto que se proxecte un fragmento da peza artística Corporal (je t’aime), proxecto baseado nunha idea de Antía Otero e Carlos Neira, a partir de poemas de Lois. Desde Cultura Galega.
Esta nova coincide coa saída de dous libros sobre o autor a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas: Lois Pereiro. Dicionario de sombras, de Antón Patiño, editado en Espiral Maior, e o catálogo da exposición Quen corta os fíos do soño?, publicado pola Fundación Luís Seoane. Desde a páxina oficial de Lois Pereiro.