Santiago: Celso Emilio e a dignidade da terra, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 14 de abril, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade amadriñada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro: Celso Emilio Ferreiro e a dignidade da Terra, autor dalgún dos títulos que deixaron unha máis fonda pegada na literatura galega contemporánea, como Viaxe ao país dos ananos, Onde o mundo se chama Celanova, O soño sulagado, e sobre todo Longa noite de pedra, estandarte profusamente musicado desde a nova canción galega dos anos 60’ ate os nosos días. En 2012 conmemoramos o centenario do seu nacemento. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Ramón Nicolás Rodríguez. Profesor e crítico literario. Realizou diversos traballos sobre Celso Emilio Ferreiro e ten a piques de publicar unha biografía sobre o celanovés.
13:00 h. Labregos do Tempo dos Sputniks (35 minutos). Tres colosos do punk (O Leo), do hip hop (García Mc -Dios Ke Te Crew-) e do ska (Vero –Xenreira-) conflúen nunha das bandas máis poderosas da escena musical galega actual, en tributo aos versos de Celso Emilio.

Presenta: Luís Ferreiro, fillo do poeta e presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Pontedeume: charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, con Ramón Nicolás e Luís Ferreiro

O xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro de Maiores (Rúa Ferreiros, 20) de Pontedeume, terá lugar unha charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, coa presenza de Ramón Nicolás e Luís Ferreiro, fillo do escritor. O acto está organizado pola Lonxa Literaria do Ateneo Eumés Fernán Martís, e, dentro del, leranse poemas de Viaxe ao país dos ananos.

Programa sobre Celso Emilio Ferreiro en Eirado, da TVG

Desde Xerais:
“O programa Eirado, que dirixe o xornalista e escritor Pemón Bouzas, dedicou un interesantísimo programa monográfico a Celso Emilio Ferreiro. Amais dunha magnífica reportaxe de Luís Méndez e de entrevistas sobre o poeta de Celanova co seu fillo Luís Ferreiro, co seu biógrafo Ramón Nicolás e coa responsable da edición da súa narrativa Mónica Góñez, o programa recupera do arquivo a actuación de tres músicos que cantaron os seus poemas: Amancio Prada, Luís Emilio Batallán e Suso Vaamonde.

Santiago: presentación do monográfico Celso Emilio fai 100 anos

O xoves 26 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o monográfico Celso Emilio fai 100 anos, publicado pola Asociación Arraianos, onde se recolle material inédito do poeta celanovés, un CD dos Labregos no tempo dos Sputniks e as colaboracións de Xesús Alonso Montero, Aser Álvarez, Miguel Castelo, Lois Codias, Carlos Díaz, Isaac Díaz Pardo, Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, Benedicto García, X. L. Méndez Ferrín, Ramón Nicolás, Xaime Quessada, Baldo Ramos, Armando Requeixo, Xosé Benito Reza, Sabino Torres, Miro Villar, Manuel Vilanova e Xosé Vizoso. Intervirán no acto Aser Álvarez, Xoán Xosé Moralejo e Armando Requeixo. Actuarán interpretando temas musicados con versos de Celso Emilio os Labregos no tempo dos Sputniks.

Vigo: presentación do libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro

Mañá venres 15 de maio terá lugar a presentación en Vigo do libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, editado por Xerais. Será na Casa do Libro (rúa Velázquez Moreno, 27) ás oito do serán, con entrada libre. O acto contará coa participación de Xesús Alonso Montero, Luís Ferreiro, Manuel Bragado e Ramón Nicolás.