Santiago: presentación do novo libro de Goretti Sanmartín

Mañá xoves 12 de febreiro preséntase na Libraría Pedreira (Rúa Home Santo, 55, Santiago de Compostela) o libro Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín, editado por Xerais. No acto participarán Xosé Manuel Sánchez Rei, Teresa Moure, Manuel Bragado e a autora do libro. Será a partir das 20:30, con entrada libre.

Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensamento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente”.

Presentación do libro Conversas con Emilio Pérez Touriño

O próximo luns 2 de febreiro ás 18 horas terá lugar a presentación do libro Conversas con Emilio Pérez Touriño. Soños, proxecto, compromiso de Manuel Lombao. O acto celebrarase no Auditorio do Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval, s/n) en Santiago de Compostela, e contará coa participación do editor Manuel Bragado Rodríguez, Isaac Díaz Pardo, Emilio Pérez Touriño e o autor.

Emilio Pérez Touriño “debulla na súa conversa con Manuel Lombao as claves do seu proxecto político para Galicia en asuntos tan decisivos como as infraestruturas, a ordenación territorial, a reforma estatutaria, a educación ou a lingua”. O libro ofrece tamén un retrato máis persoal do presidente da Xunta de Galicia, que fala “das súas orixes familiares, da súa adolescencia, das súas experiencias militantes e da súa vida académica, así como das circunstancias e motivos que o levaron a renovar o socialismo galego e a liderar o proceso que conduciría á formación do primeiro goberno de esquerdas da historia de Galicia”.

Manuel Lombao (Lugo 1943) é licenciado en Ciencias da Información e en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou na SER e na COPE, en Lugo e en Madrid, e en RTVE, durante 30 anos. Foi director de RNE e de TVE en Galicia, subdirector de Informe Semanal, director do programa Parlamento e director dos centros territoriais de TVE, así como vicepresidente de CIRCOM, organización de 300 televisións públicas rexionais europeas. Ten varios premios de radio e televisión. Profesor e escritor, é actualmente o director do Instituto Cervantes en Brasilia.