Santiago: Conexões IV. A literatura brasileira hoje. Diálogos Galiza-Brasil

O evento Conexões IV:-A Literatura Brasileira hoje. Diálogos Galiza-Brasil, que terá lugar no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela, entre os días 17 e 19 de outubro de 2011 constitúe o primeiro encontro deste teor que se desenvolve na Europa. A orixe desta iniciativa está no proxecto Conexões-Mapeamento Internacional da Literatura Brasileira. Trátase dun programa da área de Literatura do Itaú Cultural que, desde 2008, constitúe un espazo de reflexión e debate e elabora unha base de dados sobre a difusión e a presenza da literatura e da cultura brasileiras no exterior. Esa cartografia permite planificar e desenvolver políticas concretas de apoio á difusión e coñecemento da literatura e da cultura brasileiras a nivel internacional. Trátase do cuarto encontro internacional do programa do Itaú Cultural e o segundo realizado fóra do País –o primeiro foi na Universidade de Wisconsin-Madison (EUA). No Brasil tiveron lugar os encontros de pesquisadores, tradutores e escritores brasileiros e estranxeiros en São Paulo (2008) e no Rio de Janeiro, en parcería coa Universidade Federal do Rio de Janeiro (2009). Alén diso, o Conexões Itaú Cultural xa presentou o seu mapeamento internacional da literatura brasileira na reunión da Associação Europeia de Pesquisadores em Brasil (Universidade de Salamanca, 2009), no 10º Congresso Internacional da Brasa (Brazilian Studies Association) (Brasília, 2010), alén de participacións no Fórum das Letras 2010 (Ouro Preto-Minas Gerais) ou das edicións  de 2010 e 2011 na Festa Literária Internacional (FLIP) de Paraty. Conexões IV será co-organizado polo Itaú Cultural e o Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Embaixada do
Brasil en Madrid e Fundación Cultural Hispano- Brasileña e da Universidade de Santiago de Compostela. Os responsables son Claudiney Ferreira (Itaú Cultural), Felipe Lindoso (consultor do Itaú Cultural) e Carmen Villarino Pardo (USC). Este Encontro pretende que escritores/as brasileiros/as (con traxectorias amplamente consolidadas e con obras traducidas en diversos países poidan discutir en mesas-redondas sobre as dinámicas actuais da literatura brasileira e as dificultades para se inserir nos espazos da crítica e dos mercados internacionais e contrastar esa situación con escritores/as galegos/as homólogos e con críticos literarios, editores, pesquisadores, docentes e tradutores.

O programa, que pode ser descargado aquí: Conexões IV, está formado polas seguintes actividades:

Luns, segunda feira, 17 de outubro

17:00 h. Inauguración e presentación á prensa.
17:30 h. Conexões Itaú Cultural – A literatura brasileira hoje. Conexões dentro e fora do Brasil. Mesa 1. Con Carmen Villarino (moderadora), Claudiney Ferreira, Felipe Lindoso, Carlos Quiroga e Marco Luchessi.
19:30 h. Actuación de Quico Cadaval.

Martes, terza feira, 18 de outubro

09:30 h. Descubrindo o Brasil – As pesquisas sobre literatura brasileira e as súas ligazóns con outras disciplinas no ámbito do “Brasilianismo”. Mesa 2. Con Leonardo Tonus (moderador), Carlos Paulo Martínez Pereiro, Elena Losada, Florencia Garramuño e Darlene Sadlier.
12:00 h. Diálogos de escritores 1. Con Felipe Lindoso (moderador), Marçal Aquino, Luiz Ruffato, Suso de Toro e Iolanda Zúñiga.
16:00 h. A mediación cultural como diálogo. Mesa 3. Márcio Souza (moderador), Marco Lucchesi, João Almino, Antonio Maura e Manuel Bragado.
18:15 h. Entrega da colección de libros de asunto galego-brasileiro do Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela.
19:30 h. Presentación do libro O conto brasileiro contemporâneo, editado por Laiovento e organizado por Carmen Villarino Pardo e Luiz Ruffato (na Libraría Couceiro Praza Cervantes, 6, de Santiago de Compostela).

Mércores, cuarta feira, 19 de outubro

09:30 h. As vertentes do ensino de literatura brasileira. Mesa 4. Con Carlos Paulo Martínez Pereiro (moderador), Pedro Serra, Leonardo Tonus, Florencia Garramuño e Darlene Sadlier.
12:00 h. Espazos para a literatura brasileira actual. Mesa 5. Con Luiz Ruffato (moderador), Marçal Aquino, Cíntia Moscovich, Anxo Quintela e Elias Torres.
16:00 h. Diálogos de Escritores 2. Con Claudiney Ferreira (moderadora), Márcio Souza, Cíntia Moscovich, Xavier Queipo e Víctor Fernández Freixanes.
18:00 h. Clausura.
20:00 h. Presentación do libro Extramunde, de Xavier Queipo, publicado en Xerais (no CGAC, Rúa de Ramón del Valle-Inclán. 15704 Santiago de Compostela). Despois representarase o espectáculo artístico O embigo do mundo / L’ombelico del mondo, coa participación de Manuel Bragado, Quico Cadaval, Olga Cameselle e o Colectivo Ríolagares (MisterChoco e o propio Xavier Queipo).

Muxía: presentación de O noso amor será eterno, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón

O sábado 8 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Voluntariado de Muxía, preséntase a novela O noso amor será eterno, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Félix Porto, Viki Rivadulla, Miro Villar e Manuel Bragado. O acto está organizado pola editorial e a Fundación Gonzalo López Abente.

Santiago: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O mércores 5 de outubro, ás 20:30 horas, no Restaurante O Dezaseis (Rúa de San Pedro, 16) de Santiago de Compostela, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participan, co autor, Francisco Rodríguez, Ramón Mariño Paz, Noelia Fernández Sánchez e Manuel Bragado.

Lugo: presentación de Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas

O venres 30 de setembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas, publicado en Xerais. No acto, acompañando ao autor, participarán Xosé Chorén e Manuel Bragado. Crónica posterior en El Progreso.

Os editores preparan unha plataforma de contidos dixitais en galego

“Esta semana o Diario de Arousa publicou unha entrevista a Manuel Bragado, director de Edicións Xerais e presidente da Asociación Galega de Editores, na que comenta os cambios no sector editorial e o seu compromiso coa lingua galega, o que levou a que en 2009 se publicaran máis de 4.000 volumes en galego e unha facturación de 22 millóns de euros. Pero ese bo momento non está a manterse no tempo, e tanto a conxuntura económica actuais como a revolución dos novos soportes están a ter repercusións das que o sector non é alleo, de aí que Bragado asegure que estes novos retos obriguen a “un proceso de reconversión moi profundo, que afecta tanto á creación editorial como ás canles de distribución e promoción”. Nesta liña, Bragado adianta que nas vindeiras semanas os editores abrirán unha plataforma de contidos dixitais en lingua galega, o que promete ser unha aposta de máis calado que a tímida entrada de Xerais no libro dixital (actualmente o seu catálogo de e-books limítase a 4 obras, moi lonxe dos 50 títulos que prometeran hai un par de anos). O que si parece claro é que os rumores que apuntan ao perigo de peche de Edicións Xerais non teñen ningunha xustificación (tal e como confirmou o seu director), e a editora continúa con forza, adaptándose aos cambios do sector e continuando a traballar co seu demostrado compromiso coa nosa lingua.” Vía Código Cero.

María Xosé Queizán: “Os académicos da RAG cren que o saber é cousa de homes”

‘”Os académicos consideraron que o saber é cousa de homes. A Academia será o último que cambie na sociedade. Aínda que vaian introducindo algunha muller a conta gotas coma quen regala unha flor”. Esa é unha das mensaxes que lanza a escritora María Xosé Queizán a través dunha carta que onte enviou ao Consello da Muller de Vigo e que hoxe reproduce na súa totalidade Manuel Bragado no seu blog Brétemas. Nesa carta, a autora de Amor de tango afirma que non estaba entre os seus desexos entrar na institución presidida por Méndez Ferrín. “Non quero nin quererei entrar na Real Academia Galega. Non me vexo na Academia e tampouco teño tempo para esa ocupación. Son abondas xa as miñas ansias e preocupacións, entre as que están as literarias, as culturais e o activismo feminista”. Queizán, ademais, emprega esta carta para amosar “a súa alegría” por que o Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo presentase a iniciativa para que a escritora formase parte da Academia. “Dixen daquela que o voso recoñecemento era máis imporante para min que o ingreso nesa alta institución. Sei que as amigas e compañeiras feministas confiaban no labor que podía levar a cabo nesa Real Institución a favor das mulleres galegas, no eido lingüístico e cultural”, explica na misiva.’ Vía Xornal.

Lugo: presentación de Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo

O venres 9 de setembro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase a novela Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo, publicada en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Xosé Orozco e Manuel Bragado.

Isaac Xubín gaña o premio literario Os Viaductos

“O premio literario de relatos curtos en galego Os Viaductos recalou este ano no filólogo coruñés Isaac Xubín, quen gañou 1200 euros e a publicación da obra presentada, titulada Le pied de Julien Dupuy. O novo autor explicou que o conto, de apenas seis páxinas, “narra a vida de tres persoas en Francia, en tres relatos diferentes unidos por un pano de fondo que é o deporte do rugbi”. O xurado do certame tamén recoñeceu os traballos de Pedro Feijóo Barreiro (O segredo do viaducto) e Alberto Rodríguez (Contradanza para dous coellos). A entrega de premios deste prestixioso concurso literario para mozos tivo lugar o sábado pasado na Casa da Torre, coa asistencia do escritor e académico da Real Academia Galega e xefe de Policía de Galicia, Luís García Mañá, o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, o alcalde Javier Bas e o concelleiro de Cultura Alberto Pazos”. Vía Bibliotecas de Redondela.

Carballo: actividades literarias do venres 26 de agosto na Praza dos Libros

Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolve entre o xoves 25 e o domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o venres 26 de agosto:

19:30 h. Presentación de Penúltimo dietario, de Xosé Neira Vilas, publicado en Xerais. Participan Silvana Castro, Manuel Bragado e o propio autor.
20:15 h. Sinatura das súas obras por parte de Xosé Neira Vilas.
20:30 h. Conversa con Ignacio Silva, autor de Cara B, e Rosalía Fernández Rial, autora de Átonos.

O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.

Carballo: actividades do xoves 25 de agosto na Praza dos Libros

Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolverá entre o xoves 25 e o domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o xoves 25 de agosto:

13:00 h. Pregón a cargo de Rosalía Fernández Rial, coa participación de Mar Eirís e Evencio Ferrero.
19:30 h. Presentación do libro de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa, publicado en Edicións do Castro. No acto estará acompañada por Celsa Sánchez, Paco Graña e a música de O Mighelo.
20:30 h. Presentación do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Xosé Regueira, Manuel Bragado e Luz Cures.

O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.